Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Tempos Novos (Galicia), Agosto de 2016 5 de Agosto de 2016 Mansilla Blanco

Turquía: crónica dun golpe surrealista

Fonte: RT (Rusia)

A intensa purga post-golpe que leva actualmente a cabo o presidente turco Recep Tayyip Erdogan revela unha serie de intrigantes escenarios aínda por clarificar sobre as verdadeiras razóns detrás do intento de golpe militar acaecido o pasado 15 de xullo en Turquía. Cun Erdogan visiblemente reforzado e convencido en afondar o seu cada vez mais autocrático poder, as consecuencias do contexto post-golpe dan igualmente a entender a tramitación de diversos intereses xeopolíticos contrapostos dentro do estratéxico espazo euroasiático.

Tras declarar tres meses de estado de emerxencia en Turquía en medio dunha incesante purga que alcanza aproximadamente a 11.000 membros dos estamentos militar, xudicial e burocrático, o contexto post-golpe está propiciando para o presidente turco Recep Tayyip Erdogan e o gobernante partido islamita AKP a posibilidade de afianzar con maior forza un estilo de poder claramente autocrático, en aras de propiciar unha reforma constitucional que permita asentar un sistema presidencialista hexemónico e vitalicio.

Esta perspectiva supón unha interpretación, un tanto sui géneris, que pode colateralmente explicar algúns dos factores relacionados co confuso e enigmático intento de golpe militar suscitado no país euroasiático o pasado 15 de xullo. O fracaso do mesmo deixa algunhas leccións abertas, aínda que algunhas delas dilátanse na medida en que se afondan sobre as características propias e os intereses existentes detrás deste estraño suceso.

Quen está detrás?

A principal lección ten que ver co cambio na correlación de forzas actualmente existente en Turquía, establecida entre un poder presidencial civil e de afiliación islamita emanado do sufraxio electoral, e a capacidade de influencia do poderoso estamento militar turco así como do establishment kemalista, tradicionalmente considerados como os baluartes do laicismo predominante desde a instauración da República turca en 1923.

Por primeira vez nas case nove décadas de Turquía republicana, na que se levaron a cabo tres golpes militares directos (1960, 1971 e 1982) e un indirecto (1997), un golpe militar fracasaba na súa tentativa de desaloxar do poder a un goberno incómodo. Este aspecto ten maior repercusión tomando en conta que os golpes anteriores sempre tenderon a preservar (ou ben restaurar) o poder case absolutista da casta militar turca.

Pero o contexto actual presenta outro panorama. Trala reforma constitucional de 2010 impulsada por Erdogan, que derroga importantes privilexios e mecanismos de intervención política por parte dos militares, amparados estes na Constitución de 1982 (proveniente dun golpe militar), é manifesto un novo status quo entre o novo establishment político turco e o estamento militar.

O caudal de apoio a Erdogan e de rexeite ao golpe por parte da cidadanía e de practicamente todos os actores públicos, incluído o kemalista Partido Republicano do Pobo (CHP), revelaría inicialmente a consolidación dun novo establishment político monopolizado polo AKP, así como dunha cultura política anti-golpista tendente a potenciar valores democráticos. Así, o fracaso golpista sería directamente proporcional á neutralización do coloquialmente denominado “Estado Profundo” (Devlet en Derin en turco), unha invisible rede de alianzas e factores de poder aparentemente monolítico presente en diversas esferas do poder militar, político, económico, burocrático e incluso intelectual. A chegada ao poder de Erdogan en 2003 alterou substancialmente o poder deste “Estado Profundo” kemalista, hoxe profundamente polarizado e cuestionado.

Con todo, existen algúns aspectos confusos detrás do golpe que alimentan todo tipo de especulacións.  O golpismo torpemente aplicado aconteceu na capital Ankara e Istambul, estratéxicos centros neurálxicos do poder en Turquía, sen aparentemente rexistrarse movementos subversivos  no interior do país, un factor confuso para un país onde as intervencións militares teñen sido frecuentes e efectivas.

Por outra banda está a identificación sobre a autoría do mesmo. Erdogan e o seu goberno apresuráronse de inmediato en atribuír a autoría ao enigmático Movemento Gülen, unha rede con ascendencia islámica sunnita afiliada á escola xurídica hanafí inspirada nas ideas do teólogo turco Fethullah Gülen.

Exiliado en EUA desde 1999, durante décadas Gülen foi un estreito aliado de Erdogan, quen utilizou o seu movemento para afianzar o seu poder. Pero a crise estalou en 2013, cando Erdogan acusou ao Gülen de presuntamente tentar crear inestabilidade e de propiciar un golpe a través das ramificacións da súa rede denominada Hizmet (O Sistema), toda vez os “gülenitas” acusaron ao entorno de Erdogan de presunta corrupción e autoritarismo.

Con todo, dentro do contexto actual, sectores da opinión pública europea suxiren a posibilidade de que Erdogan aproveitara o contexto de “ruído de sables” para asestar unha especie de “autogolpe” que lle permitira avanzar no seu poder absolutista vía reforma xudicial.

Outra variable é o factor exterior. Por mor do exilio de Gülen en Pennsylvania, Erdogan suxeriu a eventualidade de que a tentativa golpista tivera directas implicacións dende EUA, afondando un clima de tensión bilateral xa existente entre ambos países(1). A consecuencia, Erdogan ordenou o inmediato peche no acceso da estratéxica base militar da OTAN en Incirlik, próxima a fronteira turco-siria, durante as horas do golpe militar. Un aspecto que alimenta todo tipo de especulacións tomando en conta que resulta pouco convincente que Washington e a OTAN presuntamente non tiveran previo coñecemento da tentativa golpista(2), particularmente porque Turquía é un estratéxico aliado atlantista e o segundo maior exército dentro da OTAN.

Sen menoscabar a influencia dos factores anteriormente descritos (Gülen, EUA, OTAN), a interpretación probablemente mais asertiva sobre o fracasado golpe turco ten que ver coa proliferación de loitas intestinas dentro das Forzas Armadas turcas ante unha nova correlación de poder entre Erdogan, o establishment político post-kemalista e o estamento militar. Esta perspectiva diverxe substancialmente da interpretación, cada vez mais asentada e reproducida ata a saciedade nos mass media, de que as causas do golpe cífranse en torno á tradicional dicotomía establecida entre islamismo e laicismo, entre o poder de Erdogan e a rivalidade dos militares. Mais ben, o centro de atención debe probablemente enfocarse nas rivalidades de poder que están aparentemente aflorando nunha Turquía cada vez mais “post-kemalista”.

A pesar de gañar as eleccións, a súbita perda de maioría absoluta electoral do AKP (comicios municipais e lexislativos de 2015), a ruptura definitiva das negociacións cos curdos (agosto de 2015) e os ambiguos enfoques sobre a estratexia occidental en Siria, moi probablemente interpretan un novo status quo entre Erdogan e os militares turcos, cuxas relacións comezaban a fluír con certa normalidade. Por tanto, non existían razóns aparentes para un inesperado golpe precisamente porque Erdogan coidou en trazar prudentemente unha política de certa cooptación de intereses cos seus tradicionais rivais, sendo estes o estamento militar e o establishment kemalista.

Paralelamente, Erdogan ten afianzado unha política de penetración de simpatizantes dentro das Forzas Armadas turcas e dos organismos de seguridade, que ansiaba consolidadar de cara á celebración en agosto do Consello Militar Supremo. Así, Erdogan buscaba reordenar o poderoso Consello de Seguridade Nacional (MGK), un organismo tradicionalmente controlado polos militares.

Pode por tanto intuírse que este súbito cambio na correlación de forzas entre Erdogan, o estamento militar, os novos actores políticos e o establishment kemalista provocara roces principalmente por parte dalgúns sectores tradicionalmente vinculados co “Estado Profundo”, á rede Gülen, a movementos nacionalistas e extremistas e incluso aos intereses atlantistas. Todos eles interpretaríanse como subitamente excluídos e marxinados dentro deste novo contexto “erdogiano” de poder.

Do eixe atlantista ao eixe euroasiático

Se ben o contexto post-golpe ilustra una severa purga na que Erdogan busca (ata agora efectivamente) o reforzamento e consolidación definitiva do seu poder, detrás da crise turca existe unha conxuntura xeopolítica inevitable para país cuxa estratéxica localización xeográfica lle confire un peso primordial dentro do espazo euroasiático.

Imponse aquí referirse ao contexto das relacións turcas con Occidente, en particular co eixe atlantista establecido vía EUA, OTAN e a Unión Europea, e que acometeu notables cambios na conxuntura previa e posterior ao golpe militar turco.

A pesar do recente e infame acordo da UE con Turquía para a contención dos refuxiados sirios, as acusacións post-golpe de Erdogan sobre unha presunta interferencia exterior, suxerindo así a identificación de determinados intereses de carácter atlantista, verifican un clima de permanente tensión nas relacións turcas con Occidente. Con todo e a pesar da reorientación xeopolítica turca proclive ao eixe euroasiático (Rusia, China, Irán, Asia Central), dificilmente esta viraxe suporá unha ruptura radical co respecto ao eixe atlantista, cando menos a curto prazo. Pode agora abrirse unha etapa de distanciamento preventivo, toda vez Erdogan termine normalizando a situación interna post-golpe(3).

Esta perspectiva de distanciamento provoca inquietudes en Washington e Bruxelas. O temido Brexit nunha Europa en imparable crise altera os intereses de seguridade estratéxicos da OTAN, particularmente no relativo ao seus flancos mediterráneo e euroasiático. Ante a eventual saída británica da UE, a OTAN precisaba atar canto antes as súa alianzas estratéxicas, con Turquía como actor imprescindible.

O recente cumio da OTAN en Varsovia (8-9 de xullo) confirmou a necesidade de afrontar un novo status quo dentro da alianza atlántica aínda que preservando os seus imperativos estratéxicos, os cales están visiblemente enfocados en identificar a Rusia como a ameaza estratéxica. Tras este cumio, a OTAN visualiza resucitar aquel “cordón sanitario” contra Rusia propio da “guerra fría”, que abrangue dende o Mar Báltico ata o Mar Negro, precisamente nun momento en que Turquía estaba avanzando na concreción de intereses euroasiáticos con Moscova.

Pero a OTAN comezou a observar adversidades nesta estratexia. A mediados de xuño, Bulgaria, membro do organismo atlantista desde 2004, anunciou o seu rexeite para a instalación dunha base permanente da OTAN no Mar Negro, un revés preocupante para a Alianza Atlántica(4). Co Brexit en pleno desenvolvemento, este inesperado rexeite búlgaro incrementaba a imperiosa necesidade de afianzar as alianzas estratéxicas noutros flancos, apuntando claramente a Turquía.

Pero este escenario complicábase aínda mais. O pasado 29 de xuño, sen consultar con Washington e Bruxelas, Erdogan tentou limar asperezas co seu homólogo ruso Vladimir Putin selando unha especie de reconciliación trala súbita ruptura de relacións en novembro pasado motivada polo abatemento de dous cazas rusos Sub-24  que se dirixían a Siria. Curiosamente, un dos pilotos turcos que derrubou un destes cazas rusos participou na tentativa golpista contra Erdogan, segundo declarou o alcalde de Ankara, Melih Gökçek(5).

A perspectiva dun revival na reconciliación ruso-turca deixaba á OTAN ante un escenario adverso que ben puido gravitar a súa escala de influencia dentro do golpe(6). Non semella por tanto casual que o secretario de Estado estadounidense John Kerry, estivera en Moscova o mesmo día en que se desenvolvía a tentativa golpista en Turquía. E o peche da estratéxica base de Incirlik durante as horas do golpe deixaba á OTAN sen posibilidade de controlar unha base aérea onde Washington ten almacenados armas tácticas nucleares e de intelixencia electrónica(7).

Resulta igualmente significativo que se ben Occidente declarou apoiar  “á democracia turca” nas horas incertas do golpe, sen mencionar expresamente a Erdogan, o presidente turco recibía o apoio público de Rusia e Irán. Este aspecto suxire observar que Erdogan viña trazando liñas de acordo con Moscova e Teherán, tradicionais aliados do réxime sirio, ante eventualidade dunha transición post-Bashar al Asad en Siria que repercuta en afianzar os imperativos xeopolíticos turcos en Oriente Próximo.

Este aspecto abre a segunda perspectiva, a da xeopolítica do golpe e do post-golpe turco de cara a súa contorna rexional, principalmente dentro do conflito sirio. A posibilidade efectiva dunha reconciliación ruso-turca asesta outro revés aos intereses occidentais traducidos na caída do réxime sirio, toda vez temen que dentro da purga post-golpe de Erdogan se enfile a posibilidade de alterar a ata agora condescendente política turca de apoio aos bombardeos occidentais contra o Estado Islámico.

Ankara busca así neutralizar a posibilidade dun Curdistán independente que alterara os seus intereses enerxéticos no norte de Siria (recreación da tese da Gran Turquía) e dende o Mar Caspio ata o Mediterráneo. Paralela á reconciliación con Rusia, Erdogan ampliou a mesma cara Israel, con relacións suspendidas desde 2011 por mor do conflito palestino, a fin de crear un novo status quo rexional.

Finalmente están o intenso xiro euroasiático da xeopolítica de Erdogan. Ankara observa con atención a evolución de iniciativas impulsadas por Moscova, en especial a Unión Euroasiática (2011), así como busca afianzar outras de carácter rexional como a Organización de Cooperación Económica do Mar Negro (BSEC).

Para a Alianza Atlántica, este viraxe supón unha clara rivalidade xeopolítica aos seus intereses expansivos no espazo euroasiático, particularmente alterados tralas vantaxes xeopolíticas rusas obtidas coa crise ucraína(8).  Expectativas agora revitalizadas polos temores atlantistas ante o contexto post-Brexit e das complicacións de aprobación da Asociación Transatlántica de Comercio e de Investimentos (TTIP), que poden incidir en reorientacións xeopolíticas para Turquía por fóra da esfera de influencia occidental(9).

Por outra banda, Turquía ingresou en 2015 como socio de diálogo da Organización de Cooperación de Xangai (OCX), organismo impulsado por China e Rusia con membros doutras repúblicas centroasiáticas (Kirguistán, Kazajstán, Uzbekistán e Taxiquistán) así como membros observadores a países estratéxicos como Irán, India, Afganistán, Belarús e Paquistán.

O pasado 29 de xuño, o mesmo día que fomentaba a súa reconciliación con Rusia, Erdogan participou no cumio da OCX celebrado en Tashkent (Uzbekistán), na que eloxiou a este organismo por riba da propia UE. Por tanto, a reorientación xeopolítica turca cara Rusia e China expresada nestes marcos de cooperación intensificou os temores de Washington e Bruxelas de perder ao aliado turco da súa esfera de influencia estratéxica.

A purga post-golpe e os resortes xeopolíticos confirman en qué medida as tensións establecidas polos imperativos estratéxicos en torno a Turquía e o espazo euroasiático cobran unha importancia capital para diversos actores. E prové a Erdogan dunha posibilidade efectiva de avanzar definitivamente cara un sistema presidencialista de corte autocrático e vitalicio, de consecuencias igualmente incertas tomando en conta a evidente polarización de intereses establecidos tanto en Turquía como no exterior. Demasiados factores en xogo detrás do surrealista golpe turco.

 

 



(1) As relacións turco-estadounidenses veñen afrontando varias etapas de tensión debido a diverxentes intereses xeopolíticos. Un exemplo foi a negativa do presidente Barack Obama de recibir a Erdogan en marzo pasado, suceso que levou a fortes críticas por parte de Ankara da política exterior de Washington, en especial polo presunto apoio estadounidense ao curdos sirios na súa loita contra o Estado Islámico.

(2) Lawrence Wilkerson, ex xefe de gabinete do secretario de Estado Colin Powell, declarou que a CIA xogou “algún rol” no intento de golpe en Turquía. Ver: http://mundo.sputniknews.com/mundo/20160720/1062227898/turquia-eeuu-cia-golpe.html

(3) A tensión na relación UE-Turquía pode agora intensificarse ante as expectativas de Erdogan de recuperar a legalización da pena de morte (suspendida desde 2002) así como da temporal saída turca da Convención Europea de Dereitos Humanos dentro do estado de emerxencia recentemente decretado. Consultar: http://www.hurriyetdailynews.com/turkey-to-temporarily-suspend-european-convention-on-human-rights-after-coup-attempt.aspx?pageID=238&nID=101910&NewsCatID=338

(8) Recentes informacións, principalmente de fontes rusas, suxiren sobre a posibilidade de procreación de escenarios de inestabilidade en Asia Central, particularmente en Kazajstán, presuntamente orquestrados por intereses exteriores a fin de propiciar unha posible ruptura dos eixes de alianzas de Moscova e Pequín. Algunhas fontes suxiren da posible infiltración de elementos xihadistas presuntamente vinculados a redes do Estado Islámico en Asia Central e no Cáucaso para provocar unha eventual expansión radicalizada. Outras fontes dan conta da posibilidade de renovación, por parte da CIA, das denominadas “revolucións de cores” en Kazajstán e noutros países do espazo euroasiático ex soviético. Para maior información, consultar os enlaces: http://katehon.com/es/news/eeuu-quiere-provocar-una-revolucion-de-color-anti-rusa-en-kazajistan  e http://www.eurasianet.org/node/79741http://katehon.com/es/agenda/quien-se-beneficia-de-la-desestabilizacion-de-kazajistan  e http://katehon.com/es/article/kazajistan-terrorismo-desconocido   

(9) Erdogan impulsa recentemente unha alianza militar con Acerbaixán, estipulada na próxima apertura dunha base militar turca en territorio azerí, que pode anunciar un novo equilibrio estratéxico no Cáucaso, con particular incidencia en conflitos inconclusos con visos de revitalización como é o caso de Nagorno Karabaj. Para maior información, consultar os enlaces: http://www.hurriyetdailynews.com/turkey-to-establish-military-base-in-azerbaijan.aspx?pageID=238&nID=101906&NewsCatID=353 e http://www.eurasianet.org/node/79751

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais