IgadiPaper nº169

Distribuir

Distribuir contido

Crise en Venezuela: Escenarios para unha mediación

a) Introdución
IgadiPaper nº169 - Crise en Venezuela: Escenarios para unha mediación

Baixo o auspicio da Unión de Nacións do Sur (UNASUR), a misión mediadora liderada polo ex presidente español José Luís Rodríguez Zapatero, na que igualmente se inclúen os tamén ex presidentes dominicano Leonel Fernández e panameño Martín Torrijos, centrada na busca de marcos de diálogo e de entendemento para alcanzar unha solución á crise política e socioeconómica venezolana, encara un período decisivo entre setembro e outubro, particularmente en canto á avaliación de propostas e de seguimento dos mecanismos de negociación previstos. Paralelamente, debe destacarse tamén o papel igualmente específico e decisivo do secretario xeral da UNASUR, o ex presidente colombiano Ernesto Samper, así como de Susana Malcorra, actual ministra de Exteriores do goberno arxentino.

Desde o seu comezo en maio pasado, esta misión liderada por Rodríguez Zapatero (quen tamén ocupa o cargo de enviado especial da Unión Europea para Venezuela) realizou tres visitas a Caracas (maio, xuño e setembro), reuníndose cos principais actores políticos, incluíndo o presidente Nicolás Maduro e altos funcionarios do seu goberno, entre os que destacan Diosdado Cabello, presidente do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV). Do mesmo xeito, Rodríguez Zapatero reuniuse con líderes opositores como o presidente da Asemblea Nacional, Henry Ramos Allup, o ex candidato presidencial Henrique Capriles Radonski, representantes da plataforma Mesa pola Unidade Democrática (MUD) así como co ex alcalde Leopoldo López, en prisión desde febreiro de 2014.

A misión de Rodríguez Zapatero sitúase no marco dun tenso clima político en Venezuela, particularmente definido polos esforzos da MUD en propiciar para 2016 un referendo revogatorio contra o mandato de Maduro que eventualmente permita a celebración de novas eleccións presidenciais. O presidente Maduro, contrariado polos baixos índices de popularidade por mor da crise socioeconómica, tenta postergar esta convocatoria electoral para despois do 10 de xaneiro de 2017. A razón débese a que os prazos previstos pola Constitución Bolivariana([1]) establecen que, despois desa data, en caso de celebrarse o revogatorio e de perder Maduro a presidencia, a mesma sería ocupada polo vicepresidente ata a finalización do actual período presidencial (2019), evitando así calquera adianto de convocatoria electoral presidencial.

Así mesmo, o contexto exterior no que se insire esta misión sinala escenarios polarizados por diversas intensidades e intereses. Mentres o Vaticano aceptou formar parte da mesa de diálogo entre o goberno e a oposición venezolana prevista na axenda mediadora de Rodríguez Zapatero, o grupo MERCOSUR decidiu rexeitar a presidencia rotatoria que lle correspondía a Venezuela, argumentando incluso a posible expulsión venezolana. Paralelamente, o secretario xeral da Organización de Estados Americanos (OEA), Luís Almagro, amosou unha virulenta posición crítica contra Maduro, mesmo premendo pola aplicación de sancións hemisféricas previstas na Carta Democrática da OEA.

Con todo, apréciase un consenso rexional a favor de marcos de resolución dunha interminable crise venezolana con visos de afectar a estabilidade hemisférica, factor que reforzaría as opcións da misión de Rodríguez Zapatero. Factores como a próxima finalización da Administración Obama en Washington, as expectativas de normalización das relacións con Cuba e igualmente os avances no histórico proceso de paz en Colombia (que será sometido a referendo en outubro próximo) gravitan igualmente como elementos condicionantes que poden afianzar os mecanismos de diálogo en Venezuela.

b) Os puntos chave

Durante a súa intervención ante a Asemblea Xeral da OEA en xullo pasado, o ex presidente Zapatero cualificou a responsabilidade da misión UNASUR practicamente de “proceso de paz preventivo”, á vista do “enorme antagonismo” existente en Venezuela. Nese sentido, instou ao goberno e oposición venezolanas a concretar “un mínimo de coexistencia” para propiciar o diálogo político e os mecanismos de resolución da grave crise socioeconómica existente no país.

A misión mediadora amosou desde os seus comezos unha complexa mestura de expectativas e sensibilidades. Con diversas intensidades e apreciacións, o goberno de Maduro, a OEA e a UNASUR saudárona como unha necesidade vital, toda vez a plataforma opositora en Venezuela e diversos sectores da opinión pública internacional apreciaron con certo receo a súa natureza, argumentando nalgúns casos certa confusión de cara a algúns puntos específicos da súa axenda. A misión comezou a súa andaina en maio pasado, ampliándose a dúas posteriores visitas (xuño e setembro) e diversas comparecencias ante a OEA e a UNASUR.

Na axenda desta misión existen diversos puntos chave, a maioría deles principalmente dirixidos a satisfacer demandas estratéxicas para a oposición venezolana. Neste sentido, a multitudinaria manifestación opositora (1º de setembro) esixindo a celebración do referendo revogatorio, serviu de marco de presión desas demandas de cara á visita simultánea que os integrantes desta misión realizaban a Caracas. Paralelamente, esta visita viuse igualmente contrariada polas previas detencións realizadas polo Servizo Bolivariano de Intelixencia (SEBIN) contra algúns líderes opositores, principalmente militantes do partido Vontade Popular (VP).

Neste tenso clima político, a opositora MUD presentou ante esta misión da UNASUR un prego de demandas que gravitan e condicionan a axenda da mesma. Entre elas destacan:

  • A realización en 2016 do referendo revogatorio, tal e como establece o artigo 72 da Constitución da República Bolivariana de Venezuela;
  • A inclusión do Vaticano como mediador dentro dos mecanismos de diálogo entre goberno e oposición. Esta mediación foi conxuntamente aceptada en xullo pasado tanto por Maduro como pola oposición e ratificada este mes de setembro por fontes vaticanas;
  • A liberdade para os presos políticos, cese da persecución política e retorno dos exiliados;
  • A presión contra o goberno de Maduro para que admita a axuda internacional, principalmente en materia de alimentos e menciñas, a fin de atender a “crise humanitaria venezolana”;
  • E, finalmente, o respecto da Constitución por parte do goberno de Maduro, en particular do principio da separación de poderes, especialmente tralo triunfo opositor nos pasados comicios lexislativos (decembro de 2015) que levaron á MUD a presidir a Asemblea Nacional. Dende entón, a oposición denuncia un pulso de poderes impulsado polo Executivo e o Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) contra as decisións lexislativas aprobadas pola Asemblea Nacional e a operatividade institucional dun poder lexislativo controlado pola oposición.
c) Avances e claroscuros

A misión da UNASUR debe igualmente avaliar os síntomas de descontento social derivados da gravidade da crise socioeconómica venezolana.  Segundo o Observatorio Venezolano de Conflitividade Social (OVCS), no primeiro semestre de 2016 rexistráronse a nivel nacional unhas 4.000 protestas, principalmente relacionadas coa escaseza de alimentos e de menciñas.

Este contexto vese igualmente fragmentado por unha interminable polarización política, os elevados índices de impopularidade de Maduro (estimados en 70-80% segundo diversas enquisas) que avivan a reprodución de focos de violencia política e social. A crise vese igualmente afectada pola sensación de frustración social ante a inexistencia de solucións efectivas para solucionar o enredo socioeconómico e ante o desgaste e as divisións existentes dentro dos liderados políticos do “chavismo” e da oposición.

A pesar diso, a misión ten evidenciado avances notorios que se porán a proba neste período decisivo establecido entre setembro e outubro. O Vaticano aceptou ser incluído como actor chave do diálogo e altos cargos do “chavismo” como o alcalde caraqueño Jorge Rodríguez aseguraron recentemente ter mantido xuntanzas secretas con representantes opositores, posteriormente confirmadas polo secretario xeral da MUD, Jesús Torrealba([2]).

Nestas xuntanzas participaron por parte gobernamental o propio alcalde Rodríguez, a súa irmá e ministra de Exteriores Delcy Rodríguez, o parlamentario Elías Jaua (Partido Socialista Unido de Venezuela, PSUV) e o diplomático Roy Chaderton. Por parte opositora participaron os parlamentarios Freddy Guevara, Enrique Márquez e Luís Aquiles e o alcalde do municipio Sucre (estado Miranda), Carlos Ocariz.

O ex candidato presidencial da MUD e gobernador do estado Miranda, Henrique Capriles Radonski, manifestou publicamente as súas reservas ante estas xuntanzas secretas, aínda que posteriormente matizou que aceptaría este achegamento. Non obstante, outros sectores opositores mais radicais critican con maior énfase estas xuntanzas entre o goberno e representantes da MUD, incluso criticando o presunto “secretismo” da misión de Rodríguez Zapatero, aseverando que serviría para favorecer os plans gobernamentais de retrasar ou finalmente abortar o referendo.

No marco destas negociacións, o tema dos denominados “presos políticos” cobra unha importancia capital para a oposición, aspecto que inevitablemente contribúe á tensión e polarización. Durante a súa visita en xuño pasado, Rodríguez Zapatero reuniuse co ex alcalde opositor Leopoldo López, apresado en febreiro de 2014 e condenado a case catorce anos de prisión por presunta “instigación a delinquir, rebelión e dano á propiedade pública”. Esta visita correspondía a outra demanda estratéxica da oposición venezolana.

A misión de Rodríguez Zapatero vese condicionada a maiores pola decisión (marzo de 2015) do tamén ex presidente español Felipe González de asumir persoalmente a defensa xudicial de López, considerado o “preso político” mais emblemático. Deste xeito parece confirmarse a existencia dunha visión politicamente contraditoria e abertamente confrontativa sobre o acontecer venezolano por parte de dous ex presidentes socialistas:  Rodríguez Zapatero en calidade de mediador entre as partes; e González tomando partido como defensor dun preso político, visiblemente decantado polas teses opositoras.

Ao mesmo tempo, este escenario confirma a activación dunha forte campaña internacional a favor de López, da que forman parte o propio González e outros ex presidentes latinoamericanos como o chileno Sebastián Piñera e o colombiano Andrés Pastrana. Ambos factores engaden doses de polarización internacional sobre a crise venezolana.

d) A presión hemisférica

Pouco despois da derradeira visita de Rodríguez Zapatero a Caracas (30 de agosto), Maduro inaugurou o XVII Cumio do Movemento dos Países Non Aliñados (MNOAL) na illa de Margarita (13-18 de setembro), no que aproveitou para afianzar mecanismos de maior coordinación entre a MNOAL e o G77 + China. Neste foro, o presidente venezolano recibiu un significativo apoio por parte dos 120 representantes do MNOAL([3]), reafirmado polo feito de que Venezuela presidirá este organismo ata o ano 2019.

Neste contexto internacional, os pulsos exteriores por determinar mecanismos de influencia para definir unha eventual viraxe na crise venezolana cobran maior forza con esta misión de Rodríguez Zapatero. E neste apartado, a polarización sobre as percepcións que se teñen da crise venezolana así como os intereses exteriores involucrados nela, seguen igualmente a ser variables de enorme influencia.

Un caso significativo ten que ver co secretario xeral da OEA, o uruguaio Almagro, particularmente polas súas declaracións (maio de 2015) cualificando a Maduro de “dictadorzuelo” e ao sistema venezolano de “réxime”, criticando o feito de que o goberno venezolano pretenda impedir a celebración do referendo e acrecente a represión política, manifestada na situación dos denominados “presos políticos”.

Co apoio de Washington e de varios países latinoamericanos, en particular Brasil e Arxentina, Almagro, se ben apoia publicamente a misión de Rodríguez Zapatero, tamén ten influído no organismo hemisférico ante a posibilidade de invocar a Carta Democrática da OEA aprobada en 2001, con posibles sancións a Caracas por perturbar o funcionamento democrático e non respectar os dereitos humanos.

O pulso na OEA, igualmente ampliado ante o apoio público a Maduro por parte do denominado “eixe ALBA” (Nicaragua, Ecuador, Bolivia, Cuba), ten implicacións directas na evolución da misión UNASUR así como nas decisións doutros organismos, como o MERCOSUR. Neste último caso é igualmente significativo o feito de que Venezuela fora subitamente retirada (incluso baixo presións de expulsión) da presidencia rotatoria que lle correspondía asumir.

Este feito ven motivado por presións políticas internas presuntamente instigadas por novos gobernos como o recentemente establecido en Brasil (Michel Temer) así como os de Arxentina (Mauricio Macri) e Paraguai (Horacio Cartes), coa soa excepción de Uruguai. A transición post-Kirchner na Arxentina e a recente caída presidencial de Dilma Rousseff en Brasil privaron e quebrantaron importantes apoios exteriores de Maduro.

A batalla diplomática con claras implicacións xeopolíticas trasládase igualmente á ONU. A comezos de setembro, o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Zeid Ra’ad Al Hussein, criticou duramente ao goberno de Maduro por negar a autorización da visita de expertos en garantías fundamentais en dereitos humanos, alegando “a nosa preocupación en relación ás alegacións de represión das voces da oposición e dos grupos da sociedade civil, arrestos arbitrarios e excesivo uso da forza contra manifestantes pacíficos”.

Nun contexto hemisférico pendente da diplomacia post-Obama, das expectativas de apertura e normalización das relacións con Cuba e dos históricos pasos para finalizar o conflito armado mais prolongado da rexión (Colombia), a resolución da crise venezolana imponse como categórica. Pero a validez e efectividade da misión de Rodríguez Zapatero non se limitan aos complexos mecanismos de diálogo entre os antagónicos actores involucrados dentro de Venezuela senón tamén ao feito de teren que equilibrar un consenso que abrangue todo tipo de intereses rexionais.

IGADI. 16 de setembro de 2016.



([1]) Artigo 72 da Constitución da República Bolivariana de Venezuela. Sección Segunda. Del Referendo Popular. Consultar: http://www.mp.gob.ve/LEYES/constitucion/constitucion1.html e http://www.cne.gov.ve/web/normativa_electoral/constitucion/indice.php

([3]) Da esperada presenza dos 120 xefes de Estado e de goberno dos países membros na MNOAL, a este cumio só asistiron cinco xefes de Estado: o ecuatoriano Rafael Correa, o boliviano Evo Morales, o iraniano Hassan Rouhaní, o zimbabuense Robert Mugabe e o palestino Mahmud Abbas

 

AnexoTamaño
Obtén aquí o PDF do IgadiPaper nº169: "Crise en Venezuela: Escenarios para unha mediación"515.95 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais