Distribuir

Distribuir contido
OPCh 10 de Xullo de 2016 Ríos
Hebdomadario da Política Taiwanesa

Taiwan Hebdo 27-2016

Semana do 4 ao 10 de Xullo de 2016
taiwan_2010_132.jpg

1.      Informe

O lanzamento por erro dun mísil supersónico antibuque Hsiung Feng III foi cualificado pola presidenta Tsai Ing-wen como “imperdoable” e podería ter consecuencias, primeiro, no Ministerio de Defensa, a cuxos responsables a mandataria instou a facer “exame de conciencia”. Trátase da crise máis grave que a Presidenta ha ter que enfrontar desde a asunción do cargo. 

O incidente súmase á divulgación a finais de xuño dun vídeo no que un grupo de soldados tortura a un can ata darlle morte, provocando a indignación da opinión pública. A presidenta avanza reformas e reclama unha mellor integración do exército coa sociedade. Investígase igualmente unha posible fuga de información. 

O mísil alcanzou a zona das illas Penghu e provocou a morte dun capitán de pesca e tres feridos. Reunido de urxencia, o Consello de Seguridade Nacional ultimou a información aos países veciños e a China continental. Aínda caendo a certa distancia de Xiamen, na provincia de Fujian, a súa traxectoria foi orientada nesa dirección. O suceso coincidiu co 95 aniversario da fundación do Partido Comunista de China. 

O mísil Hsiung Feng III é un arma sofisticada, dotada de múltiples dispositivos de seguridade. O sucedido revela a insuficiencia das medidas de control na cadea de mando poñendo de manifesto deficiencias graves. A maiores, transmite a sensación de que as forzas militares de Taiwan están mal adestradas e mal dirixidas, todo o cal dana a súa reputación. 

O director da continental Oficina de Asuntos de Taiwan, Zhang Zhijun, alertou da “severa influencia” do disparo, advertindo a continuación que “as autoridades taiwanesas informaron do acontecemento a un terceiro país”. Á vista do ocorrido, Beijing dispón de argumentos para aumentar as operacións de control e vixilancia integral da totalidade do Estreito, incluíndo as augas controladas por Taiwan. Igualmente, podería aumentar o despregue militar en certas zonas para mellorar a súa capacidade de resposta a un ataque por sorpresa, concedendo prioridade aos sistemas de alta precisión, postos de observación, radares e operacións de recoñecemento. En suma, para xustificar certos movementos que noutras circunstancias provocarían gran contestación. Todo iso engadirá máis presión política sobre Tsai Ing-wen.

O taiwanés Consello para os Asuntos de China Continental significou a importancia de manter aberta a comunicación entre as dúas beiras para evitar malas interpretacións. Algúns rumores apuntan a que Beijing podería suspender as visitas turísticas desde o 24 de xullo como consecuencia deste episodio.

Tralo incidente, EUA reafirmou a cooperación bilateral en defensa.

A neglixencia supón un grave desafío á seguridade rexional, sobre todo nun momento como o actual con graves tensións na zona e a ausencia de marcos de seguridade estables. 

2. Observacións de contexto.

* A explosión rexistrada nun tren de proximidade en Taipei desatou o temor a un ataque terrorista, desmentido polas autoridades. Non houbo falecidos, aínda que si 25 feridos, cinco deles graves.

* Persiste o bloqueo do Yuan de Control despois do rexeitamento, en xullo de 2014, de 11 dos candidatos nomeados para cubrir vacantes. O PDP é partidario da abolición deste poder (como tamén do Yuan de Exames), pero esixiría modificar a Constitución. 

* A presidenta do KMT, Hung Hsiu-chu, pediu calma no debate sobre a redución dos activos do seu partido. O seu grupo parlamentario apoia maioritariamente a idea de reducilos a cero.

* Taipei acolleu favorablemente o apoio do Parlamento Europeo á firma dun acordo bilateral de investimentos con Taiwan.

* Ante o inminente pronunciamento da Corte Permanente de Arbitraxe da Haia a propósito da disputa entre Filipinas e China continental sobre o Mar de China meridional, a Presidenta taiwanesa anunciou unha avaliación da sentenza sen aventurar nada antes de coñecer o seu contido. Cóntase con que o fallo eleve de novo as tensións na zona. Taipei reitera a súa soberanía sobre a illa Taiping, tamén reclamada por Beijing, Manila e Hanoi. 

* O ministro de Relacións Exteriores, David Lee, informou que a situación dos 22 aliados diplomáticos de Taiwan non é completamente estable. Entre agosto e setembro espera visitar aos aliados de Latinoamérica e África. As relacións con Santo Tomé e Príncipe seguen en estado de observación (o 17 de Xullo haberá eleccións no país). Con Burkina Faso e Swazilandia serían estables. 

* O Senado e a Cámara de Representantes de EUA requiriron a formalización por escrito das Seis Garantías ofrecidas en 1982 polo entón presidente Ronald Reagan para reforzar aínda máis o apoio a Taiwan. Beijing instou a Washington a que deixe de enviar sinais equivocados ás forzas que apoian a independencia de Taiwan.

* O analista Michael O’Hanlon, da Brookings Institution, advertiu nun artigo do perigo que representaría para Taiwan o triunfo do candidato republicano á Casa Branca, Donald Trump. Para O’Hanlon, podería empuxar a Taipei a procurar en segredo o arma nuclear e incrementaría o risco de guerra no Estreito. Ata a data, Trump non mencionou a Taiwan nos seus discursos e as súas políticas cara a Asia “están en fase de perfeccionamento”, dixo un portavoz da súa campaña. 

* Tras garantir a seguridade alimentaria, Taipei autorizou a importancia de carne vacún de Canadá confiando en que esta medida facilite o fortalecemento das relacións bilaterais. 

3. Datos relevantes

* A xira da presidenta Tsai Ing-wen por Panamá e Paraguai custou 2,79 millóns de dólares. A presidenta non realizará máis visitas ao estranxeiro este ano debido á escaseza de fondos para este cometido, segundo anunciou o ministro de Relacións Exteriores, David Lee. 

* O volume total do comercio bilateral Taiwan-UE ascendeu en 2015 a 46.000 millóns de dólares. Taiwan é o sétimo socio comercial da UE en Asia e a UE é o quinto maior socio comercial de Taiwan. Os investimentos comunitarios en Taiwan ascenderon a 37.000 millóns de dólares ata finais de maio deste ano. 

* Menos turistas chineses visitaron Taiwan en xuño. Si en maio caeu un 12 por cento, en xuño fíxoo un 15 por cento. Nalgunhas zonas como o condado de Nantou (Sun Moon Lake), a caída foi do 30 por cento. 

4. Nomes relevantes

* O ex vicepresidente Wu Dean-yih perfílase como posible candidato á presidencia do KMT o ano próximo.

* Yu Zhengsheng, presidente da CCPPCh, instou aos medios de comunicación de ambos lados do Estreito de Taiwan a soster máis intercambios e cooperación.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais