Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 27 de Outubro de 2016 Mansilla Blanco

Venezuela: Habemus mediación?

O Vaticano asume unha incerta mediación en Venezuela. Fonte: La Nacións

Determinada pola imprevisible volatilidade da crise venezolana, a misión vaticana destinada a reactivar o diálogo entre goberno e oposición transita por un complicado labirinto de pulsos, influencias e de presións nas que os focos de radicalización comezan a aparecer en escena. Neutralizada de feito a posibilidade dun revogatorio e temporalmente suspendidos os comicios rexionais previstos para decembro próximo, a tensión política volve ás rúas condicionando as expectativas dunha mediación que incluso polariza á propia plataforma opositora venezolana. Este escenario, así como a incerta mediación vaticana, dificilmente poderá reverter de inmediato o bloqueo institucional e político determinado por un choque de poderes incapaz de procrear un marco de consenso para solucionar a interminable crise política, así como as súas cada vez mais graves secuelas socioeconómicas.

En principio, o recurso da diplomacia vaticana impúñase moralmente como un factor expectante de consenso. Non obstante, as súbitas reservas por parte dalgúns sectores opositores no cometido de renovar a negociación co goberno unha vez se desarticulara a posibilidade do revogatorio e das eleccións rexionais  poden aflorar agora como decisivas á hora de medir a efectividade da mediación vaticana.

Cun bloqueo político e institucional cada vez mais radicalizado, a misión vaticana para Venezuela buscaba reducir a tensión entre goberno e oposición, implicando a un actor internacional como o Vaticano, con capacidade diplomática eficaz para a resolución de conflitos, tal e como se observara no seu papel durante a normalización das relacións entre Cuba e EUA.

Esta perspectiva gravitaba na atención dun presidente Nicolás Maduro cada vez mais acosado pola crise económica, pola súa baixa popularidade e por unha intensa presión interna (chavistas, opositores, estamento militar) e internacional (OEA, MERCOSUR, etc). Por outra banda, os sectores moderados dentro da opositora Mesa pola Unidade Democrática (MUD) observaban con moderado optimismo esta misión vaticana, tal e como reflectiuse durante a súa recente xuntanza co enviado vaticano en Venezuela, monseñor Emir Paul Tscherrig.

Neste marco de implicación vaticana non debe esquecerse a hipotética influencia indirecta de Cuba como avaliador desta misión, particularmente ante a posibilidade de abrir unha canle diplomática a través do Vaticano que permitira reconducir unha misión UNASUR de destino incerto.

Sen trazos definidos de negociación, a radicalización semella ir cobrando forma. Maduro coidouse previamente de neutralizar á oposición a partir de medidas consideradas pola MUD como “represivas e anticonstitucionais”. Este contexto acusa a Maduro de propiciar unha especie de “fujimorazo” que, a ollos dunha oposición  maioritaria na Asemblea Nacional do poder lexislativo, moi probablemente reverterá na recreación en Venezuela dunha preventiva “vía brasileira”, a través da activación dun incerto impeachment vía lexislativa, como o que recentemente acaeceu en Brasilia contra a ex presidenta Dilma Rousseff.

Por tanto, os sucesos políticos que preceden ao anuncio da mediación vaticana e as reaccións posteriores por parte de diversos sectores opositores que desconfían das intencións de Maduro non crean suficientes expectativas de éxito inmediato para esta misión de diálogo. Imponse aquí como factores de fricción á suspensión das eleccións rexionais ata o segundo semestre de 2017 por parte do Consello Nacional Electoral (CNE), así como a constatación de feito da imposibilidade de realizar un referendo revogatorio contra Maduro, aducindo presuntas irregularidades no proceso de recolección de asinamentos por parte da oposición. Esta constatación non provén nin do poder electoral nin do xudicial senón de tribunais rexionais en estados gobernados polo chavismo.

Este contexto reproduce un choque de poderes institucional que fragmenta unha gobernabilidade de por si precaria. Tras estas decisións do CNE, ás que se debe engadir a inédita resolución do Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) de facultar a Maduro para aprobar unilateralmente os orzamentos públicos 2017 sen pasar por discusión dun poder lexislativo controlado pola oposición, a Asemblea Nacional decidiu aprobar o recurso legal de solicitar un xuízo político contra Maduro (25 de outubro) por presunta violación do regulamento constitucional.

Paralelamente, os sectores opositores receosos cun diálogo que observan desequilibrado, convocaron a maiores accións na rúa (Toma de Venezuela) e a unha folga nacional a partir do 28 de outubro, tensando un clima perigosamente deslizado cara a radicalización. Este recurso xa foi anteriormente observado tralo inédito asalto á sede do poder lexislativo por parte simpatizantes chavistas o pasado 23 de outubro, cando ingresaron violentamente na Asemblea Nacional(1) no momento en que se discutía o proceso político contra Maduro.

Toda vez a FANB manifestou publicamente o seu apoio a Maduro incluso invocando consignas chavistas, o contexto hemisférico está igualmente polarizado. Arxentina e Brasil impulsan mecanismos de eventual expulsión venezolana de MERCOSUR toda vez o secretario xeral da OEA, Luís Almagro, preme por activar contra o goberno de Maduro a Carta Democrática. Con todo, a polarización sobre o caso Venezuela está igualmente servida dentro da OEA, tomando en conta o apoio a Maduro por parte do eixe da ALBA (Nicaragua, Bolivia, Ecuador) e a aceptación doutros gobernos (Colombia, Panamá) da misión vaticana.

Outra perspectiva, mais ben estratéxica, está inserida no sentido da misión vaticana. A mesma implica igualmente consolidar á Santa Sede como un actor diplomático eficaz na resolución de conflitos, toda vez ansía recuperar esferas de influencia a nivel hemisférico.

Para Maduro, evitar calquera arriscado escenario electoral motivado pola súa baixa popularidade propiciando ó mesmo tempo unha misión de diálogo auspiciada polo Vaticano, supón igualmente a posibilidade de neutralizar calquera eventual presión exterior, principalmente dende Washington, tomando en conta os próximos comicios presidenciais estadounidenses de novembro e a sucesión de Obama na Casa Branca a partir de 2017.

Con este labirinto entrampado na sordidez de pulsos políticos radicalizados polo intenso bloqueo político e institucional atópase unha misión vaticana determinada a erixirse como a proverbial alternativa de resolución do conflito político venezolano. Todo isto sen menoscabar os trazos dun drama humanitario en ascenso, a expensas da grave escaseza alimentaria e da precariedade sanitaria. Con perspectivas así, a crise venezolana encoméndase a un milagre “papal” cuxa efectividade estará mais ben suxeita a súa capacidade para xerar consensos entre actores aparentemente irreconciliables e da súa habilidade para sortear os cada vez mais perigosos imprevistos.

 

 



(1) Na historia contemporánea venezolana aconteceu un suceso similar de invasión violenta do poder lexislativo. Este foi o 24 de xaneiro de 1848, marcando un punto rupturista de inflexión na política venezolana, nese entonces concentrada na polarización entre conservadores e liberais, e que posteriormente abriu o camiño da confrontación na Guerra Federal (1859-1863). Este suceso coñecese como o “Asalto ao Congreso Nacional” e incluso como o “Fusilamento ao Congreso”, aínda que non existira acción de armas ao respecto. Dende entón, e a pesares dos períodos de golpes militares existentes na historia contemporánea venezolana principalmente no século XX, o respecto á inviolabilidade da sede do poder lexislativo ten sido unha tendencia frecuente na política venezolana, alterada o pasado 24 de outubro co ingreso violento por parte de simpatizantes chavistas.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais