Un mundo na procura de alternativas

Distribuir

Distribuir contido
03 · 03 · 2015

O 2014 ofreceunos un panorama desigual na contorna internacional. Neste aspecto destacan acontecementos relevantes como a aceleración de reformas estruturais chave (China), a definitiva consolidación de novos modelos emerxentes (BRICS, Casa Común Asiática), a configuración dunha nova balanza de poder global (China, EUA, India, Rusia, Xapón, Asia-Pacífico), as dificultades para a recuperación económica global, un novo equilibrio entre un Sur ascendente e un Norte en declive, as crises no mercado enerxético, a activación de agudas tensións xeopolíticas (Ucraína, Estado Islámico), históricas aperturas (Cuba-EUA) e procesos de pacificación (Colombia), a reaparición de pandemias globais (Ébola) e dunha diversidade de ameazas (ciberterrorismo, cambio climático, disputas marítimas e territoriais).

 Estas e outras variables son obxecto de atención no IGADI Annual Report 2014-2015, o informe anual que reflexiona sobre a evolución da situación internacional e as principais tendencias que se advirten no contexto global a curto e medio prazo. Repárase así na reconfiguración dun sistema internacional de cada vez maior significación multipolar, onde a tradicional preeminencia occidental (e particularmente estadounidense) vese claramente contestada polo ascenso de China como poder emerxente e de Asia-Pacífico como área xeopolítica estratéxica, sen menoscabar a reivindicación doutros actores (Rusia, Xapón) e o ascenso doutros (India, Irán, Turquía).

Á vista da crise dos modelos históricos de referencia, particularmente co paulatino declive da hexemonía occidental e o cuestionamento das institucións reguladoras da orde internacional xurdida na segunda metade do pasado século, resulta igualmente palpable a afirmación dun proceso de transición cara novas fórmulas e mecanismos que deben materializar alternativas aos cambios operados na escena internacional.  

A actual edición inclúe as habituais reflexións sobre as principais tendencias do ano que rematou e as que poderían marcar o entrante, afondando en áreas xeográficas e temáticas que conforman eixes destacados da axenda internacional. Igualmente, esta edición inaugura a sección Personaxes de 2014, destacando aquí o ex presidente uruguaio José Mújica, o líder nacionalista escocés Alex Salmond, a activista e Premio Nobel da Paz Malala Yousafzai, o ex presidente exipcio Hosni Mubarak e o presidente chinés Xi Jinping.

Baixo a dirección de Xulio Ríos, colaboran nesta edición autores de diferentes países, disciplinas e visións, conformando un elenco plural que enriquece os seus contidos. Cabe citar expresamente a Marcelo Javier de los Reyes, David Alvarado, José Mateo Rodríguez, Manuel Martínez Justo, Víctor Manuel Manríquez González, Jaume Giné i Daví, José Antonio Sanahuja, Roberto Mansilla Blanco, Alfredo Toro Hardy, Manuela Mesa Peinado, Alberto Piris e Pascual Serrano.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais