Paradiplomacia

Distribuir

Distribuir contido

Nas últimas décadas o mundo está a vivir un progresivo proceso de intensificación das relacións globais, por mor dun novo escenario no que están a mudar as tendencias de integración e interdependencia internacional. Teñen irrompido con forza novos actores subestatais, tanto públicos como privados, no campo das relacións exteriores.

O declive da antiga orde internacional, que tradicionalmente estivo articulada ao redor do concepto da división do mundo en Estados-Nacións plenamente soberanos, foi causado polas transformacións conceptuais que conlevou a globalización. Os tratados de libre comercio teñen producido un impacto rexional diferenciado que precisa de estratexias propias tendentes a lograr que se teñan en consideración os seus intereses nas controversias políticas, comerciais, medioambientais, acceso á información, foros de poder, control e xestión dos recursos...

A modificación do concepto de fronteira causado pola apertura de mercados, os incesantes fluxos migratorios mundiais, e a desconcentración, descentralización ou a rexionalización do poder público, ten habilitado un novo espazo no que se afonda na construcción da democracia , no que se intensifica a participación política e no que se permite procurar solucións de desenvolvemento integral adaptado ás especificidades subestatais.

Todo este conxunto de accións complementarias da política exterior oficial, polas que se establecen contactos formais, informais, permanentes ou ad hoc, con entidades estranxeiras, públicas ou privadas, co obxecto de promover asuntos socioeconómicos, culturais, políticos... se enmarca no campo da Paradiplomacia.

A modificación das estruturas administrativas internacionais, coa irrupción de grandes entidades supraestatais, ou coa ampliación do marco competencial dos gobernos locais, que pasaron a xestionar directamente importantes áreas en asuntos económicos, sociais, culturais, ambientais, educativos, abriu a repleta axenda dos temas internacionais a novos actores, que se están incorporando aos novos centros de decisión mundiais, ou que permiten solucións bilaterais parciais, adaptadas ás necesidades e características locais.

Os programas de reunións internacionais entre dirixentes locais, as misións comerciais ou políticas ao estranxeiro, a apertura de oficinas de información no exterior, a participación en feiras, os programas de investigación e intercambio universitarios, a internacionalización das empresas locais, as transferencias de tecnoloxías, as dinámicas migratorias, os fluxos turísticos... son recursos que deben ser contextualizados, estudados, cuantificados e definidos, para unha posterior posta en valor destes recursos que permita optimizar resultados, que repercutan na mellora das condicións de vida dos seus concidadáns.

Os entes subestatais do mundo, baixo a nomenclatura de diferentes termos como: estados libres asociados, provincias, estados nacións, rexións, nacionalidades, cidades, áreas metropolitanas... enfrontan difíciles e complexos desafíos, aínda por definir, nas súas relacións internacionais. Mais este novo ámbito ofrece un potencial enorme e diversificado para establecer alianzas bilaterais ou multilaterais en beneficio das respectivas poboacións, que debe ser explorado sen demora.

Obxectivos
  • Definir o marco teórico sobre o que se sustenta a paradiplomacia mundial e contextualizado no marco territorial galego.
  • Constituír un foro de recollida de datos, estudo e debate para reflexión sobre a paradiplomacia actual e os marcos de actuación contemporáneos dos entes subestatais máis activos no contexto internacional.
  • Identificación e ponderación das áreas xeográficas prioritarias, nas que compre afondar os esforzos da paradiplomacia galega: outros entes subestatais españois, Portugal e a área lusófona, Europa, América Latina...
  • Determinar os eixes subtemáticos prioritarios da paradiplomacia galega.
Metodoloxía

Se programarán reunións de traballo, cunha periodicidade inicial semestral.

O colectivo investigador poderá subdividirse en grupos de traballo que afonden especificamente nalgúns dos eixes temáticos.

As conclusións do grupo de investigación serán recollidas nun libro colectivo sobre a paradiplomacia galega.

Presentación aos principais actores da sociedade galega, das conclusións para as que se procurará a máxima visibilidade pública.

Temática

Sobre o grande abano de eixes subtemáticos que integran a paradiplomacia cómpre facer a selección e priorización das materias de investigación:

  • Marco competencial estatal, participación nas institucións do Estado (senado, xustiza...), distribución dos centros económicos, participación na sociedade da información.
  • Cooperación internacional descentralizada.
  • Programas promovidos por entres supranacionais.
  • A Universidade (convenios de colaboración supranacionais, programas internacionais, áreas de investigación...).
  • Internacionalización da economía galega.
  • Importancia dos fluxos turísticos na proxección exterior.
  • A emigración-inmigración como recurso da acción exterior.
  • Rexións transfronteirizas, irmanamentos...
Equipo de investigación

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais