Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
Revista ZETA (Venezuela) 27 de Novembro de 2018 Mansilla Blanco

Tensión entre Rusia e Ucraína co G-20 na recámara

Reunión de emerxencia no Consello de Seguridade da ONU ante a crise ruso-ucraína. Fonte: Axencia Xinhua

En vésperas do cumio do G-20 en Bos Aires, co transfondo do Brexit en fase definitiva, a visita a España do presidente chinés Xi Jinping, a idea do “Euroexército” exposto polo eixo franco-alemán na Unión Europea e a visita de Pedro Sánchez a Cuba, a renovación da crise entre Ucraína e Rusia na península de Crimea e no Mar de Azov revela un clima de tensión in crescendo no que as principais pezas da xeopolítica global xogan as súas cartas con calculada mesura.

Un incidente naval ocorrido o pasado 25 de novembro no estreito de Kerch, entre o Mar de Azov e o Mar Negro, moi próximo á península de Crimea, está a renovar a tensión entre Rusia e Ucraína precisamente nun contexto de cambios xeopolíticos nas relacións entre Moscova e Occidente.

O incidente ocorreu cando a Armada rusa interceptou tres barcos ucraínos que se achegaban ao estreito de Kerch. Ata o momento, estes barcos ucraínos permanecen baixo arresto preventivo por parte da Armada rusa. Moscova acusou a Kiev de violar as súas augas territoriais, toda vez o incidente está a provocar enorme preocupación no taboleiro xeopolítico entre Europa e Rusia, precisamente en vésperas de cumios e visitas de alto nivel diplomático.

Con este contexto, disparáronse as acusacións mutuas entre Kiev e Moscova, o cal anuncia igualmente unha maior tensión a nivel mediático e propagandístico. Tras advertencias realizadas pola Armada rusa que presuntamente foron ignoradas polos barcos ucraínos, Kiev asegurou estar a cumprir coas normas internacionais de navegación ao realizar unha travesía desde o seu porto en Odessa ata o de Mariúpol, no Mar de Azov.

Co calor do incidente naval, Kiev acusou a Moscova de presuntamente abrir fogo contra as embarcacións ucraínas, causando aparentemente seis feridos. Toda vez o Kremlin nega os feitos, na capital ucraína producíronse inmediatamente protestas antirrusas fronte á embaixada da Federación rusa, aspecto que eleva aínda máis a tensión ante a eventualidade de ruptura diplomática practicamente de feito entre Kiev e Moscova.

Ucraína contra Rusia

O incidente naval no estreito de Kerch e no Mar de Azov anúnciase como un foco candente e estratéxico na tensión cada vez máis in crescendo entre Ucraína e Rusia.

En maio pasado, Rusia completou o seu proxecto de infraestruturas, iniciado en 2014, de unir o estreito de Kerch con territorio continental ruso a través dunha estratéxica ponte que selaría definitivamente a unión territorial da península de Crimea con Rusia.

Para Kiev, que obviamente non recoñece a anexión rusa de Crimea (2014), esta ponte de Kerch é observada como unha provocación por parte do Kremlin. Por iso, a crise do Mar de Azov persuadiu ao presidente ucraíno Petr Poroshenko a convocar ao Estado Maior do Exército, sopesar a posibilidade de establecer a lei marcial e ordenar á súa representante ante a ONU a que denuncie a presunta “agresión rusa” ante o Consello de Seguridade.

A lei marcial foi finalmente aprobada pola Rada (Parlamento) en Kiev, un día despois dos acontecementos no mar de Azov. A súa duración é por un mes, ata o próximo 30 de decembro de 2018. Esta lei marcial establece igualmente a limitación temporal de varios dereitos e liberdades cívicas. Pero a mesma establécese igualmente nun contexto electoral de cara ás eleccións presidenciais ucraínas previstas para finais de marzo de 2019.

Poroshenko busca a reelección e semella agora querer xogar coa carta nacionalista antirrusa como antídoto que lle permita remontar nas enquisas, toda vez o seu rival, a incombustible Yulia Timoshenko, lidera tibiamente a intención de voto por encima do actual mandatario ucraíno.

 

Por iso, Poroshenko parece barallar as súas cartas electorais ante o contexto de tensión entre Kiev e Moscova. Aínda que o goberno ruso xa rebaixou o nivel de alerta, de xeito evidente, o incidente parece denotar unha provocación trazada moi oportunamente, na que Kiev podería contar coa probable anuencia da OTAN e quizais de Washington.

Un día despois do incidente, o luns 26, os embaixadores da OTAN reuníronse en Bruxelas co seu homólogo ucraíno para analizar a crise do Mar de Azov. Toda vez a OTAN expresou o seu “total apoio” á integridade territorial e a soberanía ucraína, a chanceler alemá Ángela Merkel comunicouse vía telefónica con Poroshenko para expresarlle a súa intención de atopar unha solución, aparentemente facendo causa común con Kiev ante o que considerou como unha “agresión rusa”.

Do G-20 a Cuba

Pero máis que no Mar de Azov, o foco parece estar enfocado noutros escenarios, onde a atención global estará máis atenta. O próximo 29 de novembro inaugurarase o cumio do G-20, as principais potencias políticas e económicas mundiais, a celebrarse en Bos Aires.

A capital arxentina, sacudida polo vergoñento ataque hooligan que obrigou o pasado 25 de novembro (o mesmo día que a crise do mar de Azov) a suspender a final da Copa Libertadores de América entre os clubs River Plate e Boca Juniors, preparábase para reunir aos principais líderes mundiais. En Bos Aires agardan aos presidentes de EUA, Donald Trump, o seu homólogo ruso Vladimir Putin, o chinés Xi Jinping (quen antes estará nunha visita oficial a España), o francés Emmanuel Macron, a súa homóloga alemá Ángela Merkel, a primeira ministra británica Theresa May (que acaba de certificar a validez do Brexit coa UE) e o seu homólogo xaponés Shinzo Abe.

Para o anfitrión presidente arxentino Mauricio Macri, o cumio do G-20 supoñía unha oportunidade única de fortalecer a súa imaxe e o seu mandato, actualmente embazado pola crise económica, as cada vez maiores protestas sociais (que ameazan con aumentar durante o G-20) e agora o vergoñoso incidente da final da Libertadores.

Do mesmo xeito, Macri podía aproveitar o cumio para tentar premer ás grandes potencias mundiais sobre a necesidade de buscar unha solución a unha crise venezolana cada vez máis hemisférica, tomando en conta a vaga de inmigrantes venezolanos que foxen cara aos seus veciños latinoamericanos, entre eles a propia Arxentina.

Nese contexto, a crise do Mar de Azov podería anunciar un G-20 moi diferente ao que se esperaba con antelación. En Bos Aires, Putin e Trump teñen previsto realizar un encontro de alto nivel estratéxico no que, evidentemente, o tema de Ucraína e da OTAN estarían no tapete. Pero ante a súbita crise naval no Mar de Azov, e aínda que aínda non hai confirmación oficial, non se descarta que Putin finalmente desista de asistir ao cumio bonaerense, tomando en conta o risco xeopolítico que entraña esta crise.

Con todo, a crise do Mar de Azov non escapa doutros contextos colaterais que veñen suscitándose recentemente na area internacional. A recente visita a Cuba do presidente de goberno español Pedro Sánchez reabre unha xanela xeopolítica da que non escapa a relación entre Europa e Rusia, con España de transfondo.

Neste sentido, a recente decisión do goberno de Sánchez de permitir que buques de guerra rusos volvan fondear en portos españois supón unha inesperada decisión que provocou inmediata preocupación e mesmo indignación en Washington. De feito, esta decisión do goberno de Sánchez con respecto aos buques rusos ocorreu en momentos en que o senador estadounidense Tim Kaine estaba de visita en España.

Sánchez visitou Cuba a semana pasada baixo un contexto igualmente determinado polo Brexit, ao cal el mesmo afirmou que votaría en contra porque consideraba que os intereses españois con respecto a Xibraltar non estaban a ser atendidos por parte de Londres.

Con todo, ao regresar de Cuba, e previo á visita do presidente chinés Xi Jinping, Sánchez subitamente aceptou os termos do Brexit, minimizando o contexto sobre Xibraltar, un cambio de decisión moi probablemente determinado pola presión diplomática do eixo franco-alemán na UE, desexoso de terminar canto antes coa polémica do Brexit e de asegurar todos os flancos posibles ante a eventual reorientación de Sánchez cara Rusia e a visita de Xi Jinping a Madrid.

Ao reunirse na Habana co presidente cubano Miguel Díaz-Canel, na que non faltaron as críticas desde sectores opositores en España por desestimar as súas peticións de reunirse coa disidencia cubana, Sánchez realizou un cálculo diplomático orientado a desafiar as presións de Washington e de concretar intereses ao eixo ruso-chinés que está a emerxer no sistema internacional.

Ó mesmo tempo, o goberno de Sánchez segue apostando pola “fórmula Zapatero” como ferramenta estratéxica que permita atopar unha solución política de consenso para a crise venezolana. Unha fórmula que conta co consentimento de Moscova e de Pequín, pero que irrita a Washington e Bruxelas. Unha movida diplomática, a de Sánchez, que demostra que a crise do Mar de Azov non é tan afastada dentro do pulso xeopolítico que se vive tanto no espazo euroasiático como colateralmente no hemisferio occidental, e da cal Cuba e Venezuela tampouco escapan.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais