Programa “Seguridade, Conflitos e Alternativas no Sistema Internacional”

Distribuir

Distribuir contido

1. Obxectivos e plan xeral de traballo

O programa de investigación "Seguridade, Conflitos e Alternativas no sistema internacional"concibido dende o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org) aspira a contribuír na análise e afondamento de determinados conflitos internacionais de relevancia e dos escenarios de cambio dentro do sistema internacional, que permitan perfilar novas pautas de actuación no mundo global.

A estrutura deste programa constará dun Director e dun Equipo Central composto polos diferentes membros, entre quen se espera incluír a habituais colaboradores e tamén a outras persoas do ámbito profesional e académico, que estean interesados en integrarse, establecendo un marco de participación plural e internacional.

O programa actual aspira igualmente a constituír un foro de debate e reflexión que permita consolidar un espazo público social e comunicativo. Así, se establecerán os seus eixes orientadores, as propostas de investigación a realizar e unha dinámica específica de actividades, tanto restrinxidas como de vocación pública.

En cada Programa se desenvolverán catro planos de actuación: información e debate sobre os aspectos mais destacables da xestión do IGADI nese campo; a reflexión creativa sobre a liña de traballo; propostas de orientación estratéxica; e actividades de intercambio de experiencias e de implicación social.

2. Equipo de traballo

DirectorRoberto Mansilla Blanco (IGADI) rmansilla@igadi.org

Colaboradores

3. División temática e por escenarios

a) Escenarios dos conflitos:

Estudaranse aqueles conflitos que resulten de maior interese nas liñas habituais 
de análise promovidas polo IGADI dende a súa fundación. Entre outros, pódense citar: Sáhara, Comunidade bérber, Palestina, Curdistán, Sri Lanka, Cáucaso, Colombia, etc.

b) Alternativas de cambio no sistema internacional:

O obxectivo está dirixido a realizar un seguimento analítico e informativo de determinados escenarios de cambio ou ruptura coas pautas tradicionais existentes no sistema internacional, especificamente centrados nos países en desenvolvemento e as súas alternativas de cambio:

  • A Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA):
    Un “novo socialismo” dende o Sur: Venezuela, Cuba, Bolivia, Nicaragua, Ecuador, Honduras, Dominica, San Vicente e Granadinas.
  • Indixenismo e movementos sociais:
    Novos e influentes actores políticos en América Latina.
  • O reto global das “potencias emerxentes”
  • Multipolaridade e multilateralidade no sistema global do Século XXI

4. Metodoloxía

  • Establecer as liñas prioritarias de investigación e de difusión do programa.
  • Reanudación da "Guía Exterior" e dos “IGADI Paper” como ferramentas de traballo, con carácter analítico e didáctico, afondando nas claves que encerran diversas problemáticas da política internacional que posúan amplo interese e repercusión informativa. Difusión dixital, na prensa escrita e na comunidade académica, como ferramenta de análise e documentación universitaria.
  • Reunións do grupo de traballo, a fin de definir estratexias de actuación e difusión. Periodicidade: 1-2 veces ao ano.
    Data da primeira reunión do Equipo Central:
    Sábado 4 de xullo de 2009. na sede do IGADI en Baiona 12:00 am
  • Fomentar a publicación dun libro ou estudo colectivo. Neste apartado, está a disposición a utilización da colección "Texturas Internacionais" do IGADI.
  • Plan de Actuación e Impacto social:

a) Organización de actividades, conferencias, charlas-debate, mesas redondas, presentación de libros e publicacións, como vehículos de reflexión, discusión e divulgación do programa de investigación. O obxectivo está dirixido a concretar actividades de información e difusión do programa de conflitos, a través da colaboración de entidades, universidades, ONGs, medios de comunicación, etc.

b) Foros por Internet, Simposios electrónicos con “think tanks”, universidades e outros centros de investigación dentro e fora de Galicia; publicación web dos artigos, comentarios, colaboración con outros medios informativos dixitais; habilitación dun “blog” interactivo  na páxina do IGADI, aberto ao público, que permita debater e compartir ideas e opinións sobre temas a determinar.

c) Cooperación e colaboración académica para a realización de seminarios, conferencias e mesas redondas como actividades que formen parte dos programas de estudos das facultades das tres principais universidades galegas que conten con carreiras afíns ao programa de estudos e ás áreas de investigación do IGADI.
Neste sentido, cumpre considerar a realización periódica semestral dun seminario, de carácter optativo, a ofrecerse nas universidades galegas que atenda ás especificidades deste programa. Igualmente, buscarase revitalizar o curso“Información e Relacións Internacionais”, organizado polo IGADI entre 2002 e 2006, coa colaboración das Facultades de Políticas e Xornalismo (USC).


 

  • Tema central de investigación: “A Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA)”

    Impulsada polo presidente venezolano Hugo Chávez a partir de 2005, no marco da súa idea plasmada no Socialismo do Século XXI, a aparición da Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA) como mecanismo de integración latinoamericana (baseada na loita contra a pobreza, a exclusión social, a integración humanitaria e autóctona) supón un reto histórico cara os tradicionais procesos de integración existentes no continente latinoamericano, especificamente nas últimas dúas décadas, determinadas pola preponderancia da integración de carácter económica e comercial, traducida en imperativos de corte liberal.

  • Observatorio do ALBA

    Dentro do Programa de Investigación “Conflitos, Seguridade e Alternativas no Sistema Internacional”, coa temática principal de investigación centrada na Alianza Bolivariana para as Américas (ALBA), configurase o “Observatorio do ALBA” como espazo actualizado de información e análise, sobre a evolución e dinámica desta alternativa de integración latinoamericana.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais