Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 24 de Maio de 2019 Ríos

Tarde piaches?

guerra_comercial_eeuu_china.jpg

As tensións comerciais entre China e os EUA subiron un novo chanzo tralo anuncio de novas medidas por parte da Casa Branca que tentan cortar de raíz o desenvolvemento tecnolóxico do país oriental. Pero está Washington a tempo e en condicións de evitar o sorpasso chinés?

En termos de paridade de poder de compra, a economía chinesa superou á dos EUA en 2014; actualmente, representa o 18 por cento do PIB global; segundo as previsións, arredor de 2025 pode equipararse á de EUA en termos nominais e en 2050 representará o duplo do seu valor. Xustamente, en 2014, Huawei creou HiSilicon en segredo, entre outros para reducir a súa dependencia tecnolóxica minguando o nivel da súa vulnerabilidade ante continxencias como as actuais. Non sabemos cantos máis segredos hai por aí gardados nin canto poden axudar a amortecer os golpes da Administración Trump ou canto as estrataxemas dos EUA poden retrasar os seus plans de liderar o 5G en todo o mundo.

No eido tecnolóxico, o investimento da China en I+D o pasado ano representou o 2,8 por cento do seu PIB e está a un paso de superar aos EUA. Con máis de 4 millóns de enxeñeiros operando no sector, estímase que en 2019 situarase á cabeza no rexistro mundial de patentes, destronando décadas de reinado estadounidense. A competitividade da China en materia de intelixencia artificial, manufactura intelixente, robótica, vehículos eléctricos, etc., aínda avanzando a ritmos desiguais, semella imparable. En moitos ámbitos leva anos de adianto con respecto ao Occidente desenvolvido. A que era fábrica do mundo hai pouco tempo representa hoxe a gran plataforma de innovación global. E pode selo xa á marxe dos EUA en moitos aspectos. E queren facelo así, descartando baixar a orella como fixo Xapón nos anos noventa.

Angustiado ante a evidencia de múltiples indicadores que poñen de relevo ese horizonte do sorpasso, todo son escusas por parte de EUA. O noutrora campión do libre comercio volvéusenos proteccionista. Xa sabes, se uns principios non lle conveñen veña outros para o sitio. Diversas fontes en varios países europeos descualificaron ata as acusacións relativas á espionaxe. Ninguén demostrou nada. O que si sabemos é o que contou E. Snowden: Washington espía a todo o mundo, amigos incluídos. Argumentar agora razóns de seguridade nacional evidencia o desespero da Casa Branca.

Na guerra comercial todos van perder. China estima que pode custarlle arredor de 1 punto ou 1,5 na baixa da previsión do seu PIB. Pero para os EUA e o resto do mundo tamén terá custes importantes. Ambos os dous países representan preto do 40 por cento da economía mundial. Un divorcio sairá caro. As medidas de resposta de Beijing tamén irán subindo chanzos e as interdependencias mutuas brindan múltiples alternativas. EUA debera ter claro que China non fará concesións en asuntos de principio, especialmente se teñen a ver coa súa soberanía.

China é hoxe o primeiro socio comercial de 120 economías do mundo; EUA ten déficit comercial con 102. As diatribas a propósito dos desequilibrios cos seus socios evidencian as súas carencias estruturais.

Sen disimulo ningún, o que os EUA queren é dobregar a toda costa o poder económico e conter o incremento da influencia internacional da China. O complexo militar-industrial teno claro. Evidenciouno con toda clareza o vicepresidente M. Pence no Instituto Hudson o pasado outubro: “no Oriente está o noso grande rival estratéxico”.

Por iso isto vai de comercio e de tecnoloxía, pero non só. Vamos a asistir nos próximos anos a unha intensificación da competencia entre os dous países que afectará a todos os dominios, tamén no eido da defensa. Estámolo vendo. O que pretende EUA é preservar a súa hexemonía exercendo a máxima presión para mudar o modelo económico-estrutural da China e conseguintemente tamén o político, pasando a situar o xigante chinés nas súas redes de dependencia.

As vulnerabilidades da China non son poucas, xa for no económico, social ou político, pero ten ao seu favor unha conciencia histórico-nacional compartida que hoxe convida a non baixar a cerviz apoiándose na escala das súas dimensións e na fortaleza da súa economía. A xestión das reaccións tanto pode levala de volta a ocupar unha posición central no sistema global como tamén a derrapar estrepitosamente estragando os esforzos das últimas décadas. Acertar é cousa crucial. Ás portas de se cumpriren os 70 anos da República Popular, Beijing percibe unha oportunidade estratéxica para culminar o seu “socialismo tres delicias” (un país forte, estable e respectado). Xi Jinping alertou sobre tempos difíciles que están por vir, instando a prepararse para as complicacións... “Se un percorre 90 pasos de un camiño de 100, fáltalle a metade do camiño”, di un refrán chinés…

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais