Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 21 de Setembro de 2017 VV.AA.

Políticas europeas de seguridade e contrarradicalización: unha revisión pendente

(Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC)
Fonte: Axencia Xinhua (China)

A natureza transnacional dos principais retos e ameazas actuais, cunha preponderancia da criminalidade organizada e do terrorismo, semella requirir a revisión e reformulación das vixentes estratexias de defensa europea. Dita revisión resulta especialmente significativa no relativo ao fenómeno xihadista, problemática de gran notoriedade, na que resulta necesaria unha adecuación e impulso das políticas de contrarradicalización, pois eríxense como ineludible ferramenta para a anticipación e prevención. 

A primacía e focalización en estratexias de securitización (indispensables, pero que non deben manter a exclusividade na loita contraterrorista), terminou por relegar a un plano subxacente outro tipo de iniciativas relativas ao ámbito publico/social, da ciberseguridade etc. Neste sentido, faise necesario un esforzo que abarque campos multidisciplinares, dende o desenvolvemento de programas e colaboración co escenario comunitario ata de homoxenización e adecuación de marcos teóricos comúns e efectivos (a fin de delimitar conceptos básicos como radicalización, extremismo ou extremismo violento), esencial para o deseño de respostas acordes coa realidade de cada fenómeno. 

De igual importancia resulta o impulso de medidas destinadas construír/fortalecer a ampla rede de seguridade multidimensional, mediante a optimización dos protocolos e canles de cooperación e coordinación entre as diversas axencias de intelixencia ou o aproveitamento das oportunidades que ofrecen os novos espazos  actuais.

Ante a complexidade do fenómeno a lidar, a súa natureza líquida e a súa continua flutuación por múltiples escenarios, parece necesario o mencionado esforzo multidisciplinar, que preste atención aos campos máis significativos para a configuración de políticas de contrarradicalización eficaces. Nas seguintes liñas adiantaremos algúns (que non os únicos) dos campos que revisten maior notoriedade.

A busca de marcos homoxéneos

Actualmente, diversos países da Unión Europea mostran plans estratéxicos cuxos marcos teóricos resultan heteroxéneos. Por exemplo, mentres que “en Dinamarca e o Reino Unido o extremismo (violento no caso inglés) é concibido coma unha filosofía de actuación a que un individuo se adscribe [...] no caso de Noruega esta sería a meta final dun proceso de radicalización”(1).

Esta situación dificulta enormemente o desenvolvemento de estratexias rexionais -algo esencial ante unha problemática transnacional- xa que, sen unhas pautas de actuación comúns, os diferentes niveis ou estadios sobre os que actuar (e como) mostran fronteiras difusas nas que resulta difícil discernir o método de resposta oportuno: securitización, ámbito civil etc.

Tendo presente a natureza do fenómeno, moi influído polas dinámicas e procesos globalizadores, debe fomentarse a busca dun relativo consenso a hora de deseñar uns marcos e indicadores comúns para a identificación de procesos de radicalización. Un consenso que, pola súa parte, debe estenderse mais aló do ámbito institucional, fomentando a colaboración – e aportando un esforzo multidisciplinar- “entre mundo académico, organizacións civís ou institucións privadas de seguridade; axudando a construír a infraestrutura, os contactos e o coñecemento necesario para implementar de forma exitosa este tipo de empresa”(2).

Impulso de estratexias público/sociais

A colaboración con organización civís e, especialmente, comunitarias, resulta un dos mellores e máis efectivos instrumentos para as labores de prevención, pois facilitan a identificación de cambios de conduta en determinados individuos (ao fin e ao cabo son as primeiras en percibir cambios de conduta no seu seo), os cales poidan ser susceptibles de presentar pautas de radicalización.

Paralelamente, a súa implicación nas estratexias de contrarradicalización supón un incremento nas posibilidades de illamento de condutas “subversivas”. A repulsa fehacente da comunidade cara actitudes extremistas e a tendencia a sinalalas, promulgando en contrapartida actitudes relacionadas coa defensa dos valores democráticos e dos dereitos humanos, supón un notorio lastre para a proliferación de ditos discursos e condutas, illándoos e, polo tanto, mitigando a capacidade de captación.

Sen embargo, esta inclusión dos organismos civís e comunitarios debe levar asociada unha promoción socioeconómica das zonas marxinais e unha profunda loita contra os procesos de “guettización”. Pese a que non se pode, nin moito menos, determinar un perfil único ou situalo en áreas deprimidas, pois a realidade móstranos como individuos de clase media/alta e cun nivel cultural relativamente alto foron susceptibles de radicalizarse; o abandono de ditas zonas e a falta de posibilidades de promoción conforman un caldo de cultivo óptimo para o calado dos discursos extremistas. Existen numerosos exemplos, dos que destacan os banlieus da periferia francesa, intimamente ligados as políticas asimilacionistas.

De igual modo, debe promoverse o diálogo intercomunitario e a costura das fracturas sociais imperantes, moi visibles novamente no escenario francés, a través do fomento do debate e integración intercultural. Reviste de gran importancia a hora de establecer un eixo de entendemento, coñecemento mutuo, tolerancia e respecto, pois resulta indispensable para evitar o ascenso e o calado de discursos extremistas.

Finalmente, dende as institucións educativas, penitenciarias e relixiosas, deben establecerse os mecanismos e procesos de formación oportunos para afrontar os discursos e actitudes susceptibles de radicalización, así como fomentar a coordinación coas institucións e outorgar fluidez aos canles de colaboración coas forzas e corpos de seguridade

Especialmente importante resulta o ámbito educativo, onde impera o deseño e desenvolvemento de políticas de fortalecemento democrático, mediante a formulación de discursos acorde cos valores e liberdades imperantes nas nosas sociedades, que fomenten e impulsen a cohesión dende o aspecto grupal. De igual modo, debe deseñarse e promulgarse unha contranarrativa eficaz, que amose a realidade espuria das alocucións vinculadas ao radicalismo.

De igual modo, no ámbito carcerario, parecen necesarios maiores esforzos para a correcta identificación de individuos radicalizados (sobre todo no referente as notificacións externas) e o establecemento de protocolos específicos para os funcionarios de prisións, a fin de evitar que estes individuos teñan acceso a grupos ou suxeitos susceptibles de caer nas súas redes de adoutrinamento.

Colaboración entre axencias de intelixencia: un impulso necesario

Pese ao avanzado nas últimas décadas, co impulso de organismos de contraterrorismo comunitarios, como o Terrorism, Radicalism, Extremism and Violence Internationally (TREVI) ou o Europen Counter Terrorism Center (ECTC), baixo a dirección da Oficina Europea de Policía (EUROPOL), a cal merece especial recoñecemento, pois concentrou a labor de loita contraterrorista no espazo europeo; continúan visualizándose numerosas fallas de comunicación entre diferentes axencias, onde as vellas reticencias e a falta de confianza parece no terse superado.

Tanto na relación entre as axencias dos diferentes estados da Unión, coma na dos Estados que contan co seu ámbito de intelixencia diversificado (Reino Unido ou Francia), resulta patente que a comunicación entre as diferentes organizacións reflectiu numerosas e notorias fallas. Ditas fallas abarcan vulnerabilidades de diversa índole: resultando comprometida a información estratéxica, fracasando os canles establecidos para a avaliación de ameazas ou denotando unha falta de fluidez (voluntaria ou involuntaria) nos fluxos de información entre servizos de intelixencia, sobre todo no referente aos avisos sobre individuos radicalizados e susceptibles de cometer ataques.

Polo tanto, préstase necesario un impulso significativo dos órganos establecidos para a loita conxunta e coordinada, sobre todo tendo en conta o sistema Schengen de libre circulación e o frecuente fluxo de actores implicados en actividade subversivas, sendo conscientes de que son orixinarios – en moitas ocasións- de barrios e cidades europeas. Do mesmo modo, os canles (internos e externos) de comunicación e avaliación mostran a necesidade de ser revisados e optimizados, en aras de non repetir fallas como as experimentadas en recentes atentados.

Novas escenario: o ciberespazo

Configura un novo e notorio reto a actual interconexión global das redes, o popularmente denominado “internet das cousas”, pois eríxese coma o espazo onde parece terse trasladado o combate ideolóxico, eixo esencial da mutación do fenómeno xihadista. En maior ou menor medida, terminou por conformar un espazo vital nas labores de captación e propaganda por parte das organizacións terroristas transnacionais, no que se desenvolven con especial soltura e que durante demasiado tempo resultou relativamente obviado.

Sen embargo, resultan interesantes certas ferramentas xurdidas neste mesmo espazo, reflectindo especial interese o auxe dos estudios sobre a aplicación do Big Data nas labores de intelixencia. Destacan as posibilidades que oferta a hora de identificar afinidades e declaracións públicas que poidan servir coma indicador de radicalización. Do mesmo xeito, tamén podería abrir a posibilidade de, unha vez identificadas e definidas ditas pautas, “exercer un reaprendizaxe cognitivo do individuo(3).Tamén resulta útil, a través do cruce destes metadatos, no establecemento de mapas de calor que indiquen zonas vulnerables ou susceptibles de ataques, o que coordinado coa monitorización de datos de GPS de individuos en risco, permítenos una rápida resposta.

Por contra, o uso xeneralizado destes recursos non está exento de certa controversia. A propiedade de ditos datos soe estar en mans de empresas privadas, suxeitas a unas normas de privacidade, polo que o seu fluxo e mercantilización pode vulnerar dereitos esenciais. Do mesmo modo, sen uns marcos teóricos claramente definidos, que establezan os estadios pertinentes para a actuación das forzas e corpos de seguridade, podería exercerse unha intromisión neglixente na privacidade e desenvolvemento humano das persoas afectadas.

Sen embargo, as dúbidas que poidan existir ao respecto no supoñen cuestións novas, senón que configuran a actualización e evolución do clásico debate entre seguridade/liberdade; actualización e evolución certamente necesaria que a súa vez debería estar presente na elaboración ou revisión das políticas de contraterrorismo e contrarradicalización.

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

Citas bibliográficas:

(1) CARBONELL, Elisenda A:.. “Contrarradicalización en la Unión Europea, Reino Unido, Holanda, Dinamarca y Noruega.” In: J. Antón Mellón (ed.) Islamismo yihadista: radicalización y contrarradicalización, Tirant Lo Blanc, Barcelona, 2015,  pp 228.

(2) MARRIN, Stephen:  “Improving Intelligence Studies as an Academic Discipline”, Intelligence and National Security 19/12 (2016) pp. 27.

(3) ABRAHAM FERNANDEZ, JESÚS: Algoritmos, las nuevas armas de ¿construcción? masiva” Documento de Opinión. Instituto Español de Estudios Estratégicos (IEEE). 19/01/2017 pp. 12.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais