Cooperación Internacional ao Desenvolvemento

Distribuir

Distribuir contido

1. Obxectivos

A cooperación internacional para o desenvolvemento leva xa moitos anos conquistando un espazo propio nas axendas dos diferentes actores políticos e sociais que estruturan as nosas sociedades, independentemente da súas orientacións máis ou menos críticas con respecto ao tema. O certo é que, nun mundo en progresiva interconexión, cada vez é máis necesario introducir a cooperación ao desenvolvemento como un eido importante da acción social.

Nos últimos anos, a nivel estatal viviuse un marcado incremento tanto dos fondos como dos instrumentos e actores (gobernamentais e non gobernamentais) dedicados á cooperación internacional; neste crecemento, contaron cun relevante papel certas Comunidades Autónomas e entes locais que sumaron á cooperación estatal un elevado grao de descentralización, achegando as súas especificidades e formas de facer.

Neste senso, Galicia foise incorporando con certo retraso ao carro da cooperación e a remolque do resto do estado. Despois duns anos de progresivo crecemento do sector das ONGs e da paulatina incorporación de políticas públicas dirixidas á cooperación, cabe esperar un salto na consolidación destas temáticas na nosa sociedade; un salto que debe pasar pola adopción dun discurso e dunha orientación propia. Saber a onde se quere chegar para deseñar como ir avanzando.

Por todo isto, consideramos importante abordar unha carencia que pon en entredito o crecemento do sector da cooperación: a falta de investigación sobre o tema. Sen reflexión previa, o traballo que se leva a cabo só serve para dar continuidade a dinámicas asumidas sen previo análise. A cooperación é un tema complexo, e como tal debe ser encarado, dende o estudo e a crítica construtiva.

Con este obxectivo nace o Programa de Investigación sobre Cooperación Internacional ao Desenvolvemento. Aglutinando a diferentes disciplinas e sectores sociais que están levando a cabo accións de cooperación (universidades, ONGs, ámbito privado…), o que se busca é crear un grupo de debate e reflexión que incida na investigación e na difusión de temas de desenvolvemento e cooperación. O sentido último deste programa, sería contribuír a que se vaia establecendo un marco teórico que acompañe e oriente a práctica, a través da reflexión, o debate e a investigación.

2. Organización

Grupo estable de traballo formado por persoas de diferentes ámbitos relacionados coa cooperación: mundo académico, profesionais do terceiro sector, iniciativa privada, e persoas que representen temáticas transversais como a igualdade de xénero e a cuestión medioambiental.

Marcaríanse 2/3 xornadas de traballo ao longo do ano, nas que se identificarían as liñas de actuación e a axenda para, por exemplo, realizar un informe anual con vistas á súa publicación e distribución entre todos aqueles actores dedicados á cooperación.

O grupo de persoas implicado no Programa, a parte dos encontros presenciais, mantería a comunicación con certa regularidade a través de diversas vías. Tamén se buscaría a relación con centros de investigación do resto do Estado que inclúan a temática da cooperación (Hegoa, Cidob…) co obxectivo de compartir experiencias e coñecer outras realidades onde a cooperación ten unha maior implantación. Pódense organizar xornadas de encontro, visitas…

3. Temas

  • Avaliación da cooperación que se levan a cabo en Galicia: impacto, debilidades e fortalezas.
  • Papel da cooperación descentralizada, especificidades e espazos propios de actuación.
  • Prioridades xeográficas.
  • Prioridades sectoriais.
  • Instrumentos.
  • Sociedade Civil: ONGs.
  • Relación co Sur: que actores, que grao de participación no deseño, implementación e avaliación.

4. Integrantes

5. Páxinas de interese para o programa

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais