Tempo exterior Nº 38: Conflitos de onte, de hoxe e de mañá

Distribuir

Distribuir contido
09 · 07 · 2019

Dende a China de Tiananmen ata Iemen, de Corea do Norte ata a Francia dos “chalecos amarelos”. De Venezuela a Irán. A análise e prevención dos conflitos é unha parte substancial dos estudos internacionais que “Tempo exterior” ven atendendo de maneira tan puntual como continuada dende inicios do presente século. Agora, no seu número 38, período Xaneiro-Xuño de 2019, abordamos unha escolma monográfica que tanto atende ao presente como ao pasado e ao futuro, sinalando relevancias de diverso tipo.

Así, presta atención ás tensións entre EUA e Irán (da man de Nazanin Armanian), que se ben anteceden á actual retórica belicista do presidente Donald Trump, recobran agora a súa virulencia trala saída de Washington do pacto nuclear. As tensións xeopolíticas igualmente cabe observalas no conflito de Iemen (Moncho Iglesias), lastrado por décadas dunha guerra civil con claras interferencias exteriores.

Ucraína (Alexis B. Romanov) segue a constituír un foco de tensión entre Occidente e Rusia, un conflito hoxe de baixa intensidade na rexión de Donbás inmerso nun tempo de incerteza tralo cambio presidencial en Kiev como resultado dos comicios de marzo pasado. A Polonia de 1989, por outra banda, abriu a espita dos cambios nos países do chamado socialismo real poñendo en marcha un longo proceso de transición neste estratéxico país europeo, hoxe un baluarte destacado do  nacionalismo populista e conservador (Mercedes Herrero de la Fuente).  Doutro signo pero na mesma Europa é a crise suscitada en Francia pola rebelión dos chalecos amarelos (Pierre Tartakowsky), que alerta unha vez máis das consecuencias sociais das políticas neoliberais.

No espazo asiático, trinta anos despois, Tiananmen segue evocándose como a máis delicada crise vivida pola República Popular Chinesa (Enrique Fanjul), mentres as tensións en torno a Taiwán (Yu-Ting Lu) apuntan a escenarios de conflito quizais inminentes cun gran potencial desestabilizador. Mentres, na península coreana (Rafael Bueno), o iniciado proceso de diálogo múltiple non deixa ver claro aínda o futuro da desnuclearización e da reunificación. América Latina, por último, achéganos dúas frontes de tensión: Nicaragua (Roberto Montoya), coa progresiva dilución da revolución sandinista; e Venezuela (Farruco Sesto), unha crise intensamente agravada nos últimos meses tanto na orde socioeconómica como política e global.

A revista, fundada e dirixida por Xulio Ríos, única no seu xénero en Galicia, complétase coa habitual sección de Libros.

 

Para máis información, números atrasados e subscricións: Tlf: 986 84 34 36. E-mail: info@igadi.org    

Pontevedra. Xullo de 2019.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais