Arranca o proxecto "A Raia no Medio" en colaboración coa Área de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra

Distribuir

Distribuir contido
06 · 06 · 2018

O proxecto A Raia no Medio nace no contexto da constitución da AECT Río Minho (impulsada pola Deputación de Pontevedra e CIM Alto Minho, xunto a 16 Concellos pontevedreses e 10 Concellos do Norte de Portugal) e o traballo histórico do IGADI arredor da EuroRexión Galicia-Norte de Portugal e as áreas transfronteirizas a nivel comunitario.

No 2018 o traballo centrarase arredor da identificación e análise dos medios de comunicación de ámbito local que artellan a grella informativa do espazo territorial que abranxe a AECT Río Minho. Así as cousas entre xuño e outubro do presente anos elaborarase unha base de datos das iniciativas de comunicación local (dende radios a xornais físicos e dixitais, a iniciativas en redes sociais, blogs ou revistas e magazines), na idea de identificar as fortalezas e debilidades da comunicación na raia por medio da sistematización de entrevistas a medios, entidades e persoas chave; fortalecendo o coñecemento mutuo e apuntando mecanismos para unha maior e mellor comunicación nas dúas beiras do río Miño.

"A Raia no Medio" nace con vontade de continuidade; coma un programa do IGADI de construción de cidadanía eurorexional galego-portuguesa no contexto da Declaración de Tui, por medio dun traballo multiactor, que implique a administracións públicas, sociedade civil, cidadanía e empresas. A creación de capital e cohesión social, fai parte do berce do proxecto coma matriz e forza de desenvolvemento local, social e económico.

O proxecto poderá seguirse por medio das redes sociais do IGADI co cancelo #ARaiaNoMedio. Se tes interese en participar ou coñecer máis de perto o proxecto podes contactarnos no enderezo electrónico; info@igadi.org 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais