Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
OPCh 7 de Febreiro de 2016 Ríos
Hebdomadario da Política Taiwanesa

Taiwan Hebdo 6-2016

Semana do 1 ao 7 de febreiro de 2016
dscn4520.jpg

1.      Informe

O novo primeiro ministro, Simon Chang, tomou posesión do cargo, en substitución de Mao Chi-kuo, quen presentou a súa dimisión irrevocable trala desfeita electoral do 16 de xaneiro. De 61 anos, Chang efectuou varios axustes no gabinete co propósito de asegurar unha transición estable nos días que faltan ata a investidura de Tsai Ing-wen o próximo 20 de Maio. O seu executivo elaborou unha lista de medidas políticas pendentes a implementar antes de dita data. 

O PDP mostrou o seu respecto pola decisión presidencial á espera de que o novo primeiro ministro limitásese a xestionar os asuntos correntes de xeito normal. Chang destacou que a actitude da nova maioría parlamentaria será determinante no proceso de mantemento do esforzo gobernamental. Entre os dosieres clave, a participación de Taiwan no BAII, lanzado en marzo de 2015 por Beijing e que recentemente entrou en funcionamento. Ademais, remitiu ao Parlamento 149 temas e proxectos a ser tratados, comprometéndose posteriormente a unha selección de prioridades. 

Simon Chang, que terá o período de exercicio como primeiro ministro máis curto da historia do seu partido, cumprimentou ao novo xefe do Yuan lexislativo, Su Jia-chyuan, quen obtivo na elección os apoios da súa propia formación, o PDP, e o Partido do Novo Poder, PNP, sumando un total de 74 votos. Desta forma, deu inicio a primeira transición de poder no ámbito parlamentario, coa saída do KMT. 

Su anunciou reformas no lexislativo, proscribindo enfaticamente as negociacións secretas durante o seu mandato. Anunciou que permitirá a entrada dos medios de comunicación para formular preguntas e habilitará os medios necesarios para que todas as sesións sexan transmitidas en directo por Internet. 

O vicepresidente do Parlamento, Tsai Chi-chang, suxeriu o adiamento dos proxectos que xeraran controversia (fusión dalgunhas empresas, reforma do ministerio de saúde e benestar e probablemente a lei de supervisión de acordos do Estreito, entre outros). Tsai tamén podería converterse no primeiro alto cargo da administración do PDP en visitar China continental. 


2. Observacións de contexto

* Nunha reunión anual de funcionarios centrais e locais responsables dos asuntos de Taiwan, Yu Zhengsheng, presidente da continental Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés, instou a mobilizarse para “conter a independencia de Taiwan”.

* Un programa de transbordos de voos con orixe e destino en China iniciou operacións en tres cidades do continente (Nanchang, Kunming e Chongqing). A estes pasaxeiros non se lles revisará nin selará os seus visados cando transiten por Taiwan cara a outros destinos. 

* Taipei autorizou o proxecto de investimento da empresa TSMC para a construción dunha fábrica de obleas electrónicas de 12 polgadas en Nanjing, cun investimento que ascende a US$3.000 millóns. É a primeira vez que unha compañía taiwanesa establecerá unha fábrica desta natureza e de propiedade absoluta en China continental.

* Membros da Alianza contra o Currículo Educativo esixiron ao goberno a retirada das emendas ao actual currículo educativo para a educación secundaria superior, pospoñendo a discusión sobre posibles cambios no sistema de educación obrigatoria de 12 anos. 

* Taiwan e Turquía subscribiron un acordo recíproco en materia de visados a fin de facilitar a súa expedición electrónica gratuíta.

* O goberno británico respondeu á petición en liña para que Reino Unido “recoñeza a Taiwan como país” que Londres atense á política dunha soa China.


3. Datos relevantes

* O terremoto sufrido no sur de Taiwan o día 6, de magnitude 6,4 na escala de Richter, causou varios mortos e numerosos feridos. 

* O crecemento en 2015 limitouse ao 0,85 por cento, inferior ao prognóstico oficial do 1,06 por cento. A caída das exportacións de bens e servizos influíu significativamente neste resultado.

* Taiwan mantense na 14ª posición no ranking mundial de países con maior liberdade económica da Fundación Heritage de EEUU. 

* Taipei clasificada por MasterCard Worldwide como a 11ª cidade favorita en Asia-Pacífico.

* Taiwan quedou situado en quinto lugar no Índice de Risco Soberano de BlackRock, subindo un chanzo en 2015 con respecto ao ano anterior.

* O número de voluntarios taiwaneses ascende a 920.000, segundo fontes oficiais. 

* Unha enquisa revelou que o 62 por cento dos taiwaneses concordaba coa recente visita do presidente Ma á illa Taiping.


4. Nomes relevantes

* Su Jia-Chyuan, ex ministro do Interior e secretario xeral do PDP, é o primeiro presidente do Yuan lexislativo que non pertence ao KMT nos últimos 68 anos. Trátase dun estreito aliado da presidenta electa Tsai Ing-wen. 

* Kin W. Moy, director do Instituto Americano en Taiwan, reuniuse co novo presidente do Yuan lexislativo.

* Andrew Hsia e o seu homólogo Zhang Zhijun felicitáronse o Ano Novo Lunar pola liña telefónica directa oficializada o 30 de decembro. Foi esta a primeira vez que ambos conversaron por esta vía desde o 16 de xaneiro. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais