Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 29 de Agosto de 2017 VV.AA.

Terrorismo xihadista. Algunhas reflexións tras Barcelona e Cambrils

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC
Concentración polos falecidos nos atentados de Barcelona e Cambrils. Foto: Axencia Xinhua (China)

Coa conmoción aínda presente polos fatídicos atentados acaecidos o pasado 17 e 18 de agosto en Barcelona e Cambrils, novamente cun selo distintivo de barbarie e inhumanidade, parece chegar o momento de dar un oportuno paso á marxe para analizar a natureza dos citados acontecementos, reflexionando sobre as vulnerabilidades e os posibles erros cometidos, e tentando dilucidar o camiño a seguir a partires deste momento. 

É esencial remarcar que resulta demasiado pronto para sacar conclusións definitivas, tendo presente a provisionalidade das investigacións e dos indicativos. A futurible análise dos feitos deberá realizarse de xeito sopesado e conciso, sendo conscientes das súas especificidades, afastándose de tópicos, tendo en conta e interpretando os múltiples factores en liza (nacionais, rexionais e internacionais) e a súa inxerencia, así coma do conxunto de realidades complexas que abarca dito fenómeno.

Debemos distanciarnos das especulacións prontas e pouco sustentadas que previsiblemente abundarán -de feito xa comezan a abundar- e que sinalarán responsables de forma maniquea, nas cales resulta certamente visible unha intencionalidade e instrumentalización do acontecemento.

Sen embargo, si parecen existir certos indicativos que permiten entrever e axudan a comprender –sempre de forma preliminar- algunhas das claves agochadas tralos fatídicos sucesos.

Xihadismo multimensional e a súa xeopolítica

En primeira instancia, debemos comprender que a situación actual do xihadismo, co Estado Islámico coma bastón catalizador, atópase afastada das lóxicas imperantes de pasadas décadas e do esquema organizativo clásico de organizacións coma Al-Qaeda. Actualmente prima a existencia de grupos ou individuos que actúan de forma “cuase” autónoma que, pese operar baixo un distintivo común, non adoitan estar estruturas piramidais definidas, nin existe planificación ou deseño monitorizado dende unha cúspide de liderado definido.

Isto non quere dicir que non exista contacto con elementos transnacionais. Certamente existe en maior ou menor medida (dependendo da casuística), sendo palpable a existencia dunha maquinaria propagandística e unha arenga ideolóxica cuxa planificación e deseño –ao igual que a nivel de estratexias tácticas e militares- está perfectamente organizada. Sen embargo, tamén resulta notoria a preponderancia da autoxestión e da autorradicalización, cun ámbito de actuación preferente no espazo virtual, polo que a detección e articulación dunha resposta efectiva resulta especialmente laboriosa.

Ante a perda masiva de territorio e o derrubamento progresivo do seu califato de facto (Siria e Iraq), acrecentado enormemente nestes últimos meses(1), e ante a respectiva perda de capacidade económica, militar e táctica, o empuxe ideolóxico e propagandístico revitalizouse, converténdose no eixo da súa estratexia transnacional. Isto supón un acrecentamento nos riscos de ataque en chan europeo, pois búscanse golpes con gran impacto mediático (exhibindo unha falsa imaxe de forza e capacidades globais), retroalimentando a capacidade de captación.

Reflicte desta tendencia a multiplicación de ataques no espazo europeo, caracterizados por un terrorismo “low cost” e definido pola “ocasión”, é dicir pola posibilidade de actuación derivada dunha conxuntura favorable. Cunha preeminencia por obxectivos brandos, sen capacidade de resposta e cuxa proxección alcanza notoriedade global, búscase reverter a proxección de derrota no seu territorio de facto e realzar o imaxinario colectivo, alén de dinamitar as denominadas zonas grises(2) da sociedade e afondar na fractura social (unha das pezas chave da súa retórica).

Esta capacidade para operar en escenarios multidimensionais, en diversos planos (físico, virtual e imaxinario) representa un dos retos, e a súa vez eríxese como punto de vulnerabilidade para a articulación de respostas efectivas. A preeminencia por estratexias focalizadas na securitización, necesarias pero non  únicas, relegou a un plano subxacente o desenvolvemento e impulso de programas enfocados cara o combate ideolóxico e propagandístico. Resulta manifesto que esta é unha batalla que non se está sabendo combater e na que estes grupos parecen atoparse a anos luz de vantaxe, o que eleva os riscos de forma significativa.

No caso de España, aínda que non existen bolsas de radicalización como as que se poden atopar en Bélxica ou Francia, non resulta exenta de colectivos vulnerables ou susceptibles de captación, como deixa constancia o recente estudo publicado polo Real Instituto El Cano sobre as pautas de radicalización no escenario español. 

Ante esta realidade, o combate contra a retórica xihadista configura un dos piares da principal e máis frutífera estratexia antiterrorista: a anticipación a través da prevención. Polo que resulta necesario unha fonda revisión das estratexias deseñadas e un impulso. Así o recalcaba nunha recente entrevista– ao igual que múltiples analistas, membros de forzas e corpos de seguridade ou académicos- o xeneral Miguel Ángel Ballesteros, director do Instituto Español de Estudios Estratéxicos, o pasado mes de xuño: “a preocupación máis importante resulta a loita ideolóxica e contra a radicalización”.

A loita contra o discurso xihadista e a súa extensión nas redes, así como a elaboración de estratexias multidisciplinares e políticas de contrarradicalización que abarquen dende o ámbito civil (educativo, relixioso etc.) ao policial, debe ser unha prioridade nas estratexias de loita contra a lacra e a barbarie do xihadismo, facendo énfase e remarcando os valores do sistema democrático imperante nosas sociedades.

Cooperación en materia de intelixencia

O labor exercida polos servizos e axencias de intelixencia na obtención de información sensible, alén dos respectivos corpos e forzas de seguridade, configura unha peza esencial no engranaxe da seguridade internacional que, ante as actuais ameazas –especialmente respecto ao terrorismo de carácter xihadista- antóllase coma un dos piares fundamentais nas estratexias de prevención.

Sen embargo, ante os retos que presenta a natureza líquida do fenómeno, e a súa proxección transnacional, non caben estratexias unilaterais nin se poden limitar as respostas ao ámbito local ou estatal. A cooperación e coordinación fluída entre os diversos servizos de intelixencia, sobre todo no referente ao o espazo europeo (e dentro das propias fronteiras estatais), resulta imperante polo que é necesario mitigar as posibles reticencias existentes a hora de compartir información (voluntarias o non), así as posibles gretas presentes nos canles de intercambio e acceso á mesma, as cales dificultan a súa divulgación.

Esta problemática atopámola en todo o escenario europeo, pese a labor cada vez mais preeminente de EUROPOL ou organismos como a Counter Terrorism Task Force (CTTF). Recentes atentados acaecidos en territorio europeo parecen dar conta desta realidade –mesmo ten sido recoñecido abertamente polas autoridades pertinentes- especialmente en casos coma Londres (3/06/2017), Manchester (22/05/2017) ou París (13/11/2015)(3).

Nos sucesos de Barcelona e Cambrils parecen atoparse certos indicativos que mostran similitude cos escenarios e coa problemática anteriormente descrita. A configuración e dimensión do grupo terrorista (cun esquema relativamente arcaico e coñecido), a figura do captador (imán de Ripoll) presente nas bases da Policía Nacional e Garda Civil(4), a capacidade de manobra fora dos focos durante máis de seis meses ou a operatividade do grupo fora de España, denotan a existencia de gretas nas labores de intelixencia.

De igual xeito, dadas as especificidades de Cataluña no contexto de radicalización, chama a atención a falta de presenza e representación dos Mossos d´Escuadra no recentemente creado (2014) Centro de Intelixencia Contra o Terrorismo e o Crime Organizado (CITCO), organismo promotor do intercambio, xestión e análise de información estratéxica entre diversos corpos e axencias do Estado.

Pese a que sería neglixente e inxusto centrar o foco de atención sobre os servizos de intelixencia, que teñen desenvolvido unha labor encomiable, si parecen existir certos espazos de mellora significativos sobre os que impera a necesidade reflexionar e afrontar as súas debilidades, pois son esenciais ante un fenómeno tan voluble e líquido coma o terrorismo de corte xihadista.

Alexandre Rey Parrado,

licenciado  en Historia (USC) e estudante no Máster “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

Citas bibliográficas:

(1) No último mes sufriu unha perda masiva de territorio, sobre todo no escenario sirio, sendo desprovisto da súa meirande parte de territorio no centro do país e véndose relegado as ribeiras do río Éufrates no sueste do país. http://www.edmaps.com/html/eastern_syria_territorial_cont.html

(2) Neste contexto refírense as denominadas zonas de convivencia na sociedade. Buscando a polarización e o enfrontamento entre a comunidade islámica e a non islámica, fragmentando a convivencia e illando respectivamente a ambas comunidades.

(3) No caso de Manchester, dende o entorno próximo ao autor material, foron dados ata cinco avisos. Do mesmo modo, a súas viaxes a Siria e Libia eran coñecidas polo MI5. No caso de Londres, dende o SISDE (Italia) advertírase das intencións dun dos terroristas. Finalmente, no escenario francés foron recoñecidas polas autoridades fallas de comunicación entre as diferentes axencias de intelixencia do país.

(4) Pese a non figurar relacionado con procesos de radicalización, eran coñecidos os seus vínculos (dentro do ámbito carcerario) con individuos susceptibles de pertencer ao ámbito xihadista.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais