Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
ECO 1 de Novembro de 2010 Ríos

Seguridade alimentaria

A produción mundial de alimentos aproximase aos dous mil millóns de toneladas ao ano. Case a metade dese volume provén dos países desenvolvidos. A poboación, mentres, aumenta un 1,3 por cento anual por termo medio e boa parte do crecemento demográfico rexistrase nas nacións en vías de desenvolvemento. Este incremento desequilibrado leva aparellado un desequilibrio estrutural na distribución e consumo de alimentos.

Nos últimos anos, o inventario mundial de alimentos estivo moitas veces por debaixo do ratio de seguridade, fixado entre o 17 e o 18 por cento. A produción e o subministro de alimentos están por detrás da crecente demanda. E pese a que a ONU estableceu en 2000 a meta de reducir á metade o número de persoas que padecen fame no mundo de cara a 2015, este non para de medrar. No 2000, 800 millóns de persoas pasaban fame. O número elevouse a 923 millóns e 1.000 millóns en 2007 e 2009, respectivamente. Unhas cifras totalmente inaceptables. A fame segue a ser a maior traxedia e escándalo mundial.

Ademais da presión demográfica, a escaseza da auga e terra, o cambio climático e a crise financeira son factores que inflúen. A volatilidade dos prezos do gran, por outra banda, supón unha seria ameaza para a seguridade alimentaria. Os prezos do trigo (en parte pola prohibición temporal de exportacións de Rusia, terceiro maior exportador mundial deste produto) subiron entre un 60-80 por cento desde o pasado mes de xullo, mentres que os do millo aumentaron un 40 por cento, facendo recordar a crise alimentaria global de 2008. En moitos casos, a inflación do prezo está relacionada coa especulación nos mercados de futuros. Estes fondos tiran proveito das malas condicións meteorolóxicas, os incendios ou a falta de cereais, esaxerando os prezos.

A seguridade alimentaria salienta o dereito de todas as persoas a accederen a alimentos suficientes, seguros e nutritivos que satisfagan as súas necesidades dietéticas e preferencias alimentarias para levar unha vida activa e san. Hoxe xa non é un problema só de volume e estabilidade nos subministros, ou de contrarrestar as flutuacións da produción e os prezos. Mais alá de preservar todos eses equilibrios, a cuestión central segue sendo a protección das condicións de vida dos seres humanos, especialmente neses 77 países de renda baixa e déficit alimentario, nos que cada seis segundos, segundo fontes da FAO, segue morrendo un neno por problemas relacionados coa desnutrición.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais