O IGADI reúnese coas catro forzas políticas con presenza no Parlamento galego coincidindo coa entrada en vigor da Estratexia Galega de Acción Exterior

Distribuir

Distribuir contido
17 · 07 · 2018

Entre os meses de abril e xuño deste 2018, Daniel González Palau, actual Director do IGADI, reuniuse coas persoas responsables de acción exterior das catro forzas políticas presentes no Parlamento Galego: Alberto Pazos por parte do PP, Luís Villares por parte de En Marea, Juan Manuel Díaz Villoslada por parte do PSOE e con Luís Bará por parte do BNG. A rolda de xuntanzas solicitouse no contexto da entrada en vigor da Estratexia Galega de Acción Exterior o pasado 1 de febreiro, trala aprobación do documento por parte do Consello de Goberno da Xunta de Galicia.

As reunións serviron primeiramente para presentar á nova dirección do IGADI e o relevo xeracional da entidade despois de 26 anos de dirección da mesma por Xulio Ríos, ao tempo que para dar conta das liñas de traballo prioritarias do IGADI na actualidade, centradas no impulso e socialización da EGAEX entre os distintos suxeitos da nosa acción exterior.

O IGADI, que foi a única entidade presente no Consello de Acción Exterior que se abstivo na votación final da EGAEX (celebrada o pasado 23 de outubro de 2017) amosou por unha banda a satisfacción pola posta en funcionamento da EGAEX; ao tempo que a súa preocupación por non implicar medidas concretas que impulsen e cohesionen a nosa paradiplomacia, entre outras, a internacionalización da nosa cultura, o papel das cidades na paradiplomacia galega ou o estado actual da Lei Paz Andrade.

A súa vez, Daniel González Palau manifestou que o IGADI realizará seguimento e recomendacións para a concreción da Lei galega de acción exterior anunciada a finais de 2017 para antes do final desta lexislatura ou do traballo da Xunta de Galicia na promoción do Xacobeo 2021.

O IGADI que dende o seu nacemento acompañou e dinamizou o proceso de institucionalización da paradiplomacia galega continuará a tentar converter as palabras en feitos e os textos en programas, proxectos e actividades reais, que non sexan só de parte, se non inclusivos e o máis consensuados posibles.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais