Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
13 de Decembro de 2012 Oki

Perspectivas de cambio político en Xapón

Shinzo Abe (PLD) parte como favorito para converterse no próximo primeiro ministro xaponés

Tomando en conta as últimas enquisas electorais, existe unha elevada probabilidade de cambio político en Xapón nas eleccións xerais que se celebrarán este domingo 16 de decembro. Segundo a última enquisa de opinión elaborada polo xornal Mainichi, o Partido Liberal Democrático (PLD) e o Partido Novo Komeito (PNK) obterían aproximadamente uns 300 escanos dos 480 totais existentes na Dieta ou Cámara Baixa.

Se o PLD e o PNK obteñen máis de dous terzos dos escanos (sendo estes 320 escanos) da Cámara Baixa, conformando así unha coalición de goberno PLD-PNK, poderían aprobar con facilidade o proxecto de lei, a pesar de que poida ser rexeitado pola Cámara Alta. O Partido Democrático de Xapón (PDX), que obtivo 308 escanos nas eleccións xerais en 2009 e alcanzaron os 230 escanos en novembro de 2012, poderán obter esta vez menos de 80 escanos. Por tanto, este escenario confirmaría o cambio político pero, ao mesmo tempo, podería dicirse que é só unha volta do PLD.

A desilusión co PDX

Para as próximas eleccións xerais obsérvase a desilusión social polo cambio político de 2009 en mans do PDX. Moitos xaponeses votaron ao PDX baixo as expectativas dun cambio pero o resultado foi un empeoramento da economía e a política exterior. A xente desexa outro cambio político pero mantén agora unha mirada máis severa. É dicir, a xente xa non ten postas as esperanzas nos novos partidos que reclaman o “cambio político”.

Desde entón creáronse moitos partidos e formouse o “terceiro polo” en novembro pasado, aínda que é posible que non gañe demasiado porque os xaponeses non teñen moitas expectativas do “segundo PDX”. A vitoria do PLD será o desengano do pasado “cambio político”. Neste sentido, podemos dicir que o cambio político de 2012 será unha especie de “resurrección” a longo prazo do PLD desde a súa fundación en 1955.

O próximo primeiro ministro moi probablemente será Shinzo Abe, o líder do PLD. Por tanto, é mester considerar en qué medida cambiará a política exterior xaponesa. Non é posible analizar con facilidade cales son as perspectivas e expectativas do “novo” PLD. Tomando como base o meu artigo “A remilitarización de Xapón” (Tempo Exterior, Nº 16, IGADI, 2008), pódese clasificar ao PLD en tres grupos: Shinzo Abe está no grupo que apoia unha política exterior verdadeiramente independente e proclive a que Xapón sexa un país forte na escena internacional. A súa intención malogrouse en 2007, cando el dimitiu como primeiro ministro. Con todo, existe a posibilidade de que o seu propósito pode levarse a cabo no segundo desafío.

As ideas de Abe están escritas nas promesas electorais do PLD. Asegura que lexislará a Lei Fundamental da Seguridade do Estado para poder realizar o exercicio do dereito de lexítima defensa colectiva. Reforzará o número de persoas, o armamento e o orzamento das Forzas Armadas de Autodefensa (FAA). Cambiará o nome das FAA aos Exércitos de Defensa Nacional pola Emenda da Constitución. Na miña opinión, Abe vai intentar mellorar a relación con EUA a curto e mediano prazo, empeorada durante o goberno do PDX. Así, o seu goberno prepararíase para que Xapón sexa un Estado verdadeiramente independente.

No entanto, esta tarefa non será de fácil desempeño para o PLD. É moi posible que o PLD forme unha coalición co PNK tralas próximas eleccións xerais, pero o PNK non aprobará as ideas de Abe. O pasado 10 de decembro de 2012, o líder do PNK, Natsuo Yamaguchi, dixo que se separaría da coalición se o PLD forza a Emenda da Constitución ou a admisión do exercicio do dereito de lexítima defensa colectiva. O PNK toma unha actitude prudente sobre a emenda da Constitución que reclama Abe.

Existe a posibilidade de que o PLD forme unha coalición co Partido Restauración de Xapón (PRX). O líder deste partido, Shintaro Ishihara, dixo que trataría a coalición co PLD positivamente se hai petición por parte do propio PLD. Ishihara simpatiza co PLD sobre a necesidade de emendar a Constitución. Pero o fundador de PRX, Toru Hashimoto, rexeita a posibilidade da coalición co PLD. A discrepancia de opinións entre Ishihara e Hashimoto provocou unha declinación electoral na confianza do partido. Poderían obter uns 40-50 escanos, que serán escasos para conseguir a vitoria.

Hai outro “terceiro polo”, o Partido do Futuro de Xapón (PFX) formado pola actual gobernadora da provincia de Shiga, Yukiko Kada, pero que aparentemente tampouco poderá conseguir moitos escanos. Esta formación política formada o pasado 28 de novembro de 2012 incorporou ao partido de Ichiro Ozawa “Primeiro a vida das persoas” e o partido de Takashi Kawamura “Anti-TPP”, constituíndose polo de agora no terceiro partido máis grande. Fai uns oitos anos tiven a oportunidade de discutir con Kada sobre a política ambiental e pareceume que ela era demasiado firme nos seus propósitos sobre os problemas ambientais. Con todo, a súa política principal de “gradación da enerxía nuclear” aínda non inspirou moitas simpatías pola viabilidade dubidosa. As perspectivas anuncian que perderán moitos escanos nas próximas eleccións. Aínda que non gañarán moito nestas eleccións, creo que a reconversión política polo “terceiro polo” (o PRX e o PFX) continuará ata as próximas eleccións da Cámara Alta que se celebrarán en 2013.

Cambios no Leste asiático

O cambio político non só se dará en Xapón senón que tamén se deu nos liderados doutros países do Leste Asiático, como China, Corea do Sur e Corea do Norte. Estes novos liderados provocarán cambios nas relacións internacionais da rexión. O pasado 12 de decembro, Corea do Norte anunciou con éxito o lanzamento dun “satélite” que, a todas luces, constitúe un “mísil de longo alcance”. O mesmo supón unha ameaza para Corea do Sur e Xapón, estando ámbolos dous países en campaña electoral. Corea do Norte espera un novo goberno surcoreano máis tolerante con Pyongyang para recibir axudas, pero creo que o lanzamento do mísil repercutirá en que o goberno surcoreano adopte unha actitude máis rigorosa. No caso de Xapón, tamén Abe levará adiante as súas políticas de reforma da Seguridade.

Pola súa banda, China declarou que lamentaba o lanzamento do mísil norcoreano argumentando que Pyongyang debería respectar as resolucións do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Coméntase que Corea do Norte realizará unha nova proba nuclear tralo lanzamento do mísil. Polo tanto, é importante observar as declaracións e accións dos novos líderes dos países do Leste Asiático, cuxas relaciones internacionais están ingresando nunha etapa de importantes transicións.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais