Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
IGADI 23 de Abril de 2018 Mansilla Blanco

UNASUR como síntoma

Creada en 2008, a UNASUR afronta actualmente unha crise interna con visos de desintegración.

O próximo 23 de maio, a Unión de Nacións Sudamericanas (UNASUR) cumprirá unha década de traxectoria. Creada en 2008, este organismo impulsado polos ex presidentes Hugo Chávez, Néstor Kirchner e Lula da Silva pretendía crear unha nova arquitectura de integración rexional, complementada con outros organismos (ALBA e CELAC) e comprometida co xiro progresista entón vixente na rexión. Pero o contexto actual é radicalmente diferente. Dez anos despois, países fundadores da UNASUR como Arxentina, Brasil, Chile, Paraguai, Colombia e Perú acaban de anunciar o pasado 20 de abril que abandonan este organismo, cuxa presidencia pro tempore ocupa actualmente Bolivia.

Esta fractura no seo da UNASUR é sintomática do actual ciclo político que domina a rexión. A UNASUR naufraga na mesma dirección que a ALBA e a CELAC obsérvanse como entidades case intranscendentes dentro do actual panorama hemisférico, que denota un xiro cada vez mais de carácter reaccionario. Tampouco obsérvanse novos liderados que lle dean algún impulso a este organismo. Chávez e Kirchner xa non están e Lula está en prisión, politicamente inhabilitado. E os seus sucesores Nicolás Maduro, Mauricio Macri e Michel Temer non teñen nin a mesma capacidade nin tampouco o mesmo interese en reconducir este organismo.

Os ventos políticos actuais van en dirección contraria ao ideario orixinalmente establecido pola UNASUR. Dos gobernos esquerdistas e progresistas que entón procrearon este organismo só seguen no poder en Venezuela, Bolivia e Nicaragua, membros chave do cada vez mais deslucido eixe da ALBA. Incluso a transición post-castrista en Cuba recentemente institucionalizada coa dirección de Miguel Díaz-Canel anuncia unha previsible ralentización destas expectativas de integración establecidas unha década atrás, hoxe contrariadas pola presión establecida ante o súbito xiro reaccionario impulsado dende países líderes da rexión, como son os casos de Brasil, Arxentina e Chile.

Un caso particular desta desarticulación da UNASUR ten que ver coa política de Washington na rexión. A moderada apertura hemisférica dun Barack Obama que chegou á presidencia o mesmo ano da creación da UNASUR está sendo progresivamente desarticulada ante a radical posición reaccionaria do seu sucesor Donald Trump.  Paralelamente, o fin do “kirchnerismo” na Arxentina, do “correísmo” en Ecuador e do “lulismo” en Brasil deu pe a novos liderados (Macri, Lenín Moreno, Temer) que sepultan radicalmente ese legado progresista da década anterior.

O contexto actual prevé mais ben a progresiva desarticulación da UNASUR como entidade de integración con capacidade operativa, como sucedera con anterioridade con outras experiencias similares como o MERCOSUR ou a Comunidade Andina de Nacións. A tácita entente establecida por Macri con presidentes afíns (Temer, Sebastián Piñera en Chile) contando co beneplácito de Trump busca transformar a arquitectura de integración rexional e o mapa político a través do actual ciclo electoral.

Paralelamente, a UNASUR vese contrariada pola aparición de novos organismos con posicións próximas ao libre comercio (caso da Alianza do Pacífico conformada por Chile, Perú, México e Colombia), mais interesadas en procrear marcos de integración con outras áreas xeopolíticas (particularmente China e Asia Pacífico), sen desestimar os lazos hemisféricos con Washington.

A desarticulación dese eixe UNASUR, ALBA e CELAC vese igualmente manifestado polos acontecementos políticos e electorais que definen a actualidade latinoamericana. A reelección presidencial do conservador Partido Colorado en Paraguai nos comicios do pasado 22 de abril, coa vitoria de Mario Abdo Benítez, así como as violentas protestas que se levan a cabo nos últimos días en Nicaragua (con decenas de mortos) anuncian este final de era. Síntomas igualmente perceptibles dentro da interminable crise venezolana e a previsible polarización política postelectoral en Colombia de cara aos comicios presidenciais de maio.

Un cambio de era que anuncia unha UNASUR diminuída de cara ao seu décimo aniversario, con visos de despedida anticipada. Todo un réquiem para a enésima tentativa dunha integración rexional que non termina de materializarse.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais