Convención para a Prevención e a Sanción do Delicto de Xenocidio

Distribuir

Distribuir contido

Adoptada e aberta a firma e ratificación, ou adhesión, pola Asemblea Xeral na súa resolución 260 A (III), de 9 de decembro de 1948.

Entrada en vigor: 12 de xaneiro de 1951, de conformidade co artigo XIII.

As Partes Contratantes,

Considerando que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, pola súa resolución 96 (I) de 11 de decembro de 1946, declarou que o xenocidio é un delicto de dereito internacional contrario ó espírito e os fins das Nacións Unidas e que o mundo civilizado condena,

Recoñecendo que en tódolos períodos da historia o xenocidio infrinxiu grandes perdas á humanidade,

Convencidas de que para libera-la humanidade dun flaxelo tan odioso necesítase a cooperación internacional,

Conveñen no seguinte:

Artigo I

As Partes contratantes confirman que o xenocidio, xa sexa cometido en tempo de paz ou en tempo de guerra, é un delicto de dereito internacional que elas se comprometen a previr e a sancionar.

Artigo II

Na presente Convención, enténdese por xenocidio calquera dos actos mencionados a continuación, perpetrados coa intención de destruír, total ou parcialmente, a un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso, como tal:

a) Matanza de membros do grupo;

b) Lesión grave á integridade física ou mental dos membros do grupo;

c) Sometemento intencional do grupo a condicións de existencia que motivasen a súa destrucción física, total ou parcial;

d) Medidas destinadas a impedi-los nacementos no seno do grupo;

e) Traslado por forza de nenos do grupo a outro grupo.

Artigo III

Serán castigados os actos seguintes:

a) O xenocidio;

b) A asociación para cometer xenocidio;

c) A instigación directa e pública a cometer xenocidio;

d) A tentativa de xenocidio;

e) A complicidade no xenocidio.

Artigo IV

As persoas que cometeran xenocidio ou calquera dos outros actos enumerados no artigo III, serán castigadas, xa se trate de gobernantes, funcionarios ou particulares.

Artigo V

As Partes contratantes comprométense a adoptar conforme a súas Constitucións respectivas, as medidas lexislativas necesarias para asegura-la aplicación das disposicións da presente Convención, e especialmente a establecer sancións penais eficaces para castigar ás persoas culpables de xenocidio ou de calquera outro dos actos enumerados no artigo III.

Artigo VI

As persoas acusadas de xenocidio ou de calquera dos actos enumerados no artigo III, serán xulgadas por un tribunal competente do Estado no cal onde o acto foi cometido no seu territorio, ou ante a corte penal internacional que sexa competente respecto a aquelas das Partes contratantes que recoñeceran a súa xurisdicción.

Artigo VII

Ós efectos de extradición, o xenocidio e os outros actos enumerados no artigo III non serán considerados como delictos políticos.

As Partes contratantes comprométense, en tal caso, a concede-la extradición conforme a súa lexislación e ós tratados vixentes.

Artigo VIII

Toda Parte contratante pode recorrer ós órganos competentes das Nacións Unidas a fin de que estes tomen, conforme á Carta das Nacións Unidas, as medidas que xulguen apropiadas para a prevención e a represión de actos de xenocidio, ou de calquera dos outros actos enumerados no artigo III.

Artigo IX

As controversias entre as Partes contratantes, relativas á interpretación, aplicación ou execución da presente Convención, incluso as relativas á responsabilidade dun Estado en materia de xenocidio ou en materia de calquera dos outros actos enumerados no artigo III, serán sometidas á Corte Internacional de Xustiza a petición dunha das Partes na controversia.

Artigo X

A presente Convención, nos seus textos en: inglés, chino, español, francés e ruso –todos igualmente válidos–, levará a data do 9 de decembro de 1948.

Artigo XI

A presente Convención estará aberta ata o 31 de decembro de 1949 á firma de tódolos Estados membros das Nacións Unidas e de tódolos Estados non membros a quen a Asemblea Xeral dirixira unha invitación a este afecto.

A presente Convención será ratificada e os apeiros de ratificación serán depositados na Secretaría Xeral das Nacións Unidas.

A partir do 1? de xaneiro de 1950, será posible adherir á presente Convención no nome de todo Estado non membro que recibira a invitación arriba mencionada.

Os apeiros de adhesión serán depositados na Secretaría Xeral das Nacións Unidas.

Artigo XII

Toda Parte contratante poderá, en todo momento, por notificación dirixida ó Secretario Xeral das Nacións Unidas, estende-la aplicación da presente Convención a tódolos territorios ou a un calquera dos territorios dos que é responsable das súas relacións exteriores.

Artigo XIII

Na data na que foron depositados os vinte primeiros apeiros de ratificación ou de adhesión, o Secretario Xeral levantará unha acta e transmitirá copia de dita acta a tódolos Estados Membros das Nacións Unidas e ós Estados non membros a que se fai referencia no artigo XI.

A presente Convención entrará en vigor o nonaxésimo día despois da data na que se faga o depósito do vixésimo apeiro de ratificación apeiro de ratificación ou de adhesión.

Toda ratificación ou adhesión efectuada posteriormente á derradeira data terá efecto o nonaxésimo día despois da data na que se faga o depósito do apeiro de ratificación ou de adhesión.

Artigo XIV

A presente Convención terá unha duración de dez anos a partir da súa entrada en vigor.

Permanecerá despois en vigor por un período de cinco anos; e desta maneira sucesivamente, respecto das Partes contratantes que non a denunciaran polo menos seis meses antes da expiración do prazo.

A denuncia farase por notificación dirixida ó Secretario Xeral das Nacións Unidas.

Artigo XV

Se, como resultado de denuncias, o número das Partes na presente Convención redúcese a menos de dezaseis, a Convención cesará de estar en vigor a partir da data na que a derradeira desas denuncias teña efecto.

Artigo XVI

Unha demanda de revisión da presente Convención poderá ser formulada en calquera tempo por calquera das Partes contratantes, por medio de notificación escrita dirixida ó Secretario Xeral das Nacións Unidas.

A Asemblea Xeral decidirá respecto ás medidas que deban tomarse, se houbera lugar, respecto a tal demanda.

Artigo XVII

O Secretario Xeral das Nacións Unidas notificará a tódolos Estados Membros das Nacións Unidas e ós Estados non membros a que se fai referencia no artigo XI:

  • As firmas, ratificacións e adhesións recibidas en aplicación do artigo XI;
  • As notificacións recibidas en aplicación do artigo XII;
  • A data na que a presente Convención entrará en vigor en aplicación do artigo XIII;
  • As denuncias recibidas en aplicación do artigo XIV;
  • A abrogación da Convención, en aplicación do artigo XV;
  • As notificacións recibidas en aplicación do artigo XVI.

Artigo XVIII

O orixinal da presente Convención será depositado nos arquivos das Nacións Unidas.

Unha copia certificada será dirixida a tódolos Estados Membros das Nacións Unidas e ós Estados non membros a que se fai referencia no artigo XI.

Artigo XIX

A presente Convención será rexistrada polo Secretario Xeral das Nacións Unidas na data da súa entrada en vigor.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais