Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
El Ideal Gallego 4 de Abril de 2010 Álvarez Pousa

Vergonzosa impunidade

O petróleo fai milagres. Un dos máis chamativos, o da comunidade internacional perdonándolle a vida a Vladimir Putin antes e despois de que Moscú anunciara, fai agora un ano, que chegara a fin da guerra contra o terrorismo en Chechenia. Non hai en Europa un lugar no que os dereitos humanos se veñan atacando con máis saña. O mandatario ruso aproveitara a Cruzada de Bush contra Al Qaeda, co resultado por todos coñecido, para avanzar na súa propia contra o yihadismo caucásico, dándolle ás milicias a soldo de Ramzán Kadírov licencia para matar. Quérese dicir: para seguir asasinando, secuestrando, violando e torturando agora. Todo menos permitir que os seguidores de quen en 1991 proclamou unilateralmente a independencia, o ex xeral da aviación soviética Dudáiev, se fagan con esta república autónoma, pequena en tamaño pero grande en recursos enerxéticos. Incluído o asasinato en 1996 dese independentista, daquela presidente, sen que ninguén esixira unha investigación e un castigo para os seus autores, tal como as cancillerías acostumbran a facer cando sucede noutras latitudes menos comprometidas. 

Abonda coas brutais e desoladoras imaxes do documental “Grozni, crónica dunha extinción”, que Manon Loizeau rodou clandestinamente contando coa colaboración dun grupo de mulleres chechenas, para que o mundo se sentira directamente interpelado ante semellante crueldade. Ou seguir, como veño facendo eu mesmo, as crónicas nas que a correspondente en Moscú do diario Le Monde, Sophie Shinab, dá conta dos métodos criminais que utiliza Kadírov, o presidente /títere do Kremlin, non só contra os escasos guerrilleiros independentistas que resisten nas zonas montañosas do sur, tamén contra todos os que desde 1999 o cuestionan abertamente. Persecucións, execucións extraxudiciais, torturas e todo tipo de arbitrariedades das que son vítimas moitos dos que están sendo vingados polas chamadas “viúvas negras”, as mulleres terroristas que descubrimos por vez primeira entre os mortos que o exército ruso producira no asaltado teatro de Moscú, e ás que se atribúen as explosións que hai uns días lle segaron a vida a 39 persoas no metro desa mesma cidade. 

Cóntano con perigo para as súas vidas. Porque a estalinización de Chechenia tamén comporta matar aos mensaxeiros. Por caso, a xornalista Anna Politkóvskaya, asasinada con total impunidade no seu propio domicilio. E ultimamente, Natalia Estemírova, desaparecendo co seu asasinato a máis importante fonte de información independente sobre os abusos e crimes cometidos polo que a ONG á que pertencía esta mestra definiu como “un rexime de delincuentes que actúan encubertos por Moscú”. Terrorismo de Estado, puro e duro. Fronte ao que as guerrillas yihadistas tentan impoñer as súas propias técnicas de matar. A escalofriante lóxica do terror. 

Todo isto sen que as democracias occidentais ousen poñer a Putin e á ditadura que el mesmo ampara en Chechenia ante o máis mínimo apreto. Ter a chave europea dos máis importantes gaseodutos imprime carácter. E impunidade. De vergonza.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais