Distribuir

Distribuir contido
ECO 1 de Xullo de 2016 Ríos

Premios e castigos

asemblea_fondo_10102003_001.jpg

O Fondo Galego é unha rede de municipios cooperantes con case vinte anos de existencia. O seu modelo xurdiu con singularidades específicas en tempos en que tanto as redes como a cooperación eran pouco menos que extravagancias. O éxito da súa creación non é recoñecido aquí (con tantos premios para tantas cousas) pero si fóra: inspirou un fondo portugués e a experiencia conta con financiamento europeo para a súa divulgación en varios países, incluída a tan gabada Alemaña. Dende o seu inicio, esta rede do poder local cooperante alentou unha cooperación con sentido propio; por iso, cando case todo o mundo ignoraba os países africanos de expresión portuguesa, identificou aí unha especificidade a desenvolver. Tamén puxo en marcha iniciativas solidarias que alentaban a implicación dos funcionarios locais en proxectos de cooperación aos que dedicaban as súas vacacións. Pola súa representatividade, a Fegamp recoñécea como a axencia municipalista da cooperación internacional. E sempre remou a favor dunha estratexia converxente das diferentes administracións e do resto dos actores para evitar as dispersións e duplicidades.

Ven isto a conto do anuncio dun novo decreto da Xunta que pretende regulamentar a participación de funcionarios en misións humanitarias do seu persoal ao servizo. A Xunta non se propón abundar nun programa similar que hai dez anos puxo en marcha o Fondo pero si se ocupa de armar un conflito inaudito. En vez de avanzar no recoñecemento do Fondo Galego como un actor xenuíno da cooperación profunda na súa marxinación, que ven de vello (rexeitamento de Cabo Verde como país prioritario, negativa a incorporalo á comisión de atención aos refuxiados…), altera e modifica á baixa a súa representación nos órganos do sector co argumento de favorecer a da Fegamp, a requetesabendas de que esta delega no Fondo esta tarefa. A maiores, conculcando a autonomía local, pretende impoñer o informe previo e vinculante da Xunta aos proxectos de cooperación internacional impulsados polo poder local. Faino ademais sabendo que desde hai varios anos non pon un só euro para cofinanciar proxectos de cooperación liderados polos concellos e deputacións galegas. Aínda así, quere ter a derradeira palabra. 

Non hai ningunha razón administrativa que xustifique este proceder. Hai razóns políticas que teñen que ver co afán de castigar a quen non se controla de todo, a quen pensa diferente, a quen exhibe a súa independencia… por mais que actúe co mesmo rigor que en tempos pasados posibilitou unha andaina conxunta. Só cabe interpretar esta regulamentación como un intento mais de abafar toda experiencia de xestión local da cooperación internacional. ¿Admitiría a Xunta que o estado emitise informe previo e vinculante dos seus proxectos? Nun país normal, recoñeceríanse as boas prácticas e reforzaríanse as alianzas. Aquí, todas as enerxías vánsenos no contrario.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais