Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
ECO 1 de Agosto de 2011 Ríos

Que foi dos ODM?

Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) foron fixados pola ONU en 1990 e sinalan metas concretas que deberían acadarse en 2015. Preto da finalización do prazo, ¿hai avances? A porcentaxe de persoas que viven en situación de pobreza extrema diminuíu ao 26 por cento, o que supón ter pasado de 1.900 a 1.400 millóns de persoas nesa situación. O obxectivo é que esta porcentaxe chegue ao 23 por cento en 2015 –a metade do 46 por cento, cifra de 1990-. Non obstante, se ben o número de persoas que viven en situación de pobreza diminuíu (pasou do 70 ao 48 por cento da poboación mundial), o número de pobres aumentou a 2.600 millóns de persoas. A redución da fame tampouco prosperou moito nos últimos anos, estancándose no 16 por cento da poboación mundial en 2006. Ademais, a crise alimentaria de 2008 e a conseguinte suba do prezo dos alimentos fixo que o obxectivo de reducir esta cifra ata o 10 por cento quede cada vez mais lonxe.

Outros datos reveladores. Melloraron os niveis en educación, que partían de moi abaixo, pero o obxectivo de lograr a educación universal en 2015 é unha ilusión. A taxa de mortalidade infantil nos países en vías de desenvolvemento en 2008 era de 72 por cada mil (en 1990 era de 100 por cada mil), polo que este indicador mellorou, pero aínda estamos lonxe dos obxectivos da ONU. Na África subsahariana a taxa é de 144 de cada mil e en termos absolutos aumentou desde os 4 millóns de 1990 aos 4,4 millóns de 2008.

Hai pois dúas tendencias: estase avanzando, pero as desigualdades seguen en marxes abismais e intolerables. Os avances tecnolóxicos e sanitarios das últimas décadas, así como a estabilización política dalgunhas rexións, permitiron melloras significativas en saúde e educación. Son avances desiguais, contrastando o empuxe de Asia co retroceso da África subsahariana, e non tan importantes como cabía esperar. Cos recursos e coñecementos con que contamos debiamos estar avanzando moito máis rápido na corrección dos desequilibrios. A maioría dos ODM están aínda moi lonxe do seu cumprimento, algo que tamén debería indignarnos. E coa crise, as expectativas son á baixa. Non é xusto que a poboación dos países máis pobres pague as consecuencias dunha crise orixinada nas grandes institucións financeiras dos países desenvolvidos. É un escándalo que se desvíen aos grandes bancos os fondos destinados a axuda ao desenvolvemento, mentres os seus directivos perciben desmesurados salarios e beneficios. Que foi da decencia?

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais