Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 29 de Marzo de 2018 Ríos

Xi resetea a relación con Pyongyang

xi_kim.jpg

O cume Xi-Kim en Beijing foi unha xogada mestra da diplomacia chinesa. Aínda que tamén un gran triunfo para Kim Jong-un, que obrigou ao “temoneiro extraordinario” a cambiar de rumbo de modo abrupto. Días atrás, o 20 de marzo, o Global Times xa nos recordaba a importancia da alianza Beijing-Pyongyang e salientaba no seu editorial o difícil e perigoso que sería para Corea do Norte lidar soa con Seúl, Washington e Tokio. Unha semana máis tarde, Kim iniciaba a súa visita a China, a súa primeira saída ao exterior desde 2011, cando asumiu funcións, indicando a todos que a súa relación con Beijing é un valor seguro ante a hipótese dun novo fracaso das negociacións. Atrás quedaban outros improperios nos que o propio Presidente chinés cualificaba as “provocacións militares” de Kim Jong-un como unha “ameaza para a seguridade de China”. 

Dúas circunstancias poden influír neste brusco xiro. Dunha parte, o temor de China a quedarse fóra de xogo na nova fase do proceso negociador aberto polo anuncio dos cumes de Pyongyang con Seúl e Washington (http://politica-chinesa.org/areas/politica-exterior/chinesa-...). Doutra, a necesidade de enviar unha dobre mensaxe a EUA. O primeiro ten que ver directamente co contencioso: non se pode prescindir de China en calquera negociación que afecte á península; o segundo vai máis aló, e é inseparable do novo rumbo das tensións sino-estadounidenses (guerra comercial, Acta de Viaxes a Taiwán, maior implicación militar do Pentágono no Mar de China meridional), co propósito de temperar as presións dun Donald Trump que sempre insistiu en que China “pode facer máis” pola desnuclearización da península coreana. Quizá este xiro axude nos demais contenciosos da axenda bilateral.

O contragolpe de Xi pecha o capítulo das tensións entre ambos líderes, partidos e países iniciado en 2013. No comunicado oficial da reunión non se mencionan as sancións de Nacións Unidas, ás que China sumouse nos últimos tempos a despeito da irritación norcoreana. Recórdese que Beijing, entre outros, suspendeu o fornezo de petróleo e carbón e instou o bloqueo dalgunhas contas norcoreanas nos seus bancos. É seguro que a axuda económica reactivarase máis pronto que tarde.

O terceiro Kim, louvado cunha visita non oficial pero con honores practicamente de xefe de Estado, viu colmada a súa ambición ao ser invitado a Beijing por Xi. Ambos han ter que recoñecer que están abocados ao entendemento e a cooperación. En presenza de altos líderes do PCCh e do Estado (incluído o flamante vicepresidente Wang Qishan), Xi encomiou a Kim e este aclarou que quixo vir en persoa a felicitalo polos seus recentes nomeamentos apelando á camaradería que lles une. 

As propostas de Xi abundaron na normalización da comunicación entre “camaradas” apelando á tradicional amizade que une ás súas formacións políticas e estados. Kim dixo esperar reunirse “a miúdo” co secretario xeral Xi elevando o nivel dos encontros interpartidarios e oficiais a partir de agora.

Aínda que houbo mención ás conversacións de paz, non as houbo, polo menos directas, ao diálogo hexagonal nin á dobre suspensión proposta por China. O ton, altamente conciliador, completouse co moi relevante compromiso co desarme nuclear da península, que Kim residenciou na vontade xa mostrada polo seu pai e avó, unha afirmación, como pouco, controvertida. En calquera caso, supeditada a “si Corea do Sur e EUA responden aos nosos esforzos con boa vontade e crean unha atmosfera de paz e estabilidade”. Os medios norcoreanos obviaron as alusións ao compromiso coa desnuclearización.

A sensación é que o encontro chega con sete anos de atraso, aínda que todo indica que as relacións van camiño de volver ser “de uña e carne”. 


 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais