Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Galicia Dixital 25 de Setembro de 2012 Ríos

Unha acción exterior integral e integrada

A acción exterior é un activo esencial para calquera sociedade que pretenda estar no mundo e tirar proveito tanto das novas oportunidades como situarse na corrente das principais tendencias internacionais. Só así se pode arbitrar un palco de encontro entre pobos e culturas pero tamén reducir o peso da periferia e da distancia dos principais centros de poder.

Precisamos mudar de agulla e deixar de considerar a acción exterior como unha excentricidade que responde máis a imperativos de tipo ideolóxico que a necesidades prácticas.

Mesmo no político, a acción exterior ofrece un gran potencial de concertación entre as forzas partidarias e sociais, podendo plasmarse nunha correlación directa entre propostas e beneficios. A acción exterior non abre fosos senón que debera ser útil para establecer acordos que animen a transformar a desestruturada relación de Galicia co mundo para convertela nunha relación mais dinámica e produtiva.

Ese cambio de percepción poderanos significar o real valor da acción exterior, unha dimensión política que vai gañar en importancia estratéxica e económica ao longo do presente século.
Precisamos unha conciencia internacional que nos posicione nesa liña e para iso cómprenos eludir, tamén aquí, a tentación dos minifundismos. 

A nosa acción exterior debe ser transversal, eludindo as políticas sectoriais tradicionais. Constitúe un todo, de xeito que as diferentes dimensións deben estar necesariamente interligadas e subordinadas a principios e obxectivos comúns de gobernanza. A integración e a harmonización son esixencias básicas para acadar un modelo específico que obvie a lóxica do tratamento sectorial (empresa, lingua, diáspora…), acompañando esa transformación dos modelos tradicionais de gobernanza. Se esta práctica ofrece resultados pésimos habitualmente, é especialmente negativa no eido da acción exterior, onde se precisa ter en conta os impactos acumulativos de todos os usos posibles, evitando tanto políticas miopes como contraditorias, fenómenos inevitables como resultado da sectorialización.

A mellor acción exterior é unha política integrada e integral.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais