Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Revista ZETA (Venezuela) 12 de Decembro de 2018 Mansilla Blanco

Venezuela, “convidado de pedra” das polarizadas alianzas xeopolíticas mundiais para 2019

Maduro e Putin durante a súa recente xuntanza en Moscova. Fonte: Axencia Xinhua

Mentres dous avións rusos TU-160 con capacidade nuclear aterraban en Caracas un día despois das eleccións municipais para “defender” ao réxime de Nicolás Maduro ante unha posible “intervención estranxeira”, o primeiro ministro italiano Matteo Salvini iniciaba unha visita a Israel baixo a perspectiva de abrir un eixo entre o Estado israelí e os novos gobernos populistas europeos, cuxas implicacións se dirixen precisamente contra o islamismo e, particularmente, Irán. Baixo este complexo crebacabezas xeopolítico global, Venezuela insírese como un actor periférico pero non menos chave da cada vez máis nítida definición de alianzas polarizadas entre EUA, Rusia, China, Irán, Turquía e Israel.

A profusión de acontecementos internacionais parece anunciar un final de ano candente, en definición do que pode acontecer para este 2019. No caso europeo, dous acontecementos convulsos marcan actualmente a pauta.

O pasado 12 de decembro, a primeira ministra británica Theresa May confrontouse cunha moción de confianza co á dura do seu partido Conservador polo asunto do Brexit, que finalmente puido superar co risco de que esta moción provocara a caída do seu goberno.

Paralelamente, en París, o presidente Emmanuel Macron enfróntase a unha inesperada rebelión cidadá “de chalecos amarelos”, que define a fartura dunha clase media empobrecida pola crise económica. A esta crise social francesa engadíuselle subitamente o atentando terrorista deste 11 de decembro en Estrasburgo, sede do Parlamento europeo, con saldo de tres mortos e unha decena de feridos.

Estes acontecementos revelan o momento de debilidade estrutural existente no seo da UE. Por tanto, este contexto semella ser aproveitado por outros líderes que buscan reeditar unha especie de “internacional populista de dereitas”. Un deles é o primeiro ministro italiano Matteo Salvini, coñecido polas súas posicións antiinmigración e euroescépticas e polo apoio que recibiu de partidos “neofascistas” e de extrema dereita en Italia.

Alianzas en Terra Santa

Salvini aterrou esta semana en Xerusalén nunha visita que, de xeito evidente, supón un punto a favor para o seu homólogo primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu nun momento particularmente complexo para o seu goberno.

Nas últimas semanas, Netanyahu viu perigar a solidez do seu gabinete tras a renuncia do extremista Avigdor Lieberman como ministro de Defensa. Lieberman acusou a Netanyahu de suposta “debilidade” no pulso contra os palestinos, principalmente do partido islamita Hamas no territorio de Gaza, así como contra a milicia libanesa pro-iraniano Hizbulá e o réxime sirio de Bashar al Asad. Curiosamente, todos eles aliados internacionais do presidente venezolano Nicolás Maduro.

A visita de Salvini a Xerusalén é significativa, tomando en conta que o Estado de Israel está a traballar en asentar a esta cidade como a súa capital histórica. O cambio da embaixada de EUA de Tel Aviv (a capital oficial desde 1948) a Xerusalén en maio pasado provocou cambios diplomáticos noutros aliados, como pode ser agora Salvini como previsible “voceiro” dos novos eixos populistas de dereitas que están a xurdir en Europa.

Outro aliado para Netanyahu moi probablemente será tamén o novo presidente brasileiro Jair Bolsonaro, que asumirá a presidencia o próximo 1º de xaneiro de 2019, toma de posesión á que Netanyahu xa anunciou que asistirá. Bolsonaro xa anunciou a súa intención de seguir o exemplo de Donald Trump de cambiar a embaixada brasileira de Tel Aviv a Xerusalén, toda vez mostrou publicamente a súa sintonía con Netanyahu.

Salvini visitou estes días a fronteira israelí co Líbano, onde o Exército israelí libra unha guerra de baixa intensidade co Hizbulá libanés. Nese sentido, viñéronse destruíndo túneles escavados polo Hizbulá, toda vez Salvini non dubidou en catalogar á milicia libanesa de “grupo terrorista islámico” que ameaza a Israel, á que cualificou como “baluarte da democracia en Oriente Próximo. En Xerusalén, Salvini tamén criticou o que considerou como unha “desequilibrada” posición da Unión Europea con respecto a Israel. Bruxelas ven denunciando as violacións de dereitos humanos cometidas polo Estado israelí contra a poboación palestina.

Durante esta visita, Salvini evitou reunirse con representantes da Autoridade Nacional Palestina, facendo así causa común coa política oficial israelí. O contexto loce, por tanto, proclive a unha expectante sintonía entre Netanyahu e outros líderes populistas europeos, con Salvini como posible mestre de cerimonias.

Con anterioridade, Netanyahu visitou ao primeiro ministro húngaro, o nacionalista populista Viktor Orban , ao chanceler (xefe de goberno) austríaco Sebastián Kurz, que lidera un goberno no que está incluída a extrema dereita austríaca, e ao ultraconservador presidente checo Milos Zeman. Nesta axenda internacional de Netanyahu por buscarse apoios exteriores, tamén se debe incluír ao igualmente polémico presidente filipino Rodrigo Duterte, quen visitou Israel en setembro pasado. E, en perspectiva, están, obviamente, os achegamentos que Netanyahu espera dun Bolsonaro que dirixirá Brasil dentro de poucos días, e do que tamén se lle coñecen as súas simpatías por Trump.

Un eixo “contra natura”?

Esta perspectiva de eventual procreación (ou de achegamento) dun inédito eixo de Israel con líderes populistas europeos tamén tivo os seus inconvenientes, tal e como puido observar o propio Salvini na súa visita a Israel. Nesta visita, Salvini non foi recibido polo presidente do Estado israelí, o conservador Reuven Rivlin, oficialmente por problemas de axenda.

Con todo, as razóns desta suspensión da xuntanza entre Salvini e Rivlin poden quizais deberse aos receos que, desde altas autoridades israelís, observan con respecto a posibles alianzas con populistas de dereitas, algúns deles de talante “neofascista”, a teor do histórico antisemitismo existente neses movementos. Antes da visita de Salvini, Rivlin realizou unha entrevista á CNN na que advertiu sobre o “retorno do fascismo” en Europa, e que aínda que considerou que “algúns destes movementos admiran moito ao Estado de Israel”, tamén considerou que “o neofascismo está en contra dos valores do Estado de Israel”.

Tomando en conta a sintonía aparentemente existente entre Netanyahu con líderes dereitistas europeos apoiados por partidos “neofascistas”, como son os casos dos mencionados Salvini, Orban ou Zeman, todo parece indicar que esta perspectiva de alianza en cernes ten outros obxectivos, enfocados no seu rexeitamento á inmigración de orixe musulmá en Europa, particularmente ante os refuxiados da guerra siria, así como ante os temores sobre o ascenso de Irán como potencia rexional e nuclear en Oriente Próximo, un tema crucial para a seguridade israelí.

Precisamente, a Unión Europea non rompeu o pacto nuclear subscrito en 2016 polo G5+1 con Teherán, e que Trump fixo cachizas este ano. Isto evidenciou outra crise transatlántica entre Washington e a UE que parece agora evidenciarse aínda máis con esta visita de Salvini e o seu achegamento a Israel.

Doutra banda, as relacións transatlánticas nestes tempos de “revival” dos populismos extremistas e o “ neofascismo” parecen ir cobrando forma ante un 2019 electoral en Europa, cos comicios para o Parlamento europeo previstos para finais de maio. O ex asesor da administración Trump e ideólogo do seu movemento político, Stephen Bannon, está a construír pontes moi fortes en Europa para formalizar alianzas coa extrema dereita europea.

Neste sentido, a aliada principal de Bannon en Europa é Marine Le Pen e a Fronte Nacional francés. Pero Bannon e Le Pen xa ven con xúbilo o ascenso doutro posible aliado, como é o caso de VOX en España. Ambos felicitaron a este movemento tras o seu fulgurante resultado nas eleccións autonómicas andaluzas.

Bannon e Le Pen están a traballar en formalizar unha plataforma da ultradereita para as eleccións ao Parlamento europeo 2019. O extremista holandés Geert Wilders, Salvini, Orban, Zeman, o partido Alternativa por Alemaña (AfD) e o partido dereitista e católico Lei e Xustiza en Polonia son os aliados “naturais” máis proclives, aos que se uniría eventualmente VOX. O proxecto é crear unha plataforma conxunta, a Alianza Europea das Nacións, de cara aos comicios parlamentarios europeos de maio de 2019.

Bannon, Le Pen, Salvini, Orban e Zeman tamén tiveron contactos ou amosado simpatía con outro líder internacional: o presidente ruso Vladimir Putin. Tamén co seu homólogo turco, Recep Tayyip Erdogan. Putin e Erdogan están a construír un eixo euroasiático con Irán e presumiblemente China, coa intención de conter a hexemonía atlantista vía Washington e OTAN, ante unha Europa sumida na crise. Un eixo que ten outro actor en mente: Venezuela.

Maduro entrégase ao eixo euroasiático

Nesta intensa recomposición de alianzas globais en curso, algunhas delas aínda en cernes e non menos confusas, que en 2019 pode ter unha definición máis nítida, Venezuela parece estar igualmente selada no taboleiro xeopolítico mundial.

A inesperada chegada a Caracas de dous avións rusos TU-160 con capacidade nuclear sementou as alarmas en Washington e Bruxelas precisamente un día despois das controvertidas eleccións municipais en Venezuela.

A pesar da abstención de máis do 70%, Maduro e o Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) seguen conservando a hexemonía política e marcando a axenda. Non obstante, o contexto político venezolano segue a ser inquieto. Enmarcado dentro do vixésimo aniversario da histórica vitoria electoral do “chavismo”, a pírrica participación electoral (27,4%) alcanzada nos comicios municipais celebrados en Venezuela o pasado 9 de decembro, denotan síntomas de preocupante fastío, desconfianza e letargo cidadá ante a súa representación política e autoridades electorais, un descontento igualmente traducido ante a incesante crise socioeconómica que vive o país.

Nin a contundente vitoria do PSUV nin a supervivencia do actual presidente Nicolás Maduro, son factores de celebración para un “post-chavismo” que, no seu 20º aniversario no poder, observa impertérrito como o país corroese dentro da súa peor crise histórica contemporánea.

Unha crise sen aparentes alternativas de solución, tomando en conta os escasos canais de diálogo, a pretensión hexemónica dun “chavismo” cada vez mais “post-chavista” e “madurista” e a desunión dunha oposición neutralizada, lastrada por intrigantes intereses persoais e incapaz de reverter ao seu favor o maioritario rexeite internacional contra Maduro. Polarizados entre a participación e a abstención de cara a estes comicios, a fragmentada oposición venezolana semella mais ben concentrada en propiciar o descoñecemento internacional, tanto de feito como de iure, de cara á presidencia de Maduro a partir do próximo 10 de decembro de 2019, cando comece o seu segundo mandato ata o 2025.

Paralelamente, Maduro aférrase á estrutura de poder instaurada internamente, na que os comicios municipais pretendían servir como “correa de transmisión” de cara á construción dunha nova estrutura “madurista” e “post-chavista”.

No trasfondo están dúas décadas de “chavismo” no poder, no que a súa pretensión por propiciar un cambio histórico en Venezuela foise progresivamente diluíndo na configuración da peor crise socioeconómica (e unha das maiores a nivel mundial) que vive o país caribeño e suramericano na súa historia contemporánea. Da ilusión de 1998 pasouse dramaticamente á traxedia de 2018. No medio, unha bonanza petroleira que, entre 2004 e 2010, permitiu ao fisco venezolano obter un impresionante ingreso de US$ 300.000 millóns, hoxe diluídos nunha maraña de corrupción, ineficacia e de fuga de capitais que toca directamente á estrutura de poder “chavista”, “post-chavista” e agora claramente “madurista”.

Por tanto, as alianzas exteriores son estratéxicas para Maduro e a súa pretensión monopolizadora do poder. No caso do voo militar ruso a Caracas, o mesmo xa foi acordado a semana pasada entre os ministros de Defensa ruso e venezolano, Sergei Shoigu e Vladimir Padriño, durante a visita deste a Moscova.

Maduro ten en Putin e Erdogan a dous aliados chave que observan con atención como Venezuela convértese nunha “terra de oportunidades” para propiciar negocios conxuntos, un socio económico relevante pero en bancarrota. Á visita a Caracas de Erdogan realizada a semana pasada seguiulle inmediatamente a fugaz viaxe de Maduro a Moscova, determinado pola emerxencia financeira venezolana.

Esta movida evidencia unha realidade inescrutable: Maduro entrégase, case á desesperada, de cara ao eixo euroasiático liderado por Rusia, coa finalidade de conservar o poder custe o que custe. E alí Putin ten as chaves estratéxicas, movendo os fíos xeopolíticos, que lle serven para xogar as súas cartas no “patio traseiro” estadounidense da mesma maneira que o eixo atlantista fai o seu en Ucraína e noutros escenarios da periferia rusa euroasiática.

Neste eixo tamén entra Irán, aliado xeopolítico de Putin e de Erdogan a través do acordo de Sochi (novembro de 2017) que determina o futuro do conflito sirio. Toda vez os TU-160 rusos con capacidade nuclear aterraron en Caracas para “defender a Maduro de calquera posible agresión estranxeira” (tacitamente sinalada cara EUA), o contraalmirante da Armada iraniana, Touraj Hassani Moqaddam, anunciou a principios deste mes a existencia de plans entre Caracas e Teherán para formalizar misións militares conxuntas para o primeiro semestre de 2019.

Esta misión, de acordo coas autoridades iranianas, podería incluír o envío do novo destrutor Sahand, situado actualmente no Golfo Pérsico. Este buque, construído en Irán, conta con “capacidades ocultas”, segundo o xefe dos estaleiros da Armada iraniana, contraalmirante Alireza Sheikhi. Especúlase que este destrutor ten capacidade para evitar a detección de radares e de mobilizarse durante cinco meses sen encher combustible. Tamén está dotado dunha plataforma para a aterraxe de helicópteros e ten capacidade para o lanzamento de mísiles.

Este anuncio dende Teherán reforza a alianza estratéxica entre Venezuela e Irán subscrita desde 2006, cando o entón presidente Mahmud Ahmadíneyad visitou Caracas, entón baixo a presidencia de Hugo Chávez. Esta alianza estratéxica ha logrado triangularse tamén con Rusia, China e Turquía, o cal determina a opción de Maduro de inserirse claramente neste eixo euroasiático coa intención de resgardarse ante o eixo atlantista de Washington e Bruxelas, tendente a buscar unha transición post-Maduro en Caracas.

Horizonte 2019

Co transfondo das sancións occidentais contra Rusia, Venezuela e Irán, a guerra comercial con China e a ruptura de Trump do pacto nuclear con Teherán, a asunción de Bolsonaro como próximo presidente de Brasil intensifica as presións exteriores contra Maduro. Presións que tamén virán desde Netanyahu, convidado de luxo á toma de posesión de Bolsonaro.

O apoio de Maduro a inimigos israelís como Irán e o Hizbulá moi probablemente persuadirá a Netanyahu a formalizar con Bolsonaro novos escenarios de presión contra o eixo euroasiático que sostén a Maduro. Hai uns días, Eduardo Bolsonaro, un dos fillos e asesor do próximo presidente brasileiro, declarou sen andrómenas que “a próxima operación de paz de Brasil no exterior será en Venezuela. Imos liberar aos nosos irmáns da fame e do socialismo. A mellor solución á crise migratoria que vivimos é a saída de Maduro do poder”.

De feito, Eduardo Bolsonaro anunciou a pretensión do próximo goberno do seu pai de alentar a celebración dunha especie de Cumio Conservador das Américas, coa pretensión de “xulgar ás ditaduras de Cuba, Venezuela e Nicaragua”. Toda vez, o Brasil de Bolsonaro ansía converterse nesta especie de faro “dereitista” e “neoconservador” a nivel continental, amparándose no recente xiro electoral, con claras expectativas de propiciar un cambio de réxime en Caracas. O propio Maduro acusou a Bolsonaro de presuntamente tramar un plan rexional para “derroca-lo” do poder e “asasina-lo”. 

Cos mornos e incertos ecos dunha intervención internacional en Venezuela, a recente petición peruana ao Grupo de Lima de propiciar unha ruptura de relacións diplomáticas con Maduro, a presión contra Maduro por parte de Bolsonaro e dos seus aliados (particularmente o colombiano Iván Duque e o arxentino Mauricio Macri), e a visita de Netanyahu a Brasil, semellan intensificar ese cerco exterior contra o presidente venezolano, coa finalidade de procrear un frontal descoñecemento ao seu goberno para o próximo 10 de xaneiro de 2019, cando Maduro asuma o seu novo período presidencial.

Unha presidencia, a de Maduro, que todo anuncia será recoñecida, a partir do próximo 10 de xaneiro, unicamente por un puñado de aliados que Washington e Bruxelas trazan como unha especie de novo “eixo do mal”. Estes países que recoñecerán á lexitimidade presidencial de Maduro serán, principalmente, Rusia, Irán, Turquía, China, Siria, Bielorrusia, Corea do Norte, Nicaragua, Cuba e Bolivia. Está igualmente por ver como será a posición que, co respecto a Venezuela, trace o novo presidente mexicano Andrés Manuel López Obrador.

Toda vez, a UE aposta por un diálogo incerto, mentres a oposición venezolana, desarticulada e dividida por intereses propios, non semella decatarse do que está a suceder. Venezuela é así actor periférico non menos estratéxico da recomposición de alianzas xeopolíticas previstas para un 2019 intenso e candente.

 

           

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais