Distribuir contido

Galicia

Distribuir

Distribuir contido

Boa parte do traballo do IGADI plásmase en numerosos artigos e colaboracións en prensa e revistas especializadas.

Para unha mellor clasificación e localización dos actuais 1859 artigos que integran a sección de Análise e Opinión, temos dividido estes nos seguintes apartados temático/xeográficos:

04/11/2016
04/11/2016
Tempos Novos

O anunciado desembarco de capital chinés no Real Clube Celta de Vigo trouxo de novo á actualidade a presenza do xigante asiático en Galicia. Os investimentos do país oriental veñen medrando nos últimos anos de forma relativamente discreta pero sostida. O interese polo fútbol é unha anécdota. Ou non. Non responde exclusivamente a intereses deportivos ou económicos. Que tamén. Na primavera deste ano, as autoridades chinesas presentaron un plan que ten por obxectivo convertir o país nunha “superpotencia mundial do fútbol” en 2050. En tres lustros, segundo as estimacións do Partido Comunista, China –onde hai varios séculos xa se xogaba a algo similar, o cuju- participará nunha Copa do Mundo, organizará un Mundial e estará en condicións de gañalo. En tres anos, a selección masculina debe ser a mellor de Asia. E en pouco máis haberá uns cen potentes equipos noutras tantas cidades do país. En China hai plans, tamén para isto. En Galicia?

22/10/2016
01/11/2016
ECO

Sentimentalmente, o Celta é dos seus seareiros; materialmente, é dos seus accionistas. Un negocio. Industria deportiva pura e dura que polo tanto opera no mercado, agora global. Nesas coordenadas, está “exposto” ao capital internacional, sexa do país que sexa. Non sei se as reaccións de desconfianza vistas en Galicia serían as mesmas caso de tratarse de investimento doutro país, pero o caso é que é China quen está desenvolvendo unha ambiciosa estratexia para posicionarse neste segmento da industria do deporte. Ao líder chinés Xi Jinping gústalle o fútbol, pero alén diso e dos propios obxectivos crematísticos, trátase de sumar un deporte de tanta repercusión global como o fútbol ao seu poder brando. Nese investimento, no Celta ou noutros equipos, hai interese económico pero tamén doutra natureza ata o punto de ser a súa motivación inicial.

10/08/2016
10/08/2016
IGADI

Todas as candidaturas deben ter presente que logo do 25 de setembro, terán que implementar liñas de actuación e medidas que acheguen solucións á cidadanía a curto prazo para os problemas máis inmediatos. Mais tamén, que deberán marcar liñas de traballo de medio e longo prazo que perfilen os seus proxectos estratéxicos, aqueles que ilusionan e mobilizan ao electorado máis alá do urxente e inmediato.

18/07/2016
01/08/2016
ECO

O primeiro congreso de estudos internacionais de Galicia reuniu a expertos de diferentes áreas e sensibilidades para establecer unha posta en común arredor da importancia do factor exterior para o progreso do país. E a conclusión foi unánime: é unha política pública irrenunciable na que urxe actuar con decisión, con estratexia e perseveranza.

16/06/2016
16/06/2016
Praza

Non foi coa recente mundialización post-soviética que o galeguismo descubriu a importancia de contar cunha axenda a prol da internacionalización. Contrariamente ao atribuído empeño por erguer valados, a aposta polo autogoberno sempre estivo acompañada dunha fonda arela de universalización.

30/04/2016
04/05/2016
Sermos Galiza

Comprobamos hai pouco con certo asombro e non pouca envexa como os peruanos podían votar fóra do país en urnas nas súas eleccións xerais. Outro tanto aconteceu en febreiro co referendo boliviano. Levan tempo facéndoo. Os galegos e galegas da diáspora seguen sen poder facelo debidamente, vítimas dun asistencialismo de baixa intensidade e dunha incompetencia interesada que reduce as súas posibilidades de participación na política do seu propio país. Dinnos que algo tan simple é moi complicado. Falamos desa diáspora que representa un capital de primeira orde para a nosa acción exterior e que de cando en cando, como agora aconteceu na visita do presidente Feijóo a Arxentina e Uruguai, amosa a súa sólida penetración nas sociedades de acollida, cun talento e unha vitalidade alarmantemente desaproveitada por nós. Xa quixeran outros países contar con esa rede de capital humano.

09/12/2015
01/01/2016
ECO

É indubidable que Galicia conta cun capital humano substancial. Como certo tamén é que non somos quen de dignificalo colectiva e adecuadamente. Aquí, no mellor dos casos, cada un reivindica os seus. Os que non son de ninguén quedan no anonimato. Lembro, a propósito de Pérez-Barreiro, que alguén lamentou non saber del a tempo. A gloria chegaría da man da súa ubicación nunha das beiras do río piñeirista. De non ser así, cabe pensar que a moitos non interesaría. Pero por fortuna Fernando era, e é, moito mais ca iso. Como tamén Ramón Lugrís, contemporáneo da outra beira, que nos acaba de deixar. E só resta dicir que Galicia precisa de moitos anónimos así, de tanta valía, para facer país, anónimos que descrén das capelas e acreditan na transpartidirización e na independencia. Pero o respecto, a crenza sincera na súa necesidade polos valores positivos que incorpora –nada que ver co rexeitamento do compromiso– segue sendo aquí motivo de fonda desconfianza.

16/10/2015
16/10/2015
IGADI

No Debate 2015 sobre o Estado da Autonomía

O debate sobre o estado da autonomía saldouse en materia de acción exterior cunha aparentemente contraditoria aposta en solitario do PP pola lusofonía sen achegarse máis a Portugal e coa acusación unánime de todo o Parlamento de Galicia contra Noruega de incumprir o Convenio Europeo de Dereitos Humanos.

02/09/2015
02/09/2015
IGADI

O consenso político é un valor clave en calquera sociedade democrática e debera establecerse en asuntos clave, é dicir, aqueles considerados “política de Estado”. Un deles é a acción exterior, precisamente para dotala de continuidade e estabilidade. O Partido Popular, como no Estado, dispón de maioría absoluta no Parlamento de Galicia, o cal permítelle aventurar vitorias sen marxe de dúbida, no peor dos casos. Ven isto a conto do des-propósito de regular a acción exterior de Galicia mediante un Decreto que mais semella orientado a deixar constancia fronte a Génova e o Palacio de Santa Cruz dunha xenuflexión en toda regra afastada da debida lealdade institucional que a dotarse, por fin, dunha normativa propiamente autonómica que cubra este oco nas nosas políticas públicas. Cabe lembrar que, en 2003, por lei, regulamentouse a cooperación ao desenvolvemento, como explicar agora que un decreto regule toda a nosa acción exterior? Só para evitar o debate en Galicia e, sobre todo, para conxurar os cellos pregados alén do Padornelo?.

06/08/2015
06/08/2015
Praza/Sermos

A Xunta de Galicia deu a coñecer un Decreto co que pretende regular a acción exterior da Comunidade Autónoma (http://cpapx.xunta.es/normativa-en-tramitacion). Sorprende, de primeiras, que se acuda a un decreto para abordar a regulación desta importante -e controvertida- política pública. Lémbrese que unha dimensión “menor” da acción exterior, a cooperación internacional ao desenvolvemento, foi regulada por lei (en 2003) e resulta dificilmente explicable que para a acción exterior no seu conxunto acúdase a un decreto.

25/06/2015
25/06/2015
IGADI

160.000 euros foi o custo do resultado máis visible da XXVIII Cimeira Ibérica entre España e Portugal celebrada o luns en Baiona. Ese é o importe que gastaron o Concello de Baiona, a Deputación de Pontevedra e Paradores no asfaltado dos 700 metros da estrada de acceso á fortaleza de Monterreal na que se celebrou o encontro. Do resto do contido das reunións, nin o presidente español, Mariano Rajoy, nin o primeiro ministro portugués, Pedro Passos Coelho, foron quen de dar detalles sobre o efecto final práctico na vida dos seus concidadáns máis alá de vagas declaracións de intencións para o futuro.

13/05/2014
11/05/2014
El País (España)

En 1986 percorrer os 80 quilómetros que separan O Porriño de Ourense supoñía máis dunha hora e media de curvas. Aquel ano Galicia entrou na entón Comunidade Económica Europea (CEE) e comezou unha chuvia de millóns que permitiu rematar en 1999 a Autovía dás Rías Baixas e reducir a viaxe a 45 minutos. Ese mesmo 1999, o Concello do Porriño comezou os trámites para construír un centro de interpretación do espazo protexido das Gándaras de Budiño. O edificio inaugurouse en 2002 tras gastar nel 420.000 euros, 300.000 deles de fondos europeos, pero nunca se usou. O pasado decembro a súa ruinosa estrutura veuse abaixo e matou un parado de 36 anos que recollía ferralla.

07/02/2014
06/02/2014
Palavra común

De onde somos? Pois de aquí e de alá. Somos europeos por imperativo xeopolítico, pero iso non quer dicir que un non poida sentir mais afinidade con un caboverdiano e ata cun arxentino, sobre todo en momentos de silencio, ca con un sueco ou un teutón. Isto non supón que ser europeo e sentírmonos europeos sexa un problema, senón que a lingua, a historia, e ata a ideoloxía, entre outros, conforman patróns de conduta persoal e colectiva que se superpoñen ás simplezas do tipo común e reducionistas que se derivan da aplicación mecánica da xeografía. Hai case un século, a Galicia máis avanzada estaba á vangarda do europeísmo cando na península, mesmo en boa parte da intelectualidade, predominaba a caverna.

30/12/2013
30/12/2013
Palavra commun / Artes e letras da lua nova

Que o nacionalismo galego contemporáneo, contrariando en boa medida a vocación universalista do galeguismo, mira pouco para fóra, é cousa sabida. Máis alá de loables compromisos individuais, o certo é que con independencia de asuntos puntuais ligados ás políticas comunitarias nas que é difícil deslindar o interior do exterior e outras incidencias colaterais a maiores, a falla de iniciativa é unha característica incontestable.

07/12/2013
07/12/2013
IGADI

O último informe integral que realizou o Igadi sobre a figura dos irmandamentos que vincula aos Concellos galegos cos do resto de planeta identificou 133. Algúns protocolizados como as directrices da Unión Europea sinalan para ter status oficial e outros non tanto.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais