Distribuir

Distribuir contido
Praza 16 de Setembro de 2013 Ríos

Sen pena nin gloria

Van oito décadas da participación de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas (Berna, 16 a 18 de setembro de 1933). Unha vez mais, teriamos a oportunidade de celebrar e reflexionar a importancia dun feito que o galeguismo de entón soubo interpretar adecuadamente, como igualmente os límites daquel espazo institucional vítima das tensións e tendencias da época. Pero o realmente importante foi que nun organismo recoñecido pola propia Sociedade das Nacións como foro das nacionalidades minoritarias de Europa, unha axencia especializada diriamos hoxe, Galicia asentou por dereito propio, recoñecéndose a súa singularidade nacional, o valor da súa lingua e a súa cultura e o seu dereito ao autogoberno.

Na posguerra, cando non se negou, foi descafeinado e presentado como unha xuntanza de intelectuais europeos desprovista de significado político algún. Soamente a través da memoria do galeguismo supervivente chegamos a calibrar o valor daquel feito, inmortalizado para sempre nos xornais da época como tamén, e sobre todo, pola alusión de Castelao no Sempre en Galiza, reflectindo con rigor o alcance do logrado polo galeguismo pero laiándose a seguir do illamento do país, da incapacidade para acadar un eco internacional ás súas demandas, unha variable que se daquela era importante, que podemos dicir hoxe!.

Como sinalou Plácido Castro, calquera que sexa o réxime no que Galicia viva, para sempre quedará recoñecida como unha nación. Isto non é opinable, por mais que poidamos discutir se diso se deriva unha arela de signo arredista ou autonomista, as dúas lexítimas. Magoa é que as xeracións posteriores non lle dean o valor que merece, nin ao propio Plácido, abondoso en valores mais aló do caso, nin ao feito en si da participación galega naquel congreso, sobre todo agora que tan doado é promover unha universalización ata low cost, se me apuran.

A data que recordamos debera formar parte da axenda política galega. Como o 10 de marzo, o 17 de Maio, o 28 de Xuño, o 25 de Xullo, o 17 de Agosto ... Unha sociedade normal aproveitaría a conmemoración para debater sobre o asunto, animar aos novos historiadores a afondar no feito, promovería actos cívicos de exaltación que puxeran no seu sitio as figuras que colaboraron para o éxito daquela iniciativa. Todas as enerxías se nos van noutras cousas, non menos importantes claro. Pero iso non quita o incomprensible valado que os galegos e galegas de hoxe, nomeadamente no universo galeguista, mantén erguido sobre un acontecemento histórico trascendental que nos situou politicamente no continente.

Galicia, que é mais ca unha empresa, debe mirar cara dentro pero tamén cara fóra, sacudirnos ese sentimento de incapacidade que nutre a nosa escasa ambición internacional, especialmente grave no caso daquel nacionalismo que se sinta continuador da vella causa e que leva anos desertando estruturalmente da propia responsabilidade. 

O mundo é parte hai tempo da nosa propia realidade. Aínda dispondo de tímidas ferramentas para propiciar estratexias de inserción global, podemos actuar nel de forma totalmente vertebrada, non a impulsos, con visión de alcance, con comprensión do tempo que vivimos. Non nos conformemos coas lecturas tantas veces ideoloxizadas que nos constriñen, en exceso, e sumemos vontades, abramos espazos de presenza, librémonos deses candados e sexamos nós en Europa e no mundo. Onde debemos estar.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais