Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 24 de Novembro de 2012 Oki

Ventos de cambio na política xaponesa

Xapón acelera o curso político ante as eleccións xerais que se celebrarán o próximo mes de decembro. Trala repentina disolución da Cámara Baixa o pasado 16 de novembro, moitos políticos están forzados a preparar apresuradamente a campaña electoral. O que chama a atención é o proceso de separación e  fusión dos partidos políticos nestes últimos días. Algúns deles están formando “o terceiro polo” para intentar gañar ao bipartidismo existente. A pesar de que anteriormente non acordaran fusionarse por diferenzas na súa liña de política, a súbita disolución forzoulles a tomar unha resolución.

Con todo, realmente superaron as diferenzas? Citando as palabras de Shintaro Ishihara, o novo líder do Partido Restauración de Xapón (PRX), “non hai máis que unha pequena diferenza”. Segundo Ishihara, é máis importante gañar contra os partidos políticos actuais que formular e aferrarse á liña política. Segundo a última enquisa de opinión da empresa Nikkei, o partido de Ishihara está tendo case o mesmo apoio popular que o Partido Democrático de Xapón (PDX), actualmente no poder.

Isto pode constituír unha tendencia perigosa. O cambio político sen discusión sobre o programa político só provocará unha corrupción da política democrática. É natural que o partido político no poder salga do goberno polo fracaso da súa xestión, e que o partido da oposición obteña o poder presentando unha idea alternativa. No entanto, un cambio político sen mostrar ideas sobre o futuro do país non contribuirá a cambiar nada. Polo de agora, cómpre discusión da liña política do “terceiro polo”.

Eleccións adiantadas

Tendo en conta esta tendencia, débense observar con minuciosidade os movementos políticos destes últimos días. O pasado 16 de novembro, o actual primeiro ministro Yoshihiko Noda disolveu a Cámara Baixa unha vez os partidos da oposición aprobaran proxectos de lei como a Lei Especial para a Débeda Pública e a Lei de Reforma do Réxime Electoral da Cámara Baixa. Ao mesmo tempo, os partidos da oposición aceptaron a redución do número de deputados, un asunto que igualmente se discutirá e chegará á súa conclusión na próxima Dieta.

Por mor destas propostas para a disolución da Cámara Baixa e a súa posterior aceptación por parte dos partidos políticos, fixouse a celebración das próximas eleccións parlamentarias, convocadas para o próximo 16 de decembro de 2012, comezando a campaña electoral o próximo 4 de decembro.

Preséntanse unha gran cantidade de partidos políticos. A partir dunha lei do ano 1996, en Xapón necesítanse cinco ou máis parlamentarios para formar un partido político. Actualmente existen 15 partidos políticos, sendo moitos máis dos que existían en 1996. Desde entón, sucedéronse separacións e divisións no seo do PDX, propiciando a formación ou fusión de novos partidos políticos. Trala disolución da Cámara Baixa o pasado 16 de novembro, 11 membros separáronse do PDX. Polo tanto, na actualidade o PDX non ten a maioría na Cámara Baixa, aínda que a mesma xa se disolveu.

O que máis chama a atención é o movemento realizado por Shintaro Ishihara, ex gobernador de Tokio, e Toru Hashimoto, actual alcalde e ex gobernador da Prefectura de Osaka. O PRX foi creado por Hashimoto en setembro de 2012. Ishihara dimitiu da gobernación de Tokio en outubro de 2012, e formou o pasado 13 de novembro un novo partido, o “Partido do Sol”, con base doutro partido, o “Tachiagere Nippon” (“Érguete Xapón”). Tralo anuncio do primeiro ministro Noda de disolver a Cámara Baixa, Ishihara acelerou as xestións para agrandar o partido. O pasado 15 de novembro, Ishihara anunciou que o partido “Genzei Nippon” (“Redución de impostos Xapón”) fusionaríase co “Partido do Sol”, aínda que posteriormente aprazouse esta decisión pola oposición de Hashimoto. O pasado 16 de novembro, Ishihara e Hashimoto abriron unha conferencia en Tokio e, ao día seguinte, anunciaron a fusión entre o “Partido do Sol” e o PRX, disolvendo ao anterior. A pesar de que Hashimoto é o fundador do PRX, el mesmo transferiu o liderado do partido a Ishihara.

Aínda que Hashimoto fortalecíase politicamente, agora está asumindo unha actitude máis conciliadora. Mentres anteriormente mantiña unha liña de conduta de maior atención interna, agora está modificando lentamente a súa estratexia para fortalecer e ampliar o seu partido. Por exemplo, Hashimoto dixo que se presentaría como candidato ás próximas eleccións da Cámara Alta en 2013, a pesar de que defendera a abolición da Cámara Alta. Ademais, aínda que a súa estratexia contiña a prohibición de contribucións por parte de empresas privadas ao PRX, retirou esta prohibición ante as eleccións xerais do próximo decembro.

Ao mesmo tempo, Hashimoto revogou a estratexia do PRX sobre a abolición de xeración de electricidade mediante a enerxía nuclear. Todos estes movementos parecen evidenciar que Hashimoto cóidase demasiado de Ishihara, posibilitando cambios na súa estratexia a pesar de que as mesmas tiveran amplo respaldo popular. Estes cambios de estratexia no PRX moi probablemente provocarán a decepción de non poucos electores.

Se o PRX vaise converter nun partido “atrapaotodo” coa finalidade de robustecerse e gañarlle aos partidos políticos existentes, pode dicirse que eventualmente se convertería nun “Segundo PDX”. Esta perspectiva podería reproducir o cambio político acaecido en 2009, que deu paso á división do actual partido despois dun forte entusiasmo que non puido mellorar as políticas de Estado. Que ocorreu logo deste cambio político? O goberno non puido manexar a política tanto interior como exterior, arrefriáronse as alianzas, o pobo empezou a criticar ao goberno, houbo cambios de primeiro ministro cada ano, e finalmente disolveuse o Parlamento. O importante non é buscar a popularidade coas palabras doces, senón falar da política que poida ser viable para mellorar o Estado. É moi probable que o PRX atraia non poucas simpatías, pero debería mostrar a súa política cunha clara diferenza respecto dos partidos existentes a fin de obter o poder político.

Un “terceiro polo” plural

Hai outro “terceiro polo”. Os membros que se separaron do PDX uníronse non só ao PRX senón tamén aos partidos pequenos. Estes partidos minoritarios non se unen ao PRX nin cooperan para as eleccións xerais, porque as súas políticas sobre a enerxía nuclear, os impostos, etcétera. son distintas das do PRX. Pode ser que estes partidos pequenos únanse ao partido “Primeiro a Vida das Persoas”, do actual ministro de Asuntos Interiores, Ichiro Ozawa, a través dunha coalición politicamente débil. Ademais, Ishihara asegura que non vai colaborar con Ozawa “así me morra”. Por iso, existen poucas posibilidades de unión entre o grupo de Ishihara e o grupo de Ozawa, apoiado este por partidos pequenos. Neste sentido existe un “terceiro polo plural”.

Segundo a enquisa de opinión elaborada pola empresa Nikkei, realizada xusto logo da disolución da Cámara Baixa, un 25% asegurou que votaría ao Partido Liberal Democrático (PLD) e un 16% confiou en votar polo PDX. Tendo en conta estas enquisas, é probable que o PLD volva ao poder. Un 11% asegurou que votaría polo PRX e un 4% ao entón constituído “Partido do Sol”. Aínda que non é posible calculalo de forma simple, o novo PRX obtén case a mesma porcentaxe de apoio que o PDX. Por outra banda, o Partido Novo Komeito obtería un 3% dos votos. O Partido de Todos, que non se unirá ao PRX pero que cooperará con el nas eleccións xerais co PRX, obtería o 3%, do mesmo xeito que o resto de partidos.

Segundo esta enquisa, será difícil que o grupo de Ozawa obteña moitos escanos nas próximas eleccións xerais. Cómpre ter en conta que esta enquisa foi realizada antes da fusión entre o PRX e o “Partido do Sol”, así que na próxima enquisa engadiríase o probable nivel de desengano electoral ante o cambio de estratexia de Hashimoto e a expectación manifestada polo avance e ampliación deste “terceiro polo”. De tódolos xeitos, e observando de cerca os movementos políticos ante as eleccións xerais, todo parece indicar que haberá un cambio político en Xapón en decembro próximo.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais