Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
IGADI 19 de Maio de 2017 Mansilla Blanco

Venezuela 2017

Fonte: Axencia Xinhua (China)

En 2017 cumpre a súa maioría de idade a primeira xeración de venezolanos que viviron co “chavismo” no poder. Unha boa parte desa xeración está actualmente nas rúas protestando e confrontándose coas forzas de seguridade e co goberno de Nicolás Maduro. Dúas demandas sobresaen e explican o porqué da súa rebelión: o fame e o deterioro dos dereitos humanos. Dúas chaves que inevitablemente deben observarse en perspectiva histórica, e que cuestionan severamente a consistencia dos propagados logros do “chavismo” desde a súa chegada ao poder en 1999.

Por composición de idade, en Venezuela, dunha poboación de mais de 31 millóns de habitantes (2016), un 47% ocupa a franxa comprendida ata os 24 anos(1). Estas estatísticas evidencian o enorme peso da mocidade dentro da estrutura social venezolana. Índices que igualmente deben observarse como representativos dentro das actuais protestas.

Neste sentido, o compoñente xuvenil destaca nestas protestas e nos enfrontamentos coas forzas de seguridade. Moitos deles son menores de idade, rapaces entre 12 e 14 anos, cuxo “bautismo político” semella estarse desenvolvendo actualmente nas rúas venezolanas, a través dunha variada modalidade de protestas e manifestacións de todo tipo. A maior parte deses mozos proveñen dos sectores populares, durante anos considerados o bastión electoral do “chavismo”.

Tal e como relatan aos medios, un común denominador mobiliza as súas protestas: “temos fame(2). Segundo o Observatorio Venezolano de Conflitividade Social (OVCS), desde o pasado 1º de abril rexistráronse en Venezuela un total de 1.208 protestas con 55 mortos(3). Para a OVCS, son precisamente os mozos as principais vítimas da violencia e da represión.

Como presuntos culpables sinálanse a efectivos da Forza Armada Nacional  Bolivariana (FANB), da Policía Nacional Bolivariana (PNB), así como dos colectivos de civís armados “amparados  polo Plan Zamora”, o dispositivo de seguridade nacional instaurado polo presidente Maduro desde o pasado 4 de maio. Pero non semellan ser estes os únicos: nos sectores opositores tamén teñen medrado elementos radicais que intensifican estes escenarios de violencia. Paralelamente, Human Rights Watch(4) e Amnistía Internacional(5) denuncian unha grave crise humanitaria en Venezuela e de violación de dereitos humanos básicos, acusando unha “inadecuada resposta represiva” por parte do goberno de Maduro.

Qué contexto explica, por tanto, a peor crise contemporánea que vive Venezuela? A crise política e institucional, así como a confrontación dialéctica entre goberno e oposición, non contribúe unicamente á explicación do problema. Tampouco a crise económica, así como a actuación da comunidade internacional (OEA, CELAC, UNASUR, EUA, Unión Europea), cuxa ecuación ven desequilibrando os apoios exteriores que anteriormente amparaban ao “chavismo”. A cambio, o entorno internacional semella persuadido a adoptar unha posición cada vez mais convencida da necesidade de procrear unha urxente transición política “post-chavista” en Caracas.

A diferenza, existe un cúmulo de variables que explican o que está a suceder en Venezuela. Nesa perspectiva visualízase a emerxencia xeracional como catalizador da necesidade de cambios dentro da estrutura social e política, a través da renovación dun pacto republicano e cidadá que repercuta na configuración dun novo modelo de desenvolvemento para o país.

Venezuela vive un preocupante cadro de fractura social e institucional pulsado por diversos factores. Resulta evidente o crecente autoritarismo gobernamental, ancorado na busca de polémicas vías de dubidosa natureza legal (decretos do TSX, proposta dunha Constituínte comunal), toda vez criminaliza as protestas, militariza a xustiza e tenta neutralizar a toda costa a necesaria división de poderes. Esta posición contribúe a radicalizar as protestas nas rúas, tal e como advertiu recentemente a propia Fiscal Xeral da República, Luisa Ortega, figura principal que encarna a fractura política que se albisca no seo do “chavismo”.

Por tanto, a violencia de 2017 explícase tamén pola estrutural polarización social e política que vive o país, toda vez a gravidade da crise económica (especialmente en materia alimentaria e sanitaria) empobrece a marchas forzadas á sociedade venezolana, cuestionando os outrora logros sociais do “chavismo”(6). Isto repercute na perentoria perpetuación das brechas de desigualdade socioeconómica, así como na impunidade xudicial ante os feitos de violencia e de represión.

Este contexto fragmenta as bases da cultura cívica e política cidadá, a cal cuestiona cada vez con maior severidade a súa oferta de representatividade política e, incluso, a capacidade da convocatoria electoral como móbil de resolución dos conflitos.  Neste cadro de preocupantes contrastes está emerxendo unha nova xeración de venezolanos que só coñeceu ao “chavismo” no poder, así como unicamente experimentou a polarización como o principal móbil de actuación política.

Estes factores dificultan notoriamente a capacidade de resolución de conflitos a través da negociación e do diálogo. A persistencia dun discurso público radicalizado que comeza a procrear accións de persecución, intolerancia e vinganza(7) desarticula progresivamente esa capacidade de diálogo nunha sociedade frustrada polos constantes fracasos á hora de alcanzar solucións negociadas(8).

Con todo, presérvanse actitudes que albiscan síntomas para a esperanza: a cultura democrática segue preservándose no seo da sociedade venezolana. Segundo datos de Latinobarómetro (setembro de 2016), un 77% dos venezolanos manifesta o seu apoio á democracia como sistema político(9).

Para finalizar, un dato que non deixa de seren relevante. Entre os principais vendedores do armamentos a Venezuela, que son principalmente utilizados para os labores de represión das protestas, están ademais de socios estratéxicos Rusia e China, países como Austria e España(10), este último moi activo nas denuncias internacionais contra o goberno de Maduro. España tamén acolle a unha numerosa diáspora venezolana que, nos últimos días, ven presentando intensas accións de rúa denunciando a represión en Venezuela.

En todo este contexto, está emerxendo en Venezuela unha nova xeración que anuncia a practicamente inevitable asunción dunha etapa “post-chavista”. Pero como todo proceso de cambios, as súas consecuencias seguen a ser imprevistas. Eses mozos que no 2017 alcanzan a súa maioría de idade son os que ansían trazar nas rúas venezolanas as eventuais bases dun novo pacto nacional.

 

 

 



(6) Logros sociais anteriormente recoñecidos por organismos internacionais como UNICEF (2010). https://www.unicef.org/venezuela/spanish/overview_4200.htm

(7) Á adopción en abril pasado por parte do goberno de Maduro do “Manual do Combatente Revolucionario”  instando aos militantes chavistas a identificar e perseguir aos líderes opositores, acusándoos de “terroristas”, deu como resposta que milleiros de venezolanos na diáspora realizaran accións de “escrache” contra representantes diplomáticos venezolanos e as elites “chavistas” instaladas en EUA, Europa e incluso Australia.

(8) Os fracasos das misións da UNASUR e do Vaticano desde mediados de 2016 contribúen a xerar un clima de maior frustración e polarización na sociedade, cada vez mais convencida de que as “accións de rúa” poden ser mais efectivas á hora de buscar unha transición política.

(10) Segundo a ONG  venezolana “Control Cidadá”. Para maior información: https://observatoriodeviolencia.org.ve/la-revolucion-endogena-usa-un-arsenal-importado-para-la-represion/

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais