Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
OPCh 6 de Novembro de 2016 Ríos
Hebdomadario da Política Taiwanesa

Taiwan Hebdo 44-2016

Semana do 31 de Outubro ao 6 de Novembro de 2016
hung_hsiu-chu_en_beijing.jpg

1. Informe

A líder do KMT, Hung Hsiu-chu, e o secretario xeral do PCCh, Xi Jinping, reuníronse en Beijing o 1 de novembro. Foi no transcurso da súa primeira viaxe a China continental como presidenta da formación nacionalista nun periplo de cinco días que tamén lle levou a Nanjing (onde visitou o Mausoleo de Sun Yat-sen). Hung encomiou a nova plataforma política do KMT, aprobada o pasado 4 de setembro, que incide no Consenso de 1992 e no logro de acordo de paz con Beijing. Aínda que os críticos acúsanlle de mover ao KMT máis cerca do concepto de “unha soa China, unha mesma interpretación”, Hung destacou que se centra na paz e que conta co apoio dunha ampla maioría da opinión pública. A visita de Hung, precedida de encontros similares protagonizados por Lien Chan, Wu Po-hsiung ou Eric Chu cos máximos líderes chineses, desde Jiang Zemin a Hu Jintao ou Xi Jinping, enmarcouse no foro interpartidario anual que se programa desde 2006, denominado este ano “Foro de Desenvolvemento Pacífico a través do Estreito”, organizado por primeira vez por grupos civís e cos respectivos partidos en segundo plano. Nel tratáronse asuntos relativos á economía ou a mocidade, cultura, sociedade, e política. Máis de 40 programas de intercambio foron anunciados na clausura. 

Xi trasladou a Hung unha proposta de seis puntos que destacan a importancia de adherirse ao Consenso de 1992, loitar contra a independencia e fomentar as interaccións a ambos os dous lados do Estreito a todos os niveis. Tamén se mostrou favorable a un acordo de paz con base no principio dunha Soa China. Recoñecendo a persistencia de “algúns desacordos políticos complicados”, dixo que poderían acharse soluciones si se actúa con “determinación e sinceridade”. Hung mostrouse partidaria de promover activamente a sistematización da paz no Estreito e terminar coa situación de “inimizade”. Xi dixo que ambos pertencían a “unha comunidade de destino compartido”.

Dado que a comunicación oficial con Taipei está suspendida desde o pasado maio trala asunción do PDP, a canle KMT-PCCh gaña en importancia relativa. No entanto, no concreto, a participación de atletas do continente na Universiada de Verán de 2017 en Taipei ou a actitude de Beijing en relación ao eco da asistencia de Taipei ao cume de APEC quedaron no beirado. Na reunión con Zhang Zhijun, o máximo responsable da Oficina de Asuntos de Taiwan explicou que resultaba difícil facer concesións ás oito cidades e condados cuxos líderes visitaron o continente en setembro para abrir novas expectativas de negocio e turismo á marxe do poder local baixo control do PDP. 

A Oficina Presidencial en Taipei recordou que o futuro das relacións a través do Estreito pasa por profundar no sistema democrático e crear unhas relacións estables e pacíficas. Varios medios taiwaneses foron vetados na cobertura dalgúns eventos da viaxe, en especial o encontro Hung-Xi por “falta de espazo suficiente”. Unha persoa sería detida en Nanjing por amosar unha ensina da República de China. 

As interpretacións da oposición abundan no intento do KMT de buscar unha alianza co PCCh para illar ao PDP. Dalgún xeito, o novo clima bilateral debería servir para poñer ao KMT de volta ao poder en catro ou oito anos. Os críticos recordan que se trata dun diálogo bipartidario e que Beijing está apostando por unha “causa perdida” si pensa que facer aparecer ao KMT como o único competente para negociar co PCCh facilitaralle o obxectivo final da unificación. 

2. Observacións de contexto.

* Taiwan e Xapón mantiveron o seu primeiro encontro do mecanismo de diálogo e cooperación sobre asuntos marítimos na capital nipona. A cooperación pesqueira, o rescate en alta mar e a investigación científica formaron parte da axenda. Tamén o dereito de pesca en Okinotori dos barcos de Taiwan. Non houbo acordo neste punto. Tampouco se confirmou a expectativa de que o goberno faría concesións na entrada de artigos procedentes das prefecturas afectadas polo desastre nuclear de Fukushima a cambio de obter aqueles dereitos. A avaliación de riscos prosegue o seu curso. 

* A Oficina Presidencial ratificou que non se opón ao diálogo de China continental co Vaticano, “baseado nos principios de liberdade relixiosa e de respecto aos dereitos humanos”. Segundo The Wall Street Journal, nos últimos meses déronse pasos cara a adiante moi importantes para poñer fin a un distanciamento que dura máis de 60 anos. 

* Exteriores confirmou que Taiwan non participará na Asemblea de Interpol. As autoridades de Taipei reclamaron unha vez máis a Beijing que non bloquee internacionalmente á illa.

* Un grupo de estudantes asaltou as oficinas centrais do PDP para protestar contra as emendas introducidas na nova lexislación laboral que reduce o número de festas nacionais de 19 a 12 para implementar unha semana de 40 horas. 

* Os deputados do KMT protestaron no Yuan Lexislativo polos intentos do PDP de restrinxir a axenda de debate aos proxectos que contan co seu exclusivo aval, acusándolle de non respectar á oposición. O Partido do Novo Poder uniuse á protesta.

3. Datos relevantes

* Segundo estimacións oficiais, Taiwan podería alcanzar en 2016 un crecemento do PIB non inferior ao 1 por cento. 

* O índice de xerentes de compras para o sector manufactureiro diminuíu en outubro dous puntos en relación a setembro, situándose en 54,5. 

* Taiwan obtivo 44 medallas na feira de invencións de Núremberg, Alemaña. 

* O número de turistas estranxeiros aumentou nos nove primeiros meses do ano un 4,8 por cento malia a baixa do turismo continental chinés desde a primavera. Esa redución compensouse cun aumento dos visitantes de Corea do Sur, Xapón e do Sueste asiático. 

4. Nomes relevantes

* O ex presidente Chen Shui-bian viu aprobada a petición para estender a súa liberdade condicional por razóns médicas. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais