Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 3 de Agosto de 2012 Ríos

Poder local: A solidariedade non é unha competencia

A proposta de reordenación de competencias no eido local suxire, segundo algúns, unha alargada sombra sobre o futuro da cooperación ao desenvolvemento que dende hai máis de trinta anos veñen impulsando as entidades locais ao abeiro, dende o punto de vista inspirador e normativo, de instrumentos como a Carta Europea de Autonomía Local (1985) e tamén de documentos como a Declaración de Colonia (1985) ou a de Bulawayo (1990), entre outros.

Non obstante, cabe recordar que na vixente Lei 7/85 de 2 de abril de Bases do Réxime Local tampouco figura expresamente asignada esta competencia, o que non impediu a súa asunción (en función do establecido no artigo 25.1.). Polo tanto, de manterse así, non habería variación algunha no plano estritamente formal.

A reforma do poder local está orientada a clarexar competencias e evitar duplicidades, pero resultaría nun xigantesco paso atrás se nos catapulta ata o localismo máis rancio, erguendo valados entre os concellos e o mundo exterior. A asunción dunha política pública no eido local relacionada coa cooperación ao desenvolvemento non é un problema de competencias. Tampouco éo de recursos, sempre tan modestos que en pouco ou case nada poden contribuír a cadrar os orzamentos. Éo de compromiso ético, un valor transversal que involucra a institucións e cidadáns. Os municipios son espazos de convivencia especialmente idóneos para asentar actitudes solidarias.

A non mención expresa da cooperación ao desenvolvemento como competencia local no reformado artigo 25.2. non sería escusa en modo algún para xustificar desentendementos neste eido pois seguirán facultadas as entidades locais para actuar neste e noutros campos relacionados coa acción exterior na dimensión e coa estratexia que consideren oportuna. Pola contra, de optaren por levar adiante de modo expreso a imposición da insolidariedade e do illamento atopariámonos ante outra mostra máis dese proceso recentralizador que ameaza con converter os entes municipais en meras delegacións locais do goberno sen autonomía efectiva e marxinados das grandes tendencias universais que recoñecen as proximidades e interaccións do local e o global.

Esta reforma, pola contra, representa sen dúbida unha oportunidade para gañar eficiencia e optimizar e mellorar a calidade da cooperación descentralizada desde o eido local. Esta debe lograrse a través da superación plena do localismo e a potenciación das redes locais, do fomento da especialización, da coordinación e da complementariedade, auténticos reclamos que deberan erixirse en principios de actuación universalmente observables.

Non estamos neste caso ante desbaldes nin excentricidades senón ante a asunción dunha elemental responsabilidade para acabar coa pobreza e as desigualdades que en moitos casos serve de modelo a nivel europeo e global, unha bagaxe e traxectoria positiva da que podemos presumir e que sería absurdo liquidar. Calquera reformulación debera pasar polo seu mantemento e non a súa disolución coa recorrente escusa das duplicidades ou as limitacións orzamentarias.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais