Convenio marco da Universidade de Santiago de Compostela co Igadi para a realización de prácticas que se recoñezan como créditos nos currículos dos alumnos/as

Distribuir

Distribuir contido
Etiquetas

Texto do convenio marco entre a USG e o Igadi asinado en Santiago de Compostela o 30 de xullo de 1998.

Convenio marco da USC co IGADI para a realización de prácticas que se recoñezan como créditos nos currículos dos alumnos/as

REÚNENSE

Dunha parte, o rector F. Darío Villanueva Prieto, en representación da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Da outra, Xulio Ríos Paredes, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).

Ámbalas dúas partes recoñécense con capacidade legal suficiente para otorga-lo presente convenio e, para os efectos,

MANIFESTAN

1. Que a USC, como prestadora do servicio público de educación superior, realiza actividades de docencia, investigación e desenvolvemento científico e técnico.

2. Que por iso, ten a vontade de potencia-la realización de actividades de formación, especialización e prácticas no ámbito da análise, documentación e investigación internacional; xestión do Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea, coa finalidade de contribuír a unha mellor e máis completa formación e cualificación do estudiantado.

3. Que o IGADI ten interese en colaborar no sistema de formación práctica do alumnado da USC.

De acordo co anterior, a USC e o IGADI acordan asinar un convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes

CLÁUSULAS

1. Obxecto do convenio

O presente convenio ten por obxecto establece-la colaboración entre as partes de cara a unha adecuada programación, desenvolvemento e verificación de prácticas tuteladas do alumnado da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais nas dependencias do IGADI, Avenida Joselín 7, portal 3-4ºB, 36300-Baiona (Pontevedra).

2. Obxecto das prácticas

O obxecto das prácticas que se van a realizar será establecer una relación efectiva entre ámbalas dúas partes co fin de que o alumnado da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais poida realizar prácticas de:

  • Análise, documentación e investigación internacional.
  • Xestión do centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea.

En especial:

  • Elaboración, consulta e xestión de boletíns.
  • Mantemento de bases de datos.
  • Tarefas de hemeroteca.
  • Colaboración en publicacións.

E desta maneira, complementa-los seus estudios.

3. Número de prazas

O IGADI acollerá dous alumnos/as da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela en calidade de estadía de prácticas, de acordo coas convocatorias que faga a USC.

4. Período de realización das prácticas

As prácticas que son obxecto deste convenio realizaranse nas seguintes datas:

Data de inicio: 1 de setembro de 1998.

Data de finalización: 31 de xaneiro de 1999.

5. Número de horas e créditos que se recoñecerán

As prácticas que realicen os alumnos/as constarán dun mínimo de 320 horas e un máximo de 500.

Computarase un crédito por cada trinta horas de prácticas realizadas ó abeiro deste convenio, sen poder supera-los límites que, para estes efectos, establecen os planos de estudio.

Así, estas prácticas serán imputables como 8 créditos de libre configuración.

6. Titores/as responsables e órgano universitario responsable

A comisión de seguimento nomeará, para cada un dos períodos e prazos das prácticas que se convoquen, as persoas, por parte da USC e do IGADI, que actuarán como coordinadores-responsables.

Por parte da USC: Andrés Cernadas Ramos.

Por parte do centro: Xulio Ríos Paredes.

7. Selección dos alumnos/as

A USC seleccionará os alumnos/as da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais que van realiza-las prácticas consonte unha convocatoria que respectará os principios de publicidade, igualdade, obxectividade e mérito.

8. Memoria das prácticas

Ó remate de cada período de prácticas cada un dos alumnos/as deberá realizar unha memoria final sobre o traballo realizado.

9. Procedemento de avaliación

A avaliación das prácticas realizaraa a USC a través do titor/a, á vista da devandita memoria e do informe do titor/a de prácticas do IGADI.

Soamente poderán ser avaliadas favorablemente se a ausencia non excede do 15% das horas programadas. (Se se estima pertinente, poderánse estipular, ademáis da memoria, outros elementos de avaliación que deberán explicitarse no convenio).

10 Certificación do IGADI

Se a avaliación da memoria é positiva e o informe de actuación favorable, o IGADI emitiralle a cada aun dos alumnos/as que participaran con regularidade nas prácticas unha certificación na que debe consta-lo tempo de colaboración e as actividades, traballos de investigación ou avalición, etc, realizados.

A certificación deberá especificar que, para os efectos académicos, queda supeditada á avaliación que das prácticas realice a USC.

11. Relación co IGADI

O feito de que o alumnado realice prácticas no IGADI non supoñerá ningún tipo de relación laboral con el nin determinará a existencia de ningunha responsabilidade pola súa parte.

Aqueles que teñan menos de vinteoito anos seguen baixo a protección do seguro escolar.

12. Obrigas da USC

A USC non achegará financiamento adicional polo feito de asinar este convenio. De se-lo caso, deberá figurar expresamente que créditos se destinarán ó seu cumprimento.

13. Comisión mixta de seguimento

Para o seguimento do convenio esteblecerase unha comisión mixta na que participarán, pola USC, o decano da Facultade de Ciencias Políticas ou o director do Departamento responsable, e dous profesores universitarios máis; e por parte do IGADI as dúas persoas que este designe.

Esta comisión mixta comprométese a cumpri-los obxectivos que xustifican o asinamento deste convenio, cumprindo de modo específico as seguintes funcións:

  • Formula-las propostas sobre o número de prazas de cada convocatoria para a realización de prácticas formativas correspondentes a cada curso académico, de acordo cos criterios e normas que se han de establecer oportunamente.
  • Propoñer ó rector o nomeamento tanto do titor/a responsable no IGADI, como por parte da Universidade, para cada un dos prazos ou períodos nos que se convoquen as prácticas.
  • Establece-los criterios de avaliación e control das prácticas tuteladas.
  • Interpretar e aplicar, con carácter xeral, as estipulacións deste convenio, así como controla-lo seu cumprimento e a se resolve-los conflictos entre as partes.
  • Propoñer adendas ou modificacións a este convenio para que sexan aprobadas polos órganos competentes.

14. Normas de aplicación

A este convenio seralle de aplicación a seguinte lexislación:

  1. Real decreto 1497/1981, do 19 de xuño, sobre programas de cooperación educativa, modificado polo Real decreto 1845/1994, do 9 de setembro, que o actualiza.
  2. Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, sobre directrices xerais comúns dos planos de estudio dos títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, modificado polo Real decreto 1267/1994, do 10 de xuño.
  3. Normativa de xestión académica aprobada pola Xunta de Goberno do 3 de xuño de 1996 (modificada por Xunta de Goberno do 13 de xuño de 1997 e 18 de febreiro de 1998).
  4. Resolución rectoral do 2 de decembro pola que se aproba o plano de estudios da Licenciatura en Ciencias Políticas e da Administración.

15. Entrada en vigor e vixencia do convenio

Este convenio entrará en vigor ó día seguinte do seu asinamento e estará vixente ata o remate do curso académico correspondente. Prorrogarase automáticamente por cursos académicos sucesivos se ningunha das partes o denuncia de xeito expreso avisando con tres meses de antelación.

En calquera caso, o convenio non poderá rescindirse no caso de que haxa alumnos/as seleccionados para realizar un período de prácticas, namentres non rematen estas.

Disposición transitoria

Mentres non se realice unha convocatoria única para tódalas titulacións na USC, facúltase á Comisión Mixta para face-las convocatorias que considere oportunas derivadas deste convenio.

 

En proba da conformidade, as dúas partes asinan este convenio no lugar e data que se indican máis abaixo.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 1998.

 

 

O rector da USC, O director do IGADI,
F. Darío Villanueva Prieto Xulio Ríos Paredes

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais