Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
Revista ZETA (Venezuela) 13 de Xuño de 2018 Mansilla Blanco

Un G7 atascado por Trump e a alianza ruso-chinesa

De esquerda a dereita, os presidentes Modi, Putin, Xi Jinping y Nazarbáyev chegan ao Foro da OCX. Fonte: Axencia Xinhua

Dous cumios paralelos, o do G7 celebrado en Canadá e plasmado polas tensións internas vía Trump, e o da Organización de Cooperación de Xangai realizado case simultaneamente en Qingdao (China), con pleno consenso entre China e Rusia, anuncian cambios estruturais no sistema internacional previos á histórica xuntanza entre Trump e o líder norcoreano Kim Jong un celebrada o pasado 12 de xuño en Singapur.

Deste xeito, o pasado fin de semana vivíronse dous cumios paralelos previos a outro cumio, mediaticamente máis esperado, entre o presidente estadounidense Donald Trump e o líder norcoreano Kim Jong-un, finalmente celebrado o pasado 12 de xuño en Singapur. O resultado de ambos cumios do pasado fin de semana anuncia un feito inevitable: o paulatino traspaso da hexemonía global desde a contorna atlántica cara á esfera euroasiática.

O primeiro deles foi a xuntanza do G7, organismo que agrupa ás principais potencias económicas mundiais sen Rusia, expulsada trala anexión de Crimea en 2014, e que se realizou na localidade canadense da Malbaie. Un cumio tenso que serviu de antesala a outro foro, o da Organización de Cooperación de Xangai (OCX), celebrado na localidade chinesa de Qingdao, onde reinou un clima de consenso e de auténtica Entente Cordiale entre o anfitrión China e o seu poderoso veciño Rusia, o actor de discordia no G7.

Trumpxit no G7?

As imaxes dos principais líderes mundiais que participaron en ambos cumios son sintomáticas á hora de analizar as expresións de cambios estruturais que se anuncian para o futuro sistema global. 

No cumio do G7 na Malbaie, o protagonista indubidable foi Donald Trump, inusualmente relaxado ante os seus homólogos de Canadá, Alemaña, Francia, Gran Bretaña, Xapón e Italia, pero provisto de todo o seu arsenal de expresións “politicamente incorrectas” baixo un clima de extremada tensión ante os seus socios transatlánticos.

Consciente de que non viña outorgar concesións, Trump chegou tarde a un cumio do que foi un dos primeiros en marcharse. Con iso buscaba a súa singularidade para marcar as pautas dun encontro que, de xeito evidente, manifesta a división estrutural existente dentro do foro.

Estratexicamente pendente do encontro con Kim previsto tres días despois en Singapur, Trump chegaba a Canadá baixo un clima áspero ante as críticas europeas pola guerra comercial e as barreiras arancelarias anunciadas fai dúas semanas por Washington, e que implican medidas proteccionistas contra os produtos europeos, así como os asiáticos.

Neste sentido, e malia a forzada imaxe de cordialidade expresada na “foto de familia”, a tensión palpouse entre Trump, a chanceler alemá Ánxela Merkel e o presidente francés Emmanuel Macron. Un feito evidente nalgunhas das icónicas imaxes deste cumio, na cal Merkel e Macron tentaban persuadir a un Trump sentado, indiferente e con expresión desafiante.

O controvertido mandatario estadounidense non dubidou en erixxirse como o paladín do “traballador norteamericano” e do parque industrial do seu país, presuntamente afectados pola competitividade exterior. Un pulso que tamén deuse co anfitrión, o primeiro ministro canadense Justin Trudeau, debido ás constantes denuncias de Trump do Tratado de Libre Comercio (TLC) existente entre EUA, Canadá e México, e que Trump quere eliminar ou polo menos reconfigurar.

Trump, Merkel e Macron foron os protagonistas do pulso comercial entre EUA e a Unión Europea que tivo outro punto discordante: Rusia.

Aparentemente aliviado ante a súbita perda de presión nas últimas semanas por parte das investigacións xudiciais en Washingto sobre o escándalo da presunta trama rusa, Trump aireou na Malbaie a necesidade de restituír a Rusia nun G7 que, antes da anexión de Crimea en 2014, era un G8 con Rusia como membro de pleno dereito.

Con iso, Trump parecía tentar restar presión ás maltreitas relacións actualmente existentes entre Washington e Moscova, probablemente buscando certa complicidade por parte do Kremlin á hora de garantir o éxito do posterior encontro  Trump-Kim e ante as expectativas rusas por manter un equilibrio estratéxico na península coreana, verificadas coa inesperada visita a Pyongyang realizada polo ministro ruso de Exteriores, Serguéi Lavrov a finais de maio.

A contraria reacción de Merkel e Macron para readmitir a Rusia no G7 puxo tamén sobre o tapete as complexidades dos recentes movementos xeopolíticos de Berlín e París cara a Moscova e incluso Beijing, traducidos coas visitas ao presidente ruso Vladimir Putin realizadas case simultaneamente por Merkel e Macron a mediados de maio.

Estas visitas e a concreción de intereses económicos (principalmente enerxéticos) entre Putin, Merkel e Macron parecían presaxiar unha viraxe euroasiática da política exterior da Unión Europea ante as barreiras arancelarias de Trump. Unha  viraxe que Merkel ampliou coa súa posterior visita a China.

No entanto, Merkel, Macron, a primeira ministra británica Theresa May e o anfitrión Trudeau negáronse á readmisión rusa a menos de que o Kremlin comprometerase a cumprir os Protocolos de Minsk (2015) tendentes a buscar unha solución pacífica ao conflito na rexión do Donbass no Leste ucraíno. 

Pero precisamente, é máis ben Ucraína a que parece non comprometerse cos acordos de Minsk, toda vez é patente o achegamento de Kiev á OTAN e na cooperación militar con Washington.

Polo tanto, a tensión comercial entre EUA e Europa e o dossier ruso evidenciaron o alarmante nivel de distanciamento de Trump cos seus aliados transatlánticos, aínda que quizais en menor medida coa primeira ministra británica May. Precisamente, o cumio da Malbaie foi o último do G7 antes da materialización do Brexit, a definitiva saída británica da UE, pautado para comezos de 2019.

Con todo, Trump tamén achegou outras complicidades neste cumio, principalmente no que respecta á readmisión rusa no G7, por parte do novo primeiro ministro italiano Giusseppe Conte. Neste sentido, Trump parecía imprimir a este encontro do G7 unha especie de Trumpxit que, en perspectiva xeopolítica, podería deixar ao G7 nun G6+1, ou quen sabe si en G6 a secas.

Pero esta perspectiva tamén pode ter outra incidencia colateral: a consagración dunha alianza entre China e Rusia materializada no cumio da OCX inmediatamente posterior á do G7 e anterior ao encontro Trump-Kim.

O mundo ruso-chinés

Como dous tácticos xogadores expertos no complexo xadrez xeopolítico global, Putin e o anfitrión do cumio da OCX en Qingdao, o presidente chinés Xi Jinping, aproveitaron a discordia que erosiona ao G7 para acelerar un consenso estratéxico entre Moscova e Pequín chamado a configurar un sistema global multipolar.

Con iso, Putin e Xi pretenden a través da OCX sentar as bases dun novo sistema de gobernanza global, distante da unilateral e cada vez máis contestada hexemonía estadounidense en tempos illacionistas de Trump.

En Qingdao, Putin e Xi aseguraron que entre Rusia e China existe unha “asociación estratéxica madura, firme e estable”. Palabras que se confirmaban coas expresións e xestos de ambos mandatarios, de absoluta concordia e consenso, riseiras e compracidos, e que contrastaban diametralmente coa tensión vivida entre os mandatarios presentes no cumio do G7 en Canadá.

Neste sentido, intúese que a concreción de intereses entre Putin e Xi alcanzaba tamén ás súas expresións faciais de completa compracencia, conscientes de que a alianza ruso-chinesa vía OCX podería anunciar un tectónico cambio de eixes dentro do pulso pola hexemonía xeopolítica global.

O cumio de Qingdao permitiu a entrada como membros plenos da OCX de India e Paquistán, toda vez Irán foi admitido como observador. Isto confirma a intención de Pequín e Moscova de eventualmente configurar eixes euroasiáticos de ampliación global. Outro actor euroasiático chave, Turquía, tamén é observador da OCX e ven manifestando recentemente unha orientación estratéxica cara a Rusia, China e Irán.

Entre outros acordos, Moscova e Pequín selaron compromisos para acelerar os proxectos de infraestruturas da ruta Rusia-China-Mongolia, un dos cinco eixes terrestres estratéxicos plasmados no proxecto chinés da Ruta da Seda (Belt and Road Iniciative, BRI). Pequín impulsa o BRI como eixe de desenvolvemento e de cooperación destinado a interconectar Asia e Occidente con epicentro en China, transformando a xeopolítica e as relacións económicas do mundo de posguerra a través de novos organismos e institucións financeiras.

Do mesmo xeito, o cumio da OCX discutiu acordos de pacificación en Afganistán, que ben puideron contribuír ao recente cese ao fogo entre o goberno de Kabul e os talibáns. Con iso, a OCX eríxese como un organismo efectivo de pacificación e de resolución de controversias.

Putin e Xi tamén trazaron acordos de cooperación enerxéticos, de modernización portuaria en augas profundas dende Murmansk ata Arkhangélsk, de cooperación no Ártico e de interconectividade dos proxectos do BRI coa Unión Económica Euroasiática impulsada por Putin e de revitalización dos BRICS, particularmente a través de Rusia, China e India. De xeito evidente, o cumio da OCX serviu como marco de cerimonia estratéxica da alianza ruso-chinesa que busca redimensionar o sistema internacional a favor dun eixe euroasiático que progresivamente Pequín agarda transformar en plenamente asiático.

Igualmente, a presenza iraniana na OCX como observador supón igualmente o apoio de Moscova e Pequín ao acordo nuclear do G5+1 recentemente suspendido por Trump. Precisamente, Merkel e Macron tamén concordan con Rusia e China en manter ese acordo nuclear con Teherán.

En perspectiva histórica, non sería temerario intuír que os cambios que se anuncian para o sistema internacional dos próximos anos puideron ter a súa xénese nos cumios paralelos realizadas este fin de semana tanto na Malbaie como en Qingdao, ambas previamente realizadas á intrigante reunión de Trump con Kim en Singapur.

Gravitando neste complexo labirinto, Trump parece decidido a avanzar unilateralmente pola súa conta, incluso baixo risco de dinamitar o G7. Toda vez, Putin e Xi míranse compracidos pola súa asociación estratéxica vía OCX, ademais dos seus recentes avances xeopolíticos con Merkel e Macron, que confirmarían a crise nas relacións transatlánticas existentes entre Bruxelas e Washington.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais