Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública 28 de Marzo de 2013 Oki

Xapón: polémica polas eleccións de 2012

O Tribunal Superior de Hiroshima ditou unha sentenza sinalando que as eleccións xerais celebradas en Xapón en decembro de 2012 eran “inconstitucionais e inválidas”. Segundo a sentenza, existía unha desigualdade do valor do voto nas últimas eleccións xerais.

Xa que logo, esta sentenza afectará á política de Shinzo Abe? Os distritos electorais divídense segundo o número de habitantes. Por iso, un voto nun distrito onde existe un numeroso electorado ten menos valor que un voto no distrito onde hai pouco electorado. Esta diferenza de valor do voto viola o Artigo 14 da Constitución, que referenda o principio de “igualdade ante a lei”.

Existían problemas e preitos políticos en torno a este punto desde fai moito tempo. As sentenzas anteriores en torno a este problema foron declarando inconstitucionalidades ou “situacións inconstitucionais” (pode ser inconstitucional se non se reforma o sistema dentro dun prazo fixo racional), co cal as eleccións xerais eran consideradas como válidas.

Os antecedentes

En marzo de 2011, a Corte Suprema de Xustiza de Xapón sentenciou que as eleccións xerais en 2009 quedaron viciadas por “unha situación inconstitucional”. Por iso, os poderes lexislativos debían tomar medidas canto antes para reformar o sistema electoral.

Con todo, os poderes lexislativos non as tomaron e finalmente as eleccións xerais celebráronse en decembro de 2012, malia que xa pasara máis dun ano e medio trala sentenza da Corte Suprema de Xustiza. Resulta que a diferenza de valor do voto non foi reformada. O valor do voto no distrito 3 da provincia de Kochi era 2,43 veces máis grande que o do distrito 4 da provincia de Chiba. Os poderes xudiciais xa non podían tolerar a neglixencia dos poderes lexislativos.

É a primeira vez que os poderes xudiciais ditan unha sentenza que declara como inválidas unhas eleccións xerais. O Tribunal Superior de Hiroshima sentenciou o pasado 25 de marzo de 2013 que as eleccións xerais en 2012 nos distritos 1 e 2 da provincia de Hiroshima son inválidas. O Tribunal Superior de Hiroshima aprazou a execución de invalidez ata un día despois, o 26 de novembro de 2013, para non crear inestabilidade na política xaponesa. Din que o Comité Electoral de Hiroshima recorrerá á Corte Suprema de Xustiza, así que os parlamentarios elixidos nestes distritos non perden o seu posto ata que a Corte Suprema de Xustiza dite unha sentenza de invalidez.

No entanto, a sé local de Okayama do Tribunal Superior de Hiroshima tamén sentenciou o pasado 26 de marzo de 2013 que as eleccións xerais no distrito 2 da provincia de Okayama son inválidas. É pertinente considerar que en Xapón existen oito Tribunais Superiores, sendo estes Tokio, Osaka Nagoya, Hiroshima, Fukuoka, Sendai, Sapporo e Takamatsu, así como seis sedes locais do Tribunal Superior en Kanazawa, Okayama, Matsue, Miyazaki, Naha e Akita. Nesta sentenza do Tribunal Superior de Hiroshima non se admite a moratoria, polo tanto entra en vigor inmediatamente. Pero espérase que o Comité Electoral de Okayama tamén recorra á Corte Suprema de Xustiza.

Noutros Tribunais Superiores tamén existen preitos a propósito do problema da diferenza de valor do voto nas últimas eleccións xerais. Aínda non terminaron todos os preitos pero case todos os Tribunais Superiores ditarán unha sentenza relativa a que as eleccións xerais son “inconstitucionais” ou viciadas por unha “situación inconstitucional”.

Unha repetición sen consecuencias políticas

Estas sentenzas afectarán á política do Partido Liberal Democrático (PLD)? O PLD non perde escanos inmediatamente, polo menos ata que a Corte Suprema de Xustiza dite unha sentenza unificada de invalidez. Con todo, a Corte Suprema de Xustiza xulga sobre a constitucionalidade das eleccións xerais en 31 distritos electorais.

Polo tanto, hai probabilidade de que se repitan as eleccións xerais en moitos distritos. En caso de repetírense as eleccións xerais, non parece probable que afecten seriamente ao goberno de Shinzo Abe e do PLD, o cal mantén unha alta porcentaxe de popularidade e apoio xeral.

Trala sorprendente sentenza, Shinzo Abe indicou que reformaría a curto prazo a Emenda da Lei das Eleccións Públicas. O certo é que en novembro de 2012 foi aprobada unha lei para reducir cinco escanos na Cámara Baixa, coa finalidade de diminuír a diferenza de valor do voto. A diferenza, o entón goberno de Yoshihiko Noda prometeu a disolución da Cámara Baixa. Trala disolución, estaba en preparación o anteproxecto de novos distritos electorais e elaboraba a Emenda da Lei das Eleccións Públicas. Shinzo Abe estaba preparando a presentación deste proxecto de lei á Cámara Baixa en abril de 2013. Xa que logo, esta sentenza dos poderes xudiciais premeu a Shinzo Abe.

Ademais, os partidos políticos da oposición opinan que o proxecto do PLD non é suficiente para corrixir o problema de diferenza de valor do voto, co cal demandan unha reforma drástica do sistema electoral. Argumentan que a Emenda da Lei das Eleccións Públicas para reducir cinco escanos non debe adiantarse á reforma en profundidade, senón que debe abordarse simultaneamente a redución e a reforma. Aínda o PLD e os partidos da oposición non chegaron a un acordo.

É posible que Xapón estea ás portas dunha transición cara a un novo sistema político. A política xaponesa cambiará nun futuro próximo. Estase aproximando o tempo de modificar o sistema político deseñado trala Segunda Guerra Mundial e de creación dun novo sistema. A sentenza dos poderes xudiciais arredor da diferenza de valor do voto deu ao pobo xaponés unha ocasión para repensar o sistema político do país.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais