Decálogo do IGADI

Distribuir

Distribuir contido

 

  • O IGADI nace co obxectivo de vertebrar un instrumento de reflexión e dinamización social que estimule a inserción internacional de Galicia a todos os niveis seguindo o acontecer mundial e proxectando a nosa Terra no exterior dende unha perspectiva galeguista e universalista.
  • O IGADI non é un proxecto empresarial, senón que pretende desenvolver en Galicia unha función política e cultural sen ánimo de lucro. A dimensión empresarial do proxecto é de naturaleza subordinada e instrumental.
  • O seu ideario se viabiliza en condicións de independencia de criterio, autonomía nas súas decisións e vontade de servizo ao país nas súas diferentes manifestacións ideolóxicas, políticas e sociais.
  • As persoas que forman parte do IGADI fan causa común do traballo colectivo e coordinado, participando en todo, para aprender en equipo nun marco xeral de confianza, de lealdade e de consulta permanente.
  • As persoas que colaboran co IGADI se caracterizan por ostentar un loable espírito de iniciativa, o contrario da rutina e da pasividade -grandes inimigos do noso labor- , e o interese pola investigación e a divulgación, plasmado en artigos e colaboracións xornalísticas e noutros medios.
  • As persoas que traballan no IGADI fan da dilixencia unha norma de conduta, sempre sen mingua de rigor, cun nivel de dispoñibilidade xeneroso sen menoscabo da moderación imposta polas circunstancias persoais de cada quen.
  • As persoas que colaboran co IGADI comulgan coa idea, co proxecto, ao que aplican idealismo e voluntarismo na dose precisa, sen mingua de aspirar a unha dignificación ambiciosa das condicións da súa prestación. Pero sendo conscientes de que primará sempre máis a militancia que o funcionariado.
  • As persoas que traballan no IGADI asumen a inevitabilidade de compartir tarefas elementais coma o coidado dos materiais de uso común, o uso racional de subministros e equipamentos, ou o colaborar en tarefas de limpeza básica ou administrativas.
  • As persoas que colaboran co IGADI interiorizan como propia a aposta colectiva pola lingua galega, primeira nas nosas tarefas, sen menoscabo, naturalmente, da utilización doutras.
  • As persoas vencelladas ó IGADI conservan en todo momento a plena liberdade para permanecer ou non proxecto, sen máis vínculo que o derivado da súa identificación con el ou a satisfacción de oportunidades xurdidas fóra del. Todos procurarán que desa transitoriedade non se deriven desperfectos para o proxecto.

Xaneiro de 2003

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais