Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública 13 de Agosto de 2015 Ríos

Plácido Castro: 50 anos de As Rubáyiát de Omar Kayyam

No seu número 8, correspondente ao segundo trimestre de 1965, a revista Grial publicaba a tradución de Plácido Castro (1902-1967) de As Rubáyiát de Omar Kayyam, astrónomo e poeta persa que viviu nos séculos XI e XII.

A partires da versión inglesa de Edward Fitzgerald, publicada en Londres en 1859, Plácido verteu ao galego o libro traducido ao inglés que máis se popularizou nesta lingua a finais do século XIX e durante o XX, segundo salientou María Jesús Lorenzo Modia, unha obra realmente emblemática e de grande influencia literaria e social. Fíxoo, cabe lembrar, tralo fracaso do intento de edición en formato de libro con ilustracións de Manuel Torres.

A versión de Plácido conserva unha grande fidelidade tanto á forma como á substancia das cuartetas orixinais, mantendo a rima e alentando a viveza do escepticismo que desprenden as estrofas de Kayyam.

Como tamén indicaron Valentín Arias e Alberto Álvarez Lugrís, a aproximación de Plácido a esta obra e o conxunto da súa tradución evocan o seu interese pola normalización da cultura galega a través da conexión coas mellores obras da literatura mundial.

Non sería esta a única mostra e hoxe podemos gozar das súas traducións de poetas irlandeses, galeses, escoceses ou ingleses. Á lingua galega ningunha lle gaña en calidades e posibilidades poéticas, deixou escrito. A creación dun sistema cultural propio, como el ambicionaba, contemplaba necesariamente non só a incorporación daquel selo inconfundible da nosa individualidade senón igualmente a fuxida de calquera ensimesmamento.

O labor de Plácido Castro a prol da normalización da lingua galega centrouse na tradución poética poñendo a disposición na nosa fala obras e autores universais amplamente recoñecidos, un labor que ía moito mais aló do estritamente filolóxico.

Neste caso, coa súa habitual modestia, Plácido alude á “perda de moito brilo i elegancia da incomparabre versión de FitzGeral”, pero o certo é que a súa é unha versión excelente, das mellores que se teñen feito.

“ Eu quixera ter a ilusión e a espranza, e con elo sentiríame prenamente satisfeito, e compensado da mistura de ledicia e tormento que é a tradución de un texto amado, si nestes modestos versos galegos tivese ficado un pouco, inda que non fose máis do que un refrexo, da beleza do orixinal….”. Abofé que o conseguiu.  Celebrémolo. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais