Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
12 de Xullo de 2018 González Palau

Política global e sociedade civil nas Américas: Novas diplomacias en Arxentina e México.

Recensión sobre o libro e investigación de Antonio Alejo Jaime. CATARATA, Barcelona, 2017

Os libros e os manuais tradicionais de Relacións Internacionais, coma disciplina con corpus propio dentro do campo das Ciencias Sociais considéranse, no argot, estatocénticos, á hora de subliñar a lóxica das relacións entre os Estados, os procesos destas relacións e a xestión da cooperación ou o conflito entre eles.

Aínda que non cabe dúbida que os Estados e as súas competencias exclusivas, coma o control do territorio ou o monopolio da violencia, seguen a ser a fonte de poder primario das Relacións Internacionais (coma pode verse no caso catalán e as chamadas á non participación en asuntos internos por parte dos Estados europeos e mundiais) o mundo da globalización (económica, cultural, social, tecnolóxica...) modificou substancialmente o ecosistema e as regras de xogo nas relación entre Estados, grupos de interese, empresas...

O libro de Antonio Alejo achégase de raíz a este proceso de mutacións e transformacións da diplomacia tradicional; poñendo o foco no nacemento das novas diplomacias[1], neste caso as de tipo cidadán. Atopámonos coma actor central do libro, coma non pode ser doutra maneira ao falarmos de (para)diplomacia cidadá, un actor central e universal á hora de entender os procesos de transformación da diplomacia tradicional, o movemento ONG, que representan iconicamente no mundo occidental entidades coma Amnistía Internacional ou Greenpeace (impulsadas pola sociedade civil no mundo postsegunda guerra mundial, entre as olas de expansión democrática e a emerxencia dos novos movementos sociais). Con estes vimbios falamos  dun texto encadrado na lóxica dos novos temas e novas axendas das Relacións Internacionais, centrado na realidade contemporánea das Américas.

Tras un moi suxerente primeiro capítulo arredor das globalizacións coma marco teórico principal, o texto enmarca nun segundo capítulo o concepto de sociedade civil, os seus debates contemporáneos conceptuais e as novas lóxicas desta na sociedade global. Será neste capítulo onde as referidas ONG entren en escena e análise grazas a súa capacidade de incidencia pública coma ferramenta motriz principal da nova diplomacia de tipo cidadá, a “diplomacia da multitude global” en palabras do investigador Buck Morss.

Tras achegarse ao concepto de multilateralismo complexo na relación coa sociedade civil no terceiro capítulo, quizais o argumento central do libro, Antonio Alejo presenta posteriormente distintos estudos de caso de exemplos concretos en Arxentina e México arredor da paradiplomacia de Dereitos Humanos e dunha maneira transnacional ao movemento indíxena continental americano.

Con todo este material enriba da mesa, dende unha perspectiva multidisciplinar e cunha boa dose de base empírica, o investigador pon así neste libro de ámbito académico, a ollada curta nas conexións e interdependencias entre as escalas nacionais e supranacionais e os mecanismos de comunicación e coordinación entre as mesmas (aquel multilateralismo complexo do capítulo 3, dende a emerxencia, debilidades e fortalezas das ONG coma axentes centrais da diplomacia cidadá). 

A sensación que deixa a investigación será que moitas veces as interaccións entre as institucións estatais e internacionais e a nova diplomacia cidadá son moitas veces precarias, opacas e mesmo deficientes na relación entre os documentos e marcos legais e a realidade práctica, mais necesariamente explicativas e a ter en conta para comprender as novas lóxicas e dinámicas das Relacións Internacionais actuais.

En todo caso, o libro dende unha perspectiva teórica actualizada achégase ao mundo en transformación actual, apuntando procesos xa en marcha e novos horizontes de empoderamento cidadán que poden ser  potencialmente antídotos á agresividade entre Estados que caracteriza a moi realista explicación dominante do mundo actual.


[1]     Canfo falamos de novas diplomacias hai que ter presente que máis alá da representada polas de tipo cidadá vinculadas oas movementos sociais e a institucionalización do fenómeno ONG, nas que se centra o libro de Antonio Alejo, destacan aquelas novas diplomacias impulsadas por entidades subestatais, poderes locais ou empresas e lobbies...

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais