Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
Revista ZETA (Venezuela) 15 de Decembro de 2017 Mansilla Blanco

Trump sacode Terra Santa

O presidente estadounidense Donald Trump. Fonte: Axencia Xinhua

A recente decisión do presidente Donald Trump de recoñecer a Xerusalén como capital histórica do Estado de Israel, co traslado da embaixada estadounidense dende Tel Aviv, anuncia efectos tectónicos na delicada xeopolítica de Oriente Medio, cuxo obxectivo parece máis ben enfocado en tensar a corda co nacente eixe Rusia-Turquía-Irán, particularmente visible na etapa do post-conflito sirio.

O “efecto Trump” semella agora acentuarse con maior nitidez en Oriente Medio. Tras reconfigurar as alianzas tradicionais de Washington con Israel e Arabia Saudita, o controvertido mandatario estadounidense cumpriu o pasado 6 de decembro cunha das súas promesas ao chegar á Casa Branca en xaneiro pasado: recoñecer a Xerusalén como a capital “histórica e indivisible” do Estado de Israel.

O anuncio de Trump non é fortuíto. Ten un sentido netamente estratéxico. Non só reforza os lazos con Israel, atendendo unha das principais demandas históricas israelís, senón que altera os emerxentes eixes xeopolíticos na rexión que estanse deseñando principalmente trala intervención de Rusia en Siria e ante a certificación do post-conflito sirio co recente cumio de Sochi (22 de novembro).

Trump xoga a varias bandas, aínda que todo semella indicar que a iniciativa diplomática quedará en mans do secretario de Estado, Rex Tillerson. Este, sumido igualmente en difíciles equilibrios en Washington ante os rumores que apuntan a unha presunta destitución do seu cargo, declarou esta semana que a cuestión de Xerusalén debe ser solucionada conxuntamente por israelís e palestinos.

A declaración de Tillerson supón unha mostra aparente por rebaixar a tensión e a indignación que instalouse inmediatamente no mundo árabe e islámico trala polémica decisión de Trump. Unha decisión que tamén ten o seu ton simbólico en chave histórica, toda vez ocorre cando cúmprese o 50º aniversario da guerra dos Seis Días (1967), na que o Exército israelí ocupou militarmente Xerusalén Leste e os territorios palestinos de Gaza e Cisxordania.

Romper o eixe de Putin

O obxectivo colateral de Trump e, por conseguinte, do dereitista primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, segue sendo Irán. O problema para o eixe israelo-estadounidense é que Teherán está logrando superar o illamento exterior non só trala audaz apertura iniciada por Barack Obama a partir de 2013 senón, principalmente, pola concreción dun eixe xeopolítico rexional que lle achega a teres novos aliados: Rusia, Turquía e China.

Neste sentido, Trump e Netanyahu observan con atención xa non só o tradicional eixe “xiíta” que Teherán manexa desde fai décadas xunto ao réxime sirio de Bashar al Asad e outros aliados como os movementos islamitas libanés Hizbulá e os palestinos Hamas e Yihad Islámica, aínda que estes xa en menor medida.

O problema para Trump e Netanyahu enfócase no eixe “euroasiático” que moi habilmente está logrando deseñar o presidente ruso Vladimir Putin a través de Turquía e Irán, no cal tamén entra tanxencialmente China. Neste sentido, Moscova e Pequín fan valer os anos de cooperación económica e militar con Irán mentres Occidente endurecía nas sancións contra Teherán por motivo do seu programa nuclear.

En canto a este eixe “euroasiático” implantado por Putin en Oriente Medio, non deixa de seren igualmente significativo que fora precisamente Turquía o país máis virulento nos seus ataques contra Trump pola súa decisión sobre Xerusalén.

Embarcado nun proxecto hexemónico autoritario, o presidente turco Recep Tayyip Erdogan rememora as glorias otománs cun retorno turco á xeopolítica de Oriente Medio, que ten agora na cuestión de Xerusalén unha aresta máis. Erdogan foi o mais duro detractor da decisión de Trump, considerando que o recoñecemento de Xerusalén como a capital israelí abrirá “un baño de sangue” na rexión. Tamén cualificou a Israel de “terrorista” e a todos aqueles que apoian a decisión de Trump de que “non atoparán lugar onde esconderse”.

Non é tampouco fortuíta a sorprendente visita de Putin ás bases militares rusas en Siria a semana pasada, no marco dunha xira rexional que levouno por Turquía e Exipto. O mandatario ruso declarou en solo sirio o progresivo final das operacións militares rusas no país árabe, un fait accompli do final da guerra siria xa acordado anteriormente en Sochi.

Este anuncio de Putin compatibilízase co realizado a semana pasada polo goberno iraquí de por fin a súa guerra particular cun Estado Islámico cada vez mais debilitado e en desbandada de militantes.

Favorecer o eixe Israel-Arabia Saudita

Paralelamente, o recoñecemento de Trump da capitalidade israelí de Xerusalén supón tamén a certificación do “punto morto” das negociacións de paz cos palestinos, aínda que Tillerson e a Unión Europea asomen algunha tibia esperanza.

Con isto, Trump aposta decididamente por Israel e Arabia Saudita como os seus principais aliados rexionais, en especial ante a próxima entronización do herdeiro saudita Mohammed bin Salman.

Non deixa de seren igualmente significativo que o propio bin Salman enviara ao xenro e asesor de Trump, Jared Kushner, unha mensaxe de apoio ao presidente estadounidense pola súa decisión sobre Xerusalén, aínda que argumentando que a mesma non deixa de seren controvertida e perigosa para as negociacións de paz na rexión.

O propio Kushner, igualmente no “ollo do furacán” en EUA polas investigacións xudiciais na súa contra ante a presunta trama rusa nas eleccións presidenciais de 2016, declarou esta semana durante un foro no think tank Brookings Institution que son cada vez más os países árabes que comezan a observar a Israel como un socio.

Esta declaración semella evidenciar as presuncións de recentes achegamentos entre Arabia Saudita e Israel, países que comparten o mesmo inimigo común: Irán. En setembro pasado, medios iranianos, israelís e rusos informaron que o futuro monarca saudita bin Salman visitou Israel en secreto. Se ben Riad manifestou como “irresponsable” a decisión de Trump sobre Xerusalén, as declaracións oficiais ten sido mais ben tibias e misteriosas dende o reino saudita.

Pola súa banda, o presidente israelí Shimon Peres tamén declarou recentemente que son varios os países árabes que queren establecer relacións con Israel, e que os mesmos non se limitan unicamente aos emiratos petroleiros do Golfo Pérsico, temerosos polo crecente ascenso iraniano. Todo isto a pesar de que a Liga Árabe, que reúne a 22 países, manifestárase abertamente en contra da decisión de Trump.

Os temores cada vez mais confirmados por parte dos palestinos dun achegamento entre sauditas e israelís levaron fai dúas semanas ao presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abbas, a visitar ao futuro monarca saudita. Pero a visita máis ben certificou os alcances do novo status quo rexional.

Nunha conversa desvelada polo diario The New York Times, o futuro monarca bin Salman semellou confirmar ante Abbas o aliñamento de intereses entre sauditas e israelís, principalmente motivados polo seu temor a Teherán. Por tanto, con bin Salmán no trono, xa non existiría o histórico e irrestrito apoio saudita á causa palestina. Incluso, o cambio xeopolítico entre sauditas e israelís semella confirmarse toda vez bin Salmán pediu a Abbas a renuncia a Xerusalén Leste como futura capital palestina a cambio de axuda económica. Unha petición que ningún outro mandatario internacional pensou sequera realizar a un líder palestino.

Con todo, a xeopolítica de Trump en Oriente Medio semella mais ben ser reactiva en torno ás iniciativas tomadas por Putin, quen eríxese actualmente como o probable novo árbitro da rexión.

Un século despois da Declaración Balfour (1917) que defendeu o “Fogar Nacional Xudeu” en Palestina, e a piques de cumprirse sete décadas da creación do Estado de Israel (creado en maio de 1948), sendo ambos acontecementos os que principalmente configuraron o actual Oriente Medio, Trump quere pasar tamén á  historia como o primeiro mandatario mundial que recoñece a Xerusalén como capital histórica israelí.

Isto tamén supón un punto chave a favor do proxecto do “Gran Israel” que Netanyahu agarda materializar durante a súa xestión, e que moi probablemente ampliarase cara Palestina dentro das que denomina as “fronteiras históricas e definitivas” dese “Gran Israel”.

            

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais