Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 4 de Xaneiro de 2013 Ríos

Regreso á Toca

Cabodano de Fernando Pérez-Barreiro Nolla

Aqueles que tivemos a sorte de tratar a Fernando Pérez-Barreiro Nolla, falecido tal día como hoxe hai tres anos, marabillábanos o entusiasmo con que falaba da Toca, ese lugar hoxe medio oculto entre Ferrol e As Pontes, preto de Igrexafeita e cara ao Forgoselo, partido pola autovía, xusto no punto mais alto dese treito da estrada que levaba a Asturias, unha terra, como el dicía, de espiñazo agreste entre os vales do Xuvia e os de Ferreira, Moeche, e outros que se espallaban ata a costa do Ortegal.

Confesaba Fernando o seu acomodo naquel mundo, pese a non ser un lugar de moda nin de veraneo. Aló pasaba os meses de calor, entre penedos de granito e facendo por integrarse na vida da aldea, conxeniando cos residentes e participando nos labores e entretementos de maiores e rapaces, dende a malla ata lindar coas vacas. Na Pena do Cortello atopaba o sosego para gozar do horizonte e o silencio.

Velaí unhas das maiores calidades do Fernando, esa inmensa capacidade de adaptación ás circunstancias, procurando gozar de cada tempo e situación, sen elitismos e sen perder nunca o contacto coa realidade pero sen tampouco deixarse levar por ela. A Toca, coas súas catro casas aínda hoxe, podía converterse, pese ao seu afastamento, ou quizais por iso, nun lugar de enredo e ata de ledicia onde satisfacer esa curiosidade innata que sempre o animaba a explorar todo canto chegaba ás súas mans. Seguro que esa memoria dos anos mozos selou igualmente a súa querenza polas montañas, que tanto puido desenvolver posteriormente, sobre todo, nas súas reiteradas camiñadas alpinas.

Tres anos despois do seu repentino falecemento, Fernando e a súa memoria pairan entre nós como aqueles buxatos que admiraba na Toca, xeneroso como era con todo aquilo que reflectía a mesma vida da que sentíase parte, como actor  e como transformador. Ese espírito é o seu maior legado e cabe a aqueles que o coñecemos alentar a difusión da súa traxectoria, da súa obra, do seu pensamento, tan tristemente ignorados na Galicia  contemporánea, allea á significación de quen foi un dos seus máis comprometidos servidores.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais