Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 20 de Febreiro de 2017 VV.AA.

Xeopolítica e cooperación en Eurasia: novas realidades para a UEE, a OCX e a Ruta da Seda

Unha análise de José Corrochano Ponte, alumno en prácticas da USC.
Fonte: Xinhua

Nos últimos anos, os países de Asia Central están a espertar un notable interese por parte das dúas principais potencias rexionais, China e Rusia, as cales teñen en mente importantes estratexias de cara ao futuro para facilitar o avance dos seus intereses políticos e económicos. Neste sentido, os seus diversos plans comezan a cobrar forma, aínda que cada un ten o seu propio ritmo de desenvolvemento debido ás súas propias características

Estas estratexias([1]) seguen o curso deseñado polas potencias que as integran, pero o seu desenvolvemento pode verse truncado trala asunción da presidencia de Donald Trump en EUA. Por tanto, os recentes adiantos das súas ideas e obxectivos para as relacións internacionais e o pulso xeopolítico parecen indicar que estes plans poden verse notablemente afectados pola influencia que exerza Trump e o novo rumbo da política exterior estadounidense.

A Unión Económica Euroasiática (UEE)

Creada en 2015, a Unión Económica Euroasiática (UEE) é un proxecto impulsado polo presidente ruso Vladimir Putin co foco na cooperación económica e política, e da que forman parte algúns países pertencentes ao espazo euroasiático post-soviético. Con todo, especúlase que a través do mesmo, Moscova tenta aumentar a súa influencia política, a fin de asegurar os seus intereses estratéxicos no espazo euroasiático de cara aos cambios que se albiscan no marco xeopolítico global([2]).

Conformado por Rusia, Belarús, Armenia, Kazajstán e Kirguizistán, a UEE concíbese igualmente como un interlocutor chave de cara á Unión Europea e outros organismos internacionais. De feito, a UEE observa con interese o modelo de integración establecido pola Unión Europea (UE), particularmente no concernente á unión económica e arancelaria. Non obstante, a propia UE observa á UEE como un rival xeopolítico principalmente para a súa política de captación de novos membros no espazo euroasiático, a través dos Acordos de Asociación.

Nestes case dous anos de andaina, a UEE é aínda un proxecto en construción. Para os seus membros, este organismo permite facilidades de desprazamento entre as súas fronteiras, unha maior mobilidade laboral e acceso preferente a un importante mercado como é o ruso. Non obstante, o seu suceso económico é aínda unha incógnita.

Salvo Rusia, a UEE está conformada por países principalmente subdesenvolvidos, con grandes problemas socioeconómicos e incluso de estabilidade política. Con todo, países como Rusia e Kazajstán están incluídos entre os grandes produtores de petróleo e gas natural.

A pesar da proximidade xeográfica cara Rusia e China, a UEE está igualmente afastada dos grandes centros de poder económico e político, particularmente Europa, EUA e da emerxente Asia-Pacífico.

Outros aspectos que dificultan a súa estabilidade teñen que ver coa adopción dalgunhas políticas comerciais e arancelarias. Pero o principal problema é basicamente político. Moitos especulan con que este organismo responde a un proxecto estratéxico deseñado por Rusia para expandir a súa influencia rexional, incluso con posibilidade de reducir a súa soberanía nacional a favor da subordinación aos intereses rusos. Outros consideran que a UEE pode verse sumido na perda de atractivo e de competitividade ante o avance das iniciativas chinesas de integración dende Asia Central ata Europa.

A Ruta da Seda chinesa

A formulación do proxecto de “Pivot to Asia” por parte da Administración Obama, persuadiu a China para impulsar e dotarlle de máis ritmo ó seu propio plan  para aumentar o seu peso na escena política mundial actual([3]).

A súa estratexia principal é a construción do proxecto da Ruta da Seda, baseada no beneficio mutuo mediante intercambio económico e non na política (cada país terá a súa independencia e manterá a súa soberanía). Este proxecto busca establecer unha ruta comercial entre as súas costas no Pacífico e a Unión Europea, creando a maior franxa de comercio, transporte e intercambio cultural do mundo.

Para poder levala a cabo, o primeiro paso é convencer ós países de Asia Central de que Beijing non imporá as súas decisións. Búscase a cooperación e que os acordos produzan un beneficio mutuo. Un dos obxectivos expresos da Nova Ruta da Seda é rematar co déficit de infraestruturas  que lastra a interconexión asiática e o potencial desenvolvemento da zona.

O deterioro progresivo das relacións con EUA([4]) sofre un novo (e pode que definitivo) golpe coa chegada á presidencia de Trump e as súas intencións de dar un xiro oposto ás políticas da Administración anterior de Barack Obama. Por sorte para o presidente chinés Xi Jinping, Europa está cada vez máis atenta ao que acontece con este inmenso plan e contra as obxeccións que formulou Obama. Algunha das principais potencias europeas xa mostrou o seu apoio á “New Silk Road”, entre eles Reino Unido, Francia e Alemaña. Veremos se no futuro, os desplantes dos estadounidenses supoñen un acercamento a Europa e Rusia, ou se se produce algún cambio drástico, e as dúas superpotencias mundiais se alían no seu beneficio, o que modificaría o “statu quo” actual, no que EUA é a primeira potencia, e existen diferentes centros de poder inferiores: China, Europa, o resto dos BRICS, etc).

Organización de Cooperación de Xangai (OCX)

A Organización de Cooperación de Xangai (OCX) é unha entidade cuxo obxectivo non é ser un bloque militar (inspirándose na OTAN), senón o fortalecemento da seguridade na rexión, a cooperación económica e cultural cunha relación baseada na confianza, consenso, beneficio mutuo e respecto. Está formada polas potencias da rexión e os países do espazo soviético ó seu redor([5]).

A OCX é unha peza clave para a estabilidade rexional, xa que busca conciliar os intereses das potencias en materias de seguridade e terrorismo dende a retirada das tropas occidentais de Afganistán en 2014, e o desenvolvemento integral en infraestruturas, a extracción de enerxía e as comunicacións. Dende a súa fundación no 2001, afirmouse como un importante foro multilateral nesta rexión clave do mundo, xa que ten un amplo recoñecemento a nivel internacional e un enorme campo de actuación.

No futuro máis inmediato, aparecen no horizonte dous obxectivos moi claros a ter en conta:

a)      É imprescindible manter estar alianza estratéxica asiática, aínda que as cotas de poder cambien. Por exemplo, no caso de perda de importancia por parte de Rusia con respecto a China.

 

b)      Deberá manter a súa folla de ruta e axenda propia, coas súas peculiaridades, e sen deixarse influír por Occidente, xa que a OCX é unha institución que claramente rivaliza coas estruturas de integración occidentais (OTAN, UE) con epicentro en Bruxelas.

 

Posibles escenarios

Co futuro desenvolvemento destes grandes plans, podemos atopar distintos contextos que favoreceran a nova forma de xeopolítica por bloques. Ante nós se abren unha serie de posibles escenarios segundo como reaccionen os diferentes actores.

    O primeiro producirase se estes países adhiren a un dos plans, e optan pola vía económica ou política, “subordinándose” a algunha das dúas potencias, e deixando moi afectada a estratexia da outra.

    O segundo, se xogan a ambas bandas, non se decantan por ningunha das dúas ofertas de alianzas e “premen” para obter condicións máis favorables mentres deciden a súa mellor opción.

    Por último, debemos ter en conta o papel que ten a UE, que pode chegar a ser un actor case tan importante ou mais que os anteriores, xa que a finalidade última da Ruta da Seda (e incluso da UEE)([6]) é conectarse con Europa, o que pode decantar a balanza e orixinar un efecto dominó que leve aos países centroasiáticos a cambiar as súas preferencias e elixan a mesma opción que Bruxelas.

Este escenario é o máis plausible. O fin último deste enormes proxectos é a mellora dos acordos cos países europeos baixo un marco común para todos eles e as institucións supranacionais. E se nos centramos nel, automaticamente xorden dúas hipóteses:

-          Se a UE se decanta pola estratexia rusa (tal e como, no fondo, quere o presidente Putin) se formará un gran entorno político común e de libre comercio que sería de enorme atractivo para todos estes países;

 

-          Se, polo contrario, a teoría predominante é que os gobernos europeos prefiren a estratexia chinesa, a conexión entre dous dos maiores mercados do mundo sería unha oportunidade irresistible para Asia Central.

A chegada do Presidente Donald Trump á Casa Branca pode ter unhas consecuencias inesperadas na situación xeopolítica actual:

-          Por unha banda, busca unha nova amizade con Rusia para romper a estabilidade e a  boa sintonía entre estes países (sobre todo entre rusos e chineses).

 

-          Co xigante asiático, a administración de Trump busca enfrontarse nos controvertidos temas da soberanía das illas do Mar do Sur, Taiwán e Hong- Kong.

 

Conclusións

Un cuarto de século despois da caída da URSS, o número de habitantes rusos nas ex repúblicas soviéticas de Asia Central descendeu progresivamente([7]) polo que, en principio, son cada vez más dependentes de Moscova.

 

Sen embargo, os gobernos autoritarios de Asia Central se atopan entre a espada e a parede: por unha banda, temen que as ameazas do fundamentalismo islámico se propaguen no seu territorio debido a que teñen unha xeración descontenta e en desemprego, pero por outra non queren volver a épocas anteriores onde se estableza unha tutela desde o Kremlin([8]). Ademais, se temos en conta a guerra civil en Ucraína e a tradicional posición antirrusa en Kiev, toda vez Moldavia e Xeorxia son países cunha visión pro-europea, as posibilidades de expansión e de consolidación da UEE atópanse en dúbida, cun futuro incerto.

 

Pola súa banda, a Ruta da Seda supón un orixinal medio de asociación de países, mediante o “soft power” ou “poder brando” (inversións en sectores estratéxicos, intercambios comerciais e culturais) e o “win-win”. Busca alianzas máis estreitas con  Asia Central, as costas de África (a través da vía marítima) e Europa. As aspiracións de China atópanse nun momento de pausa, xa que ten ante si diferentes retos internos como externos: ademais das crises de bens inmobles e territoriais (o independentismo “igur” e a soberanía das illas do mar de China), ten unha serie de diferenzas políticas con Taiwán e Hong Kong.

 

Dende o punto de vista externo, a inestabilidade da zona, a situación económica de crise mundial e os receos de Rusia e EUA fan diminuír as enormes expectativas iniciais creadas. Aínda así Beijing posúe a firme determinación, o capital e a ambición para conmemorar en 2049 o centenario da República Popular coa finalización e retorno deste proxecto milenario.

 

Na actualidade, estes proxectos (a Rusa da Seda, a Unión Económica Euroasiática e a Organización de Cooperación de Xangai) desenvólvense non sen dificultades, dada a súa natureza multidisciplinar (política, económica e cultural) e unha serie de factores propios de cada un([9]). Todo apunta a que nos vindeiros anos se completarán de maneira efectiva debido ao avance innegable da globalización e o gran deseño de ambos plans. Sen embargo, debemos seguir expectantes co que suceda no desenvolvemento destas estratexias, e nas conseguintes reaccións dos actores (os países de Asia Central e o Cáucaso, a UE, e os propias potencias que urdiron estes grandes proxectos) a ditos cambios.



([1]) A Unión Economía Euroasiática, a Ruta da Seda chinesa, e a Organización de Cooperación de Xangai.

([2]) Estas expectativas rusas están cifradas nos cambios que se observan na xeopolítica global, en particular a perda de relevancia e poder por parte de Europa, a inminente hexemonía mundial de China e o posible novo rumbo na política exterior que tome a Administración de Donald Trump na Casa Branca.

([3]) E non quedar illada pola iniciativa rusa de creación da UEE e a xa mencionada estratexia estadounidense de concentrar a súa atención cara o Pacífico e Asia.

[4]Debido ás intencións do novo Presidente Trump de modificar os intercambios comerciais, o apoio a Taiwán e o non recoñecemento da soberanía chinesa nas illas do mar de China.

([5]) Formada polos seguintes membros: Rusia, China, Kazajstán, Kirguistán, Tadxiskistán, Uzbekistán, India e Paquistán. Como observadores atópanse: Afganistán, Irán e Mongolia.

([6])A idea de VladimirPutin era crear un área política e de libre comercio de Lisboa a Vladivostok (cidade na costa pacífico da Federación Rusa)

[7]En Kirguistán pasouse dun 25 a un 7% de poboación rusa, en Uzbekistán só representan un 3%, en Turkemistán a metade deste colectivo abandonou o país.

[8]Sobre todo nos países del Cáucaso Sur y en Kirguistán e Taxikistán

([9]) No caso ruso, as sancións da UE e a desconfianza cos plans de Putin fan que os países centroasiáticos o vexan con receo; mentres que no caso chinés, non queren ser un simple camiño de paso entre potencias, queren participar activamente do comercio e intercambio cultural que promete.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais