Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Mundiario (Galicia-España) 9 de Decembro de 2015 Mansilla Blanco

Venezuela: madurar para cambiar

Membros da Mesa pola Unidade Democrática (MUD) celebran os resultados dos comicios parlamentarios venezolanos

Resulta indubidable que o contundente triunfo da plataforma opositora Mesa pola Unidade Democrática (MUD) nos comicios lexislativos celebrados o pasado 6 de decembro, alcanzando a maioría calificada de 112 deputados por 55 do gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), reconstitúe drasticamente o mapa político venezolano, outorgando un papel decisivo á próxima Asemblea Nacional que lexislará ata o 2021 neste novo contexto de reconfiguracion do escenario político. Este radical movemento de péndulo, basicamente motorizado polo voto castigo, certifica igualmente o final dun prolongado período hexemónico para un “chavismo” atomizado pola necesidade de reconstitución do seu campo político, así como pola emerxencia de novos actores e de perspectivas políticas na Venezuela “post-Chávez”. Toda vez, este novo contexto vese complementado a nivel rexional cos cambios de péndulo político establecidos no actual ciclo electoral latinoamericano. Aquí destacan a vitoria do conservador Mauricio Macri nas pasadas eleccións presidenciais arxentinas e as presións lexislativas para un impeachment contra a presidenta brasileira Dilma Rousseff,  factores que explican un súbito xiro político reaccionario contra o predominio político e electoras dos partidos de esquerdas acaecido desde 1998, un panorama agora fortalecido pola vitoria opositora nas lexislativas venezolanas e o impacto xeopolítico que a nivel hemisférico traduce a distensión entre EUA e Cuba.

Por tanto, o impacto tectónico dos comicios venezolanos vese igualmente traducido pola histórica participación electoral, próxima ao 75%, aspecto que intensifica con maior forza as repercusións deste triunfo opositor, lexitimado polo cambio de contexto que está acontecendo na política venezolana. Aquí se anuncian diversas variables que explican en qué medida este cambio está alterando o tradicional equilibrio electoral, político e sociolóxico venezolano, paralelamente posibilitado pola preponderancia do voto castigo como motor de cambio político.

Por tomar un exemplo: a MUD triunfou en 19 dos 23 estados venezolanos, incluíndo Barinas, territorio natal do ex presidente Hugo Chávez. No Distrito Capital, a oposición venceu con folgura en bastións electorais emblemáticos do “chavismo”, en particular as barriadas populares do 23 de Enero e Petare. Neste sentido, os resultados electorais certifican que as forzas opositoras xa definitivamente lograron ingresar, disputar e incluso vencer dentro do tradicional terreo político “chavista”, quebrantando así a perspectiva de polarización sociolóxica electoral en particular entre os sectores rurais e urbanos e dos estamentos e clases sociais.

É igualmente salientable o clima postelectoral de conciliación observado polos principais actores políticos venezolanos, un aspecto de gran importancia tomando en conta a forte confrontación verbal e os conatos de violencia política observadas na campaña electoral.

Mentres a dirixencia da MUD, en boca do seu candidato presidencial Henrique Capriles Radonski, argumentaba da necesidade de reconciliación nacional e de administrar “con humildade e sen revanchas” o seu triunfo, o presidente Nicolás Maduro recoñeceu sen ambigüidades o triunfo opositor, incluso nun exercicio de autocrítica que fortaleceu os canais de normalidade democrática, desestimando así as acusacións e especulacións dun clima de violencia e conflitividade postelectoral.

A cohabitación PSUV-MUD

A falta de esclarecer o cómputo final parlamentario (restan por disputar dous escanos), e tomando en conta o período establecido entre o final de lexislatura da actual Asemblea (15 de decembro) e a apertura do novo poder lexislativo (5 de xaneiro de 2016), o escenario político venezolano acometerá un feito inédito nos derradeiros anos, ilustrado na cohabitación para o período 2015-2021 entre unha presidencia “chavista” con Nicolás Maduro ao fronte, e unha Asemblea Nacional con maioría absoluta dunha oposición circunstancialmente reconstituída, apuntando claramente as súas cartas aos próximos comicios presidenciais pautados para 2019.

Este contexto define unha serie de variables inesperadas tanto para unha MUD reconfigurada como o actor chave de agrupación dos sectores “antichavistas”, e un PSUV golpeado seriamente como baluarte do “post-chavismo”, particularmente caracterizado pola contundente derrota política infrinxida a Maduro así como ao presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello, ámbolos dous considerados como os líderes mais visibles do “post-chavismo”.

Por primeira vez desde a chegada do “chavismo” ao poder en 1999, unha oposición circunstancialmente unificada a través dunha amalgama de partidos e movementos onde comezan a destacar novos actores políticos, deberá gobernar un poder lexislativo ata agora hexemonizado por un “chavismo” que xa non é imbatible electoral e politicamente.

Os chamamentos realizados pola MUD tralos comicios parlamentarios enfocados na reconciliación nacional e o diálogo, na recuperación do equilibrio de poderes, a liberdade dos presos políticos, a recuperación económica e incluso o mantemento dos programas sociais do “chavismo”, evidencian en qué medida existe un notorio cambio de perspectivas dentro da política venezolana, particularmente definida polas prioridades de axenda política establecidas polo “chavismo” desde 1999.

Toda vez, estes comicios evidenciaron o peso decisivo dun voto castigo contra Maduro e un PSUV burocratizado e claramente ralentizado no seu impulso como motor revolucionario, en particular ante a súa incapacidade para reverter a peor crise socioeconómica dos derradeiros tempos en Venezuela. Así, un factor igualmente decisivo na derrota do PSUV foi a consolidación deste voto castigo que ironicamente terminou sendo contraproducente para o “chavismo”.

Neste sentido, e contrariamente ao presenciado nas presidenciais de 1998, que deron o triunfo a Chávez a través dun voto castigo contra o decadente sistema “puntofijista”, o contexto electoral 2015 cambiou drasticamente de orientación: un sector do electorado tradicionalmente “chavista” apostou claramente pola oposición, asestando o voto castigo contra a dirixencia “post-chavista” do PSUV.

Deste xeito, os resultados do 6D confirman cómo este cambio outorga á Asemblea Nacional a recuperación do seu espazo político, en particular como actor decisivo garante do equilibrio institucional e da división de poderes. E aquí estriba, precisamente, o reto dunha oposición que deberá demostrar a súa capacidade de xestión e de conciliación, distanciándose de posicións punitivas que redunden na confrontación e na polarización.

Esta axenda lexislativa anuncia en qué medida a MUD afianzará unha serie de estratexias inicialmente amparadas pola súa maioría parlamentaria, pero definidas na perspectiva de iniciar un proceso lexislativo de reforma constitucional e de amnistía para presos políticos, contabilizados por diversas ONGs en torno aos 75 líderes, entre os que destacan os ex alcaldes Leopoldo Lopez e Antonio Ledezma.

A presión pola consecución dunha maioría absoluta por parte da MUD dentro da nova Asemblea (contabilizada en 112 deputados) significará un duro test político no cometido de asegurar unha maioría cualificada que lle permita lexislar en materias estratexicamente decisivas, principalmente os poderes presidenciais especiais establecidos na lei habilitante (Maduro posúe esta prerrogativa ata o próximo 31 de decembro), o nomeamento de directivos do Consello Nacional Electoral (CNE) e do Tribunal Supremo de Xustiza (TSX), a discusión sobre os tratados internacionais (entre os que destacan PETROCARIBE e a ALBA), ou o proceso de destitución de cargos públicos, entre eles o presidente e vicepresidentes, a través da fórmula constitucional do referendo revogatorio.

Velaí que o foco da próxima axenda política venezolana tras estas eleccións parlamentarias estará claramente establecida en eventualmente propiciar un revogatorio do mandato de Maduro, a traducirse entre 2016 e 2017, cumprindo cos prazos outorgados pola Constitución venezolana. Consecutivamente, e tal e como ocorrerá no caso da Macri na Arxentina para o próximo período presidencial 2015-2019, a crise economía será o factor mais urxente de discusión e de resolución para este novo contexto político venezolano, aspecto igualmente ilustrado pola declaración postelectoral de Maduro de recoñecer o triunfo opositor, atribuíndo a súa derrota á denominada “guerra económica”.

Epílogo do “post-chavismo”

Pola súa banda, o “post-chavismo” ingresa nunha inédita etapa de reflexión e de reconstitución de forzas e actores que permitan reconfigurar o seu campo político e electoral. Con variación co respecto ao tipo de elección, a paulatina erosión de votantes que ven rexistrando o “chavismo”, en particular desde as pasadas eleccións lexislativas (2010)(1), implica considerar no contexto actual un problema que non só se circunscribe ás incertezas emanadas da sucesión de Chávez senón que traducen nun problema de representatividade política. Aquí abórdase o feito dun ascenso de sectores disidentes, entre os que destacarían novas formacións como Marea Socialista, e unha base popular organizada en poderes comunitarios aínda sen liderados definidos, pero que eventualmente poden ter a capacidade de disputar o predominio da cúpula burocrática do PSUV en mans de Maduro e Cabello.

Como sucedera coa oposición venezolana tralos triunfos de Chávez no referendo revogatorio de 2004 e nas presidenciais de 2006, o “post-chavismo” ingresa agora nunha inevitable “travesía polo deserto”, determinado pola necesidade imperiosa de reconstitución do seu espazo de representación política ante o impacto provocado polo abafante triunfo electoral da MUD, que lle permitiu disputar precisamente a hexemonía “chavista” no seu tradicional espazo electoral nas clases populares. Este escenario anuncia toda serie de expectativas que gravitarán claramente na consistencia dos liderados de Maduro e Cabello, fortemente contestados polo fracaso electoral e pola aparición dun voto castigo que resultou decisivo para a vitoria opositora.

As bases populares “chavistas” veñen rexistrando unha forte contrariedade contra o liderado das cúpulas do PSUV, denunciando a presunta corrupción existente nunhas elites “acomodadas” a través dun establishment de poder burocrático e económico, aos que acusan de obstaculizar o avance do proceso socialista e a creación do Estado Comunal.

Este proceso de reflexión e de reconstitución do campo político “post-chavista” implicará fortes consecuencias para o actual establishment do PSUV, así como para o futuro político de Maduro e Cabello, toda vez o actual contexto político venezolano implicará unha intensa etapa de negociación propia da cohabitación existente entre un poder executivo “chavista” e un lexislativo opositor, ideolóxica e politicamente contrarios pero política e institucionalmente persuadidos a entenderse.

E aquí debe observarse como factor complementario o papel da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), un dos piares do entramado político e institucional “chavista”. A mensaxe de conciliación e de respecto aos resultados electorais ilustrado na súbita intervención do ministro de Defensa Vladimir Padrino e do Alto Mando militar na noite electoral do 6D, confirma este peso institucional da FANB como garante da normalización democrática, un factor a tomar moi en conta no actual contexto postelectoral así como no futuro político venezolano.

Neste sentido, a súbita aparición da FANB o 6D e no contexto postelectoral logrou reducir e neutralizar a perspectiva de acusación esgrimida contra o estamento militar (principalmente impulsada por sectores opositores dentro e fora de Venezuela) de presuntamente erixirse como un actor de lexitimación do proceso revolucionario bolivariano, aparentemente supeditado aos intereses dun proxecto e partido político, neste caso o PSUV.

Por tanto, as cartas políticas moi probablemente ilustren para a FANB un papel político estratéxico na normalización  democrática e na estabilidade venezolana, en particular ante o inédito período de cohabitación que se abre entre o PSUV na presidencia e a MUD controlando a maioría na Asemblea Nacional.  

O péndulo móvese a nivel hemisférico

Todos estes factores non son, por tanto, alleos as variacións que está presenciándose no péndulo político hemisférico rexistrado neste novo ciclo electoral. O triunfo de Macri na Arxentina, o da MUD en Venezuela, os avances no Congreso brasileiro dun posible impeachment contra a presidente Dilma Rousseff, e a posibilidade dun retorno do “fujimorismo” nos comicios presidenciais peruanos de abril de 2016, anuncian un movemento de péndulo que pode significar un súbito final de ciclo para as forzas de esquerda na rexión.

Un final de ciclo cuxo impacto terá igual repercusión na reconstitución de alianzas e forzas nos organismos de integración (UNASUR, CELAC, MERCOSUR, ALBA) e de prioridades nas relaciones internacionais da rexión, escenario que eventualmente implicaría a reconsideración de alianzas de carácter estratéxico establecidas na derradeira década.

Este cambio de péndulo a favor dunha dereita reconfigurada en novos actores políticos pode eventualmente alterar o equilibrio de alianzas estratéxicas establecidas por gobernos de esquerdas, como Venezuela, Arxentina, Brasil, Ecuador e Bolivia, de cara a actores externos, especialmente China pero sen menoscabar a Rusia e Iran, que discuten claramente a tradicional hexemonía hemisférica dos intereses estadounidenses. Este aspecto pode ser moito mais visible nas repercusións que a vitoria opositora en Venezuela terá cara un eixe ALBA cada vez mais alicaído.

Se a polarización política MUD-PSUV semella anunciar un novo establishment no sistema político en Venezuela, resta observar en que medida esta reconfiguración do mapa político venezolano tralas eleccións lexislativas permite eventualmente inferir sobre unha reconstitución transversal de actores e movementos dentro da propia MUD e dun “post-chavismo”seriamente golpeado na súa hexemonía política e no seu espazo de representación electoral. En todo caso, os recentes comicios parlamentarios presaxian que Venezuela está claramente “madurando” na consideración dun cambio político inevitablemente necesario.



(1) Co pico nas eleccións presidenciais de decembro de 2006 (7.309.000 votos, 62,84%), o “chavismo” ven rexistrando notables desequilibrios no seu número de votantes, factor igualmente ilustrado pola variación dos niveis de participación electoral dependendo do tipo de elección (presidencial, lexislativa, rexional ou referendo) e polo indiscutible liderado carismático do ex presidente Hugo Chávez, en particular á hora de mobilizar aos seus votantes. No referendo de reforma constitucional de decembro de 2007, o PSUV obtivo a súa primeira derrota electoral (4.404.626 votos, 49,34%) Posteriormente, nas eleccións rexionais de 2008, o “chavismo” aumentou a 5.758.494 votantes, un 52,10%, preservando a súa maioría na repetición do referendo de reforma constitucional en febreiro de 2009, alcanzando o 54,86% dos votos. Nas eleccións lexislativas celebradas en setembro de 2010, o PSUV baixou a 5.423.324 votos (48,13%). Posteriormente, nas eleccións presidenciais de outubro de 2012, as derradeiras con Hugo Chávez como candidato, o PSUV, inserido dentro da coalición Gran Polo Patriótico (GPP) aumentou a súa cifra de votantes a 8.191.132 (55,07%) Un par de meses despois, nas eleccións rexionais e municipais de decembro de 2012, a coalición GPP  alcanzou 4.853.494 votantes (56,22%) Nos comicios presidenciais de abril de 2013, xa con Maduro como candidato, o PSUV acadou 7.587.532 votantes (50,61 %) para, nos comicios parlamentarios do 6 de decembro de 2015, rexistrar o seu peor índice electoral: 5.599.025 (40,8%) Polo contrario, a oposición, agrupada en diversas plataformas tales como Unidade Nacional nos comicios presidenciais de 2006 e a actual Mesa pola Unidade Democrática, creada en 2008, ven marcando unha tendencia mais ben ascendente. Dos 4.292.466 votantes (36,90%) rexistrados nas presidenciais de 2006, pasouse aos 7.707.422 votantes das parlamentarias 2015 (56,02%) Desde que Maduro é presidente da República Bolivariana de Venezuela, e tomando en conta os índices electorais acadados nos comicios presidenciais (abril 2013) e as recentes parlamentarias (decembro 2015), o “chavismo” perdeu case dous millóns de votantes.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais