Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Revista ZETA (Venezuela) 5 de Xuño de 2018 Mansilla Blanco

Rusia ante o cumio Trump-Kim

Kim Jong un e Serguéi Lavrov durante a xuntanza en Pyongyang. Foto: Prensa Latina

A súbita visita do ministro ruso de Exteriores Serguéi Lavrov ao líder norcoreano Kim Jong un,  que provocou un inmediato malestar en Washington, confirma os intereses de Moscova,  sen esquecer por suposto a China, dentro do xadrez estratéxico  establecido na península coreana, en plena efervescencia mundial ante o cumio entre Kim e Donald Trump previsto para a próxima semana.

Rusia non se quedou de brazos cruzados ante as expectativas sobre  o histórico cumio entre o presidente estadounidense Donald Trump e o líder norcoreano Kim Jong un. Este cumio, en principio previsto para o próximo 12 de xuño en Singapur, viuse en varias ocasións afectado por rumores da súa seu posible cancelación. Toda vez, a Casa Branca asegura a veracidade sobre a realización da mesma.

Ante estas expectativas, o presidente ruso Vladimir Putin non perdeu o tempo á hora de tentar contrarrestar un histórico cumio que podería trastornar o equilibrio  nuclear a nivel global e, colateralmente, os intereses xeopolíticos rusos nunha contorna tan estratéxica como a península coreana, o norte de Asia e ata a área de Asia-Pacífico.

O pasado 1º de xuño, mentres unha boa parte da atención internacional estaba enfocada nas consecuencias do cambio de goberno en España trala moción de censura impulsada polo agora presidente de goberno Pedro Sánchez, o Kremlin tomou a iniciativa nun terreo diametralmente oposto: Corea do Norte e o equilibrio estratéxico na península coreana, na área de Asia-Pacífico e de cara ao espiñento tema da proliferación nuclear.

Un cumio inesperado

Neste sentido, o ministro ruso de Exteriores Serguéi Lavrov viaxou sorprendentemente a Pyongyang,  capital norcoreana, nunha súbita e imprevista visita aos ollos  occidentais pero cuxo mensaxe semella claro: a unha semana do cumio Trump-Kim, Moscova obviamente non se quedará de brazos cruzados e busca exercer presión para fortalecer os seus intereses.

Por iso, o “mini-cumio” Lavrov-Kim parecía unha especie de réplica en versión rusa dun eventual cumio Putin-Kim que contrarrestara a xuntanza da próxima semana en Singapur entre o presidente Trump e o seu homólogo norcoreano. Debe tomarse en conta que, aínda que Moscova foi un aliado estratéxico de Corea do Norte desde tempos da URSS e da “guerra fría”, as súasrelacións con Pyongyang foron intermitentes, tacticamente establecidas pero menos profundas que as que mantivo o réxime norcoreano con China, por exemplo.

En Pyongyang, Lavrov e Kim coincidiron na necesidade de manter a diplomacia de disuasión como ferramenta para garantir o equilibrio militar e nuclear na península coreana. Isto semella consolidar a posición de Moscova de manter o seu status como membro estratéxico do denominado “Grupo dos Seis” que, desde 2003 vén exercendo a súa influencia á hora de establecer unha balanza estratéxica dentro do conflito na  península coreana. Este grupo está conformado por Rusia, China, EUA, as dúas Coreas e Xapón.

Precisamente, Moscova interpreta que o previsto cumio Trump-Kim busca sepultar este Grupo dos Seis do mesmo xeito como o presidente  estadounidense sepultou en maio pasado o acordo nuclear con Irán estipulado desde 2015 a través do G5+1, do cal Rusia é membro chave. Por tanto, Putin non ía permitir esta súbita alteración do equilibrio na península coreana a través do cumio Trump-Kim, que desprazase a Rusia do centro de gravidade de decisión.

Paralelamente, Lavrov e Kim expresaron os respectivos puntos de coincidencia entre Moscova e Pyongyang en aspectos xa coñecidos, en particular a compracencia norcoreana polos esforzos de Putin en aras de fortalecer a multipolaridade para contrarrestar a hexemonía estadounidense, así como o compromiso  do Kremlin ante as expectativas de “desnuclearización” da península coreana.

Lavrov aproveitou a súa estancia en Pyongyang para estender unha invitación a Kim a Rusia, que moi probablemente podería materializarse o próximo mes de setembro na cidade de Vladivostok, ao extremo oriente ruso, con motivo do Foro Económico do Leste que organiza Rusia coa finalidade de atraer investimentos do área de Asia-Pacífico.

Paralelamente, neste xogo de influencias e balanzas de poder motivadas polo cumio Trump-Kim, medran os rumores sobre unha inesperada visita do líder norcoreano á localidade chinesa de Qingdao, no marco do 18º Foro de Cooperación de Xangai, (OCX), a celebrarse o próximo 9 e 10 de xuño, previamente ao encontro con Trump en Singapur. Neste foro tamén estarán Putin e o anfitrión presidente chinés Xi Jinping. Este cumio de Qingdao formalizará o ingreso de India e Paquistán á OCX.

Para Kim, a visita de Lavrov supón un punto a favor que lle permite romper o tradicional illamento internacional de Pyongyang, fortalecendo así as expectativas rusas así como as da veciña China, a verdadeira peza chave que manexa con destreza os fíos xeopolíticos que se moven na hermética Corea do Norte.

Pero o interese no ambiente deste cumio Lavrov-Kim estaba claramente orientado nas expectativas cara ao gran cumio entre Trump e Kim da próxima semana. Con iso, Moscova e Pyongyang trazaron liñas comúns de actuación tendentes a manter fixos os seus intereses, evitando que a iniciativa de Trump no histórico cumio con Kim termine alterando o equilibrio na península coreana, afectando así a capacidade de manobra dos outros dous grandes actores: China e Rusia.

De todos os xeitos, a aposta estratéxica da xuntanza entre Lavrov e Kim semella estar enfocada no  cumio Trump-Kim, cuxa aparente definición en canto a data e lugar semella disipar levemente as dúbidas en torno á súa realización.

Previo a este cumio e durante a vista de Lavrov, o réxime norcoreano realizou unha inesperada renovación (con síntomas de purga) no seu principal estamento de poder, o sector  militar. Amparado nun relevo xeracional, varios estamentos das forzas  armadas foron renovados co ascenso de cadros de oficiais menos proclives á política de tensión e enfrontamento con Washington.

Esta renovación na cúpula militar norcoreana non é un asunto de escasa importancia. Podería presaxiar as presuntas intencións do réxime de Kim de rodearse de fieis máis moderados, aparentemente comprometidos cunha apertura cara ao exterior, neste caso cara EUA e Corea do Sur.  Segundo diversos analistas expertos na política norcoreana, Kim semella  asestar unha purga para desprazar do centro de poder a militares veteranos  que forman parte da “liña dura” con respecto a Washington e contrarios ao  proceso de “desnuclearización” que Kim aparentemente pretende levar a cabo.

Pero este cambio tamén pode intuír a intención de Kim de asegurarse o apoio de altos mandos militares afectos, ante calquera eventualidade de crise ou tensión interna dentro do poderoso Estado Maior do Exército Popular de Corea do Norte. Isto ten particular incidencia ante a posibilidade de rebelión de elementos discordantes con estes tímidos pero non menos relevantes signos de apertura exterior. E que mellor momento de asestar este cambio previo ao expectante cume con Trump.

O Kremlin ata os seus intereses con Europa e China

Para completar este terreo de intereses e expectativas, Putin veu trazando decididamente unha serie de tácticas xuntanzas en Rusia nas últimas semanas, nas que recibiu en Sochi á chanceler alemá Ánxela Merkel e en San Petersburgo ao presidente francés Emmanuel Macron.

As visitas de Merkel e Macron, realizadas entre o 18 e o 25 de maio respectivamente, son estratéxicas para as relacións ruso-europeas, nun  momento en que Trump rompeu toda serie de acordos arancelarios e comerciais coa Unión Europea, que arrefriaron seriamente as relacións transatlánticas. Nesta conxuntura, o eixe motor da Unión Europea trazado historicamente por Berlín e París decidiu tomar “o camiño de Moscova”? como elemento disuasivo contra Washington.

Un tema chave dominou as conversas nas respectivas visitas de Merkel e Macron a Putin en Rusia: a necesidade de manter en vigor o acordo nuclear con Irán, xa sen EUA, por parte do G5+1, onde Francia, Alemaña, Rusia e China teñen un papel decisivo e estratéxico, moito maior ante a decisión de Trump de sepultar o acordo nuclear con Teherán.

O outro tema ten que ver cos acordos de subministro de gas natural, do cal Rusia é  o principal exportador cara Europa. Neste sentido, a voz cantante levouna Merkel no sentido de apreciar a necesidade de reconducir as relacións con Moscova cara mellores escenarios que progresivamente poidan desactivar gran parte das sancións occidentais contra Rusia vixentes desde a crise de Crimea de 2014.

Posterior á súa visita a Moscova, Merkel dirixiuse a Beijing para fortalecer as relacións coa China de Xi Jinping. Mentres Merkel estaba na capital chinesa, o presidente francés Macron visitaba San Petersburgo nunha renovación das relacións franco-rusas onde China tamén ten cabida, en palabras de Macron.

En perspectiva xeopolítica global, as visitas de Merkel e Macron a Putin e Xi Jinping poderían presaxiar que Europa comeza a apostar estratégicamente  coa alianza ruso-chinesa a fin de contrarrestar o nivel de desconfianza e de crise existente na relación transatlántica con EUA nos turbulentos tempos da presidencia de Trump.

Para pechar estratexicamente este círculo de alianzas internacionais previas ao cumio Trump-Kim, Putin ten pautado proximamente, aínda sen data a confirmar, unha visita a China que fortalecerá ao máis alto nivel a excelente relación estratéxica entre Rusia e China, claramente formalizada na construción dun sistema multipolar que permita contrarrestar a cada vez máis contestada hexemonía estadounidense.

O proxecto estratéxico de integración plasmado na proposta chinesa da Ruta da Seda, tanto por vía terrestre por Asia Central como por vía  marítima desde o sueste asiático ata a costa oriental africana, o Mediterráneo a través do Mar Vermello e o Atlántico, achegará aínda máis a Moscova e Beijing na definición de novas esferas xeopolíticas de influencia.

India tamén busca o seu lugar

Toda vez, mentres a atención mundial cífrase no enigmático cumio Trump-Kim e Moscova busca asegurar as súas pezas estratéxicas, outro actor xeopolítico de relevancia marcaba con maior discreción as súas pautas de actuación no sueste  asiático: India.

Mentres Lavrov visitaba Pyongyang, o presidente indio Narendra Modi participaba no cumio de seguridade do denominado Diálogo Shangri-La realizada precisamente en Singapur, sé do cumio Trump-Kim. Con iso, trazando diversas perspectivas, Modi tamén “subíase ao carro” dos cumios rexionais colaterais, sendo estas as de Lavrov e Trump co líder norcoreano, pero tamén para contribuír coa construción dunha nova orde estratéxica e de equilibrio na área de Indo-Pacífico.

Ademais, Modi realizou unha xira rexional por Indonesia e Malaisia con visos de establecer esferas de influencia xeopolítica para Nova Delhi ante o seu propio proxecto de modernización denominado “a Nova India”, máis modesto e con menos impacto pero estratexicamente con certa similitude ao “soño chinés” de Xi Jinping a través das Rutas da Seda.

India segue mantendo a súa tradicional posición de independencia e de “non aliñamento” ante as alianzas xeopolíticas globais, particularmente trazadas por EUA, China e Rusia.

A xeopolítica de Modi busca o pragmatismo pero sen menoscabar os intereses e pretensións indias por situarse como un actor pivote ante os cambios no sistema internacional. Busca así un equilibrio que non afecte a súa posición ante a evidente troika global de intereses compatibles e contrapostos establecido entre Washington, Beijing e Moscova.

Por tanto, o hinterland indio de actuación en canto a esferas de influencia xeopolítica móvese principalmente polo sueste asiático, escenarios onde China e EUA teñen intereses moi marcados e polo xeral contrapostos.

O Mundial entra en xogo

Outros acontecementos colaterais gravitan en torno ao cumio Trump-Kim e que non son menosprezados por Putin. O próximo 14 de xuño dará comezo ao Mundial de fútbol en Rusia, dous días despois do pautado cumio Trump-Kim.

O partido inaugural do Mundial será entre Rusia e Arabia Saudita, precisamente dous países que viñeron achegándose recentemente en materia enerxética e xeopolítica, dentro da estratexia de Putin por ampliar as súas esferas de influencia internacionais orientadas a socavar a hexemonía estadounidense. Riad tamén é un tradicional aliado estadounidense en Oriente Próximo e, con Trump na presidencia, ven fortalecendo esta relación con Washington do mesmo xeito que o Estado de Israel.

Para Putin, o Mundial é un escaparate estratéxico orientado a dar a coñecer ante o mundo a imaxe dunha Rusia moderna e acolledora, distante dos receos occidentais sobre a suposta ameaza rusa e a presunta penetración do Kremlin en escenarios específicos que tensan as súas relacións con Occidente, dende Ucraína ata o Brexit, Cataluña e América Latina a través de Venezuela.

Aínda que Putin non é precisamente un gran afeccionado ao fútbol (todos coñecen os seus preferencias polo Hockey sobre xeo), o Kremlin non desperdiciará a oportunidade que se lle presenta co Mundial de fútbol para fomentar unha imaxe máis beneficiosa.

A presenza das principais estrelas futbolísticas, como Cristiano Ronaldo e Messi, é un atractivo que fortalecerá as expectativas do Kremlin por asegurar unha organización impecable. Pendentes dos aspectos relativos á seguridade nacional, particularmente ante os temores de posibles atentados xihadistas,  Rusia aproveita todas as súas cartas na mesa para contrarrestar a atención mundial derivada do histórico cumio entre Trump e Kim.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais