Conferencia sobre Taiwán na Casa das Campás (Pontevedra)

Distribuir

Distribuir contido
15 · 10 · 2017

O vindeiro martes día 17 de outubro ás 20,00 horas, a Casa das Campás acollerá unha conferencia sobre o momento que vive Taiwán que será impartida polo representante de Taiwán en España, o Sr. Simón Ko.

Antes de chegar a Madrid, Simón Ko foi vice ministro de Relacións Exteriores do Goberno de Taiwán e foi tamén embaixador de Taiwán en Panamá, máximo representante na Oficina de Taipéi en Colombia e director xeral do Departamento para América Central e do Sur do Ministerio de Asuntos Exteriores, entre outros cargos.

A conferencia enmárcase nunha primeira visita a Galicia do máximo representante de Taiwán en España con vistas a tomar contacto  con diferentes actores relevantes da nosa comunidade.

Cun tamaño similar a Galicia pero oito veces máis poboada, Taiwán é unha das principais potencias económicas e comerciais do mundo. Estado de feito apenas recoñecido diplomaticamente por unha vintena de países, atópase nunha encrucillada por mor do momento delicado que atravesan as súas relacións con China continental. O Partido Comunista da China inicia o 18 de outubro un decisivo congreso no que podería anunciar unha nova política para Taiwán, a que considera a súa “illa rebelde”.

O acto está organizado polo IGADI e a vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Na súa disertación estará acompañado polo vicerreitor Juan Manuel Corbacho e polo presidente de honra do IGADI, Xulio Ríos.

O IGADI é o think tank que na península ibérica máis atención presta ao seguimento da actualidade taiwanesa.

Previamente, Simón Ko será recibido polo Alcalde da cidade e pola presidenta da Deputación de Pontevedra, entre outros.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais