Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
IGADI 26 de Outubro de 2017 VV.AA.

Yihad 2.0: a evolución da estratexia exterior do Daesh

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC
Fonte: Axencia Xinhua

A eclosión do Daesh no escenario sirio-iraquí e a súa posterior proxección internacional supuxo un cambio de rumbo notorio e imprevisto da doutrina clásica inherente a organizacións coma Al-Qaeda. Ante a natureza “proselitista” e a clandestinidade propia destas organizacións xihadistas, o Estado Islámico (Daesh) mudaría a súa idiosincrasia para facelo accesible a todo un espectro global mentres, de forma tácita, conformaba pola vía militar un Estado visible e definido pero de carácter transnacional.

O novo ensaio de Estado xihadista conformado polo Daesh, análogo do fugaz Emirato Islámico de Afganistán, conseguiu conformar unha rede real de administración social e territorial delimitada, con redistribución de recursos, cobro de impostos, servizos básicos e incluso unha lexislación específica, baseada na sharia. Paralelamente, desenvolvía unha estrutura ideolóxica e propagandística de dimensión e difusión global, logrando traspasar a limitacións físicas e chegando a un público internacional.

A converxencia destas dúas realidades conseguiu dotar duns recursos -materiais, inmateriais e humanos- e capacidades que situaron a esta organización na vangarda dos perigos e ameazas para seguridade global. Sen embargo, a estratexia desenvolvida polo Daesh non se mantivo estática, sobre todo no ámbito da proxección exterior, sufrindo cambios notorios en función da mudanza do paradigma sirio-iraquí.

A comprensión dos factores determinantes na evolución de dita estratexia, así coma o seu deseño e proxección, axudan a dilucidar as fortalezas e debilidades da organización terrorista, o cal debe ser tido en conta para o deseño dos nosos plans e estratexias de resposta. De igual xeito, axuda a comprender a crecente vaga de accións violentas acaecidas en solo europeo dende os dous últimos anos.

A construción do Califato: a lexitimación do Estado

Dende que en xuño de 2014, Abu Bakr Al Bagdadi, líder do Daesh, proclamara o Califato Islámico entre Mosul (Iraq), nun evento retransmitido en directo nas televisións locais, unha das premisas fundamentais era demostrar a capacidade real de xestión do amplo territorio. É dicir, lexitimar a súa existencia para atraer a individuos e familias musulmás de todo o espectro global, “seguindo as teses de Sun Tzú de abastecerse de material e combatentes(1), sendo a meta a consolidación e lexitimación funcional do Estado.

Para levar a cabo este propósito, configurouse unha titánica estrutura mediática, cunha capacidade de difusión masiva. Estamos a falar de 46 axencias de información e produtoras audiovisuais, con gran capacidade técnica (sobre todo dende a toma de Mosul e o acceso a material e estudos da TV iraquí), revistas locais e internacionais, das que destaca a Dabiq e, sobre todo, un uso masivo das redes sociais, cun auténtico exército de “ciberactivistas” que difunden unha media de 18.000 mensaxes por día (pese a cerrarse máis de mil contas diarias) a través de Twitter, Instagram e Facebook. Tamén cabe resaltar o uso de plataformas encriptadas como Telegram e o espectro da Deep Web.

Con esta capacidade, impulsouse a creación e difusión no exterior de material propagandístico en multitude de idiomas (inglés, francés, alemán, castelán etc.), centrado en dous ámbitos específicos: material bélico e a vida cotiá dentro do Califato. Coincidindo cun momento de expansión do territorio, por unha parte mostrábase a determinación e fortaleza do grupo mentres, paralelamente, difundíase unha imaxe da utopía xihadista do Califato, mostrando un territorio perfectamente administrado baixo unha sorte de modelo “realpolitik”, cunha vida calma e funcional, que afastaba a decadencia e suposta mercantilización imposta pola globalización e o modelo occidental.

Non só se buscaba atraer muyahidins alentados pola violencia e a vitoriosa campaña militar, senón tamén persoal técnico (enxeñeiros, médicos etc.) e familias, susceptibles de ser seducidos pola falsa imaxe idílica da vida nun Califato administrado baixo os preceptos espurios do takfirismo. Foi frecuente a elaboración de material gráfico sobre accións humanitarias, escenas en escolas coránicas, mercados abastecidos, etc. Lográbase así romper o perfil clásico de radicalización, é dicir “individuos marxinais excluídos en termos socioeconómicos e políticos, cun pasado obstaculizado por dificultades persoais multifactoriais”(2), xurdindo novos perfiles máis diversificados, procedentes da clase media e incluso alta, así coma unidades familiares.

Xogaron un papel fundamental as axencias Al-Furcan e Al-Hayat, cunha produción e difusión audiovisual de alta calidade técnica. Do mesmo xeito, o asiduo contacto exercido por combatentes do Daesh asentados en Siria e Iraq, a través das redes sociais, favoreceron os labores de captación mediante un discurso triunfal cargado de optimismo pola situación do momento, algo que cambiaría co devir das progresivas derrotas e constante perda de territorio, motivo polo cal, dende maio de 2017, foron prohibidas estas comunicacións.

Nestas primeiras fases, polo tanto, a estratexia focalizábase na captación e atracción demográfica para a construción da sorte de Estado xihadista. Pola súa banda, no eido militar, o Daesh rompía tamén coa doutrina imperante de organizacións coma Al-Qaeda, centrándose no “inimigo próximo” e detrimento da estratexia e “cruzada” global.

Esta situación mudaría a partires de setembro de 2015, especialmente trala entrada no conflito de Rusia a favor do goberno sirio de Bashar Al-Assad, e a resposta da Coalición Internacional, esfumándose paulatinamente o soño do estado de bandeira negra.

Derrubamento do Califato: xihad global

Se ben é certo que, dende a proclamación do Califato, os seus líderes buscaron a supeditación e compromiso de grupos xihadistas de todo o globo (África subsahariana, Sahel, Cáucaso ou sueste asiático)(3) non sería ata o comezo da súa regresión en Siria e Iraq cando mudaría a súa estratexia cara o desenvolvemento de accións e ataques a nivel internacional, especialmente no eido occidental, polo seu impacto mediático.

O reclamo de accións no exterior multiplicouse segundo o declive territorial e militar víase acuciado. Pese a manter a chamada a facer a hiraj (emigración), alentouse o desenvolvemento de ataques indiscriminados nos países de orixe. Sen embargo, a pouca previsión da organización de cara este novo escenario, froito quizais do insólito matrimonio entre altos mandos do deposto exército do desaparecido líder iraquí Saddam Hussein e a insurxencia islamista – que priorizaban a expansión e consolidación territorial- supuxo unha imporante falta capacidade técnica no exterior. Por norma xeral, non dispoñían de redes e células operativas, así como tampouco de depósitos de armas ou demais material loxístico, reflexo a súa vez dunha relativa improvisación da súa estratexia.

Por estes motivos, exceptuando casos como o dos atentados de París (13/11/2015); Bruxelas (22/03/2016); ou o chárter ruso da península exipcia do Sinaí (31/10/2015), os atentados acaecidos caracterizáronse por un “terrorismo low-cost”. Sen embargo, a capacidade de propaganda mantívose intacta, ante una falla de previsión notoria nas políticas e estratexias de seguridade, polo que a vaga de ataques mantívose in crecendo, superando o hándicap da falta técnica e loxística. Mudouse o paradigma clásico xurdindo así un terrorismo, en moitos casos, de mera inspiración, onde prima a autorradicalización, cunha vinculación ou planificación limitada ou inexistente coa organización terrorista transnacional.

Reflexo desta tendencia atopamos os últimos números da revista Dabiq ou multitude de material gráfico en máis de 40 idiomas, nos que á par de reivindicar os atentados chamábase a atentar contra os “infieis” alá onde residan, alentando a todo musulmán a seguir o camiño da xihad aínda que sexa en solitario, así como convencer aos demais de seguir os seus pasos(4).

Do mesmo xeito, proliferaron os manuais a través das redes para realizar ataques con utensilios cotiás, de fácil acceso que revistan un grande impacto. Urxía reverter a imaxe global de declive do Califato a través destes ataques, chegando a reivindicar sucesos sen conexión coa organización.

Trala desintegración do Califato

Esta capacidade propagandística e ideolóxica supuxo unha innovación notoria fronte a doutrina experimentada ata o de agora. Independentemente do seu enfoque (exterior ou interior) supón unha da maiores ameazas actuais, nun plano no que a resposta pareceu demorarse (aínda agora) demasiado no deseño de estratexias oportunas.

Pese aos reveses sufridos nos últimos dous anos e ante a previsible perda total de territorio no escenario sirio-iraquí (e a consecuente desarticulación de recursos que isto supón), así como a morte de figuras clave como Abu Muhammad Al Adnani (xefe da unidade de intelixencia e acción exterior) e Abu Mohamed al Furqan(xefe de comunicación), que limitan cada vez máis a estrutura de propaganda e radicalización, os tentáculos transnacionais desta complexa rede de comunicacións continúan a configurar unha das maiores ameazas á seguridade global. Isto é palpable máis aínda tendo en conta a posible reconfiguración da organización en novos escenarios (Sahel, Sueste asiático ou Cáucaso), esta vez coa consciencia dos erros cometidos na súa estratexia exterior.

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

 

Citas Bibliográficas:

 

(1)                   BALLESTEROS, Miguel Ángel (2017); “La estrategia del Daesh a través de su revista Dabiq”, Instituto Español de Estudios Estratégicos (IEEE) Documento de Análisis. pp. 9

(2)                   BOUREKBA, Moussa (2015); “¿Por qué atrae el Estado Islámico?” Barcelona Centre for International Affaires (CIDOB). Notes International. pp. 1

(3)                   Islamic State´s Global Affiliates: https://intelcenter.com/maps/is-affiliates-map.html#gs.TobQ0IU

(4)                    “La estrategia del Daesh a través de su revista Dabiq” op. cit. pp.12

 

 

 

 

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais