Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 15 de Maio de 2018 Mansilla Blanco

Palestina: 70º aniversario da Nakba en tempos de “Make Israel Great Again”

Palestinos protestan fronte á apertura da nova embaixada estadounidense en Xerusalén. Foto: Axencia Xinhua

O case absoluto esquecemento da situación palestina no 70º aniversario da creación do Estado de Israel e da Nakba, o éxodo palestino, que simultaneamente conmemóranse este 15 de maio, obriga necesariamente a reflectir e denunciar sobre as adversidades que vive o pobo palestino tras décadas de ocupación israelí. Un aniversario triste e opaco que contrasta claramente coa fastosidade do aniversario israelí, amparada no apoio irrestrito da administración de Donald Trump, decidida a fortalecer os obxectivos do poderoso lobby sionista en Washington e do ultranacionalista primeiro ministro Benjamín Netanyahu de recrear o “Gran Israel”.

Este esquecemento internacional oculta igualmente a gravidade da situación en territorios palestinos como Gaza, azoutada e illada por Israel da axuda internacional, converténdose nunha especie de “cárcere” ao aire libre para millón e medio de palestinos. O impulso da denominada “Marcha do Retorno” en Gaza para denunciar o 70º aniversario da Nakba foi fortemente reprimida polas forzas de defensa israelí, con ataques e bombardeos que causaron decenas mortos desde abril pasado.

Pero en Washington prefiren facer outro cálculo. Un día antes deste dobre aniversario, o 14 de maio materializarase a inauguración da embaixada estadounidense en Xerusalén, promesa realizada por Trump durante a súa campaña electoral en 2016 e confirmada pola súa visita a Israel en decembro pasado.

Con motivo desta decisión, o primeiro ministro israelí Netanyahu, instou á comunidade internacional a seguir o exemplo de Trump, levando as súas respectivas embaixadas de Tel Aviv, a capital oficial israelí, a Xerusalén, considerada polo sionismo como a “capital histórica e inalterable” de Israel. Durante a xornada de apertura da embaixada estadounidense en Xerusalén, foron abatidos mais de 40 palestinos en Gaza que protestaban por este suceso.

Non obstante, estas protestas palestinas definen igualmente o descontento social non só cara o Estado israelí e a comunidade internacional senón tamén ante o establishment e o histórico liderado político acomodado na Autoridade Nacional Palestina (ANP). Pode por tanto intuírse as aspiracións de cambio político no mapa palestino motivado por un visible relevo xeracional.

Trazando o “Gran Israel”

O contexto que se vive actualmente en Oriente Próximo da a entender que a consigna de Trump sobre “Make America Great Again” pode aplicarse claramente aos desexos de Netanyahu por facer un “Israel Great Again”. Trump faise cargo da “axenda israelí” en Oriente Próximo, confirmado polas súas recentes decisións.

O unilateral bombardeo a posicións do réxime sirio de Bashar al Asad en abril pasado, un evidente aviso cara Rusia e principalmente Irán, ambos os principais valedores do réxime sirio; e especialmente a suspensión do acordo nuclear con Teherán decretada por Trump a semana pasada, unha concesión estratéxica a Israel por ser o réxime iraniano o principal inimigo israelí na rexión.

Estas decisións confirman como a administración Trump reforza o retorno da influencia do lobby israelí sionista na Casa Branca. Un lobby claramente opacado durante a era Obama, e que agora vese revalorizado ante a presunción de Trump por facer valer a “axenda israelí” como inalterable política estadounidense en Oriente Próximo.

O resultado semella inobxectable neste sentido, tomando en conta a conxunción case relixiosa de intereses entre Trump e Netanyahu. A revalorización da idea do “Gran Israel” tendente a asegurar o que o primeiro ministro israelí considera as “fronteiras históricas” do Estado israelí, desdebuxa practicamente a existencia de Palestina como entidade estatal e territorial.

Toda vez, estas “fronteiras históricas” israelís defendidas por Netanyahu e a súa axenda sionista establecen unha especie de “balcanización” rexional, condicionando e ata suprimindo a existencia de países como Siria, Líbano e Xordania.

Deste xeito, a fastosidade na celebración do 70º aniversario do Estado israelí confirma a predisposición das elites dese país, amparadas no apoio irrestrito estadounidense, por opacar os efectos da Nakba, a traxedia palestina de 1948 que certificou o primeiro gran éxodo de poboación da súa terra histórica tralo final do mandato británico en Palestina e a creación do Estado de Israel.

Este suceso histórico ten sido o catalizador chave dos principais conflitos que viviu Oriente Próximo durante a segunda metade do século XX e que seguen pendentes ata hoxe, en particular unha causa palestina actualmente desarticulada da atención internacional.

Como efecto simbólico, Israel igualmente aproveita a conxuntura establecida no seu recente triunfo no concurso de Eurovisión como emblema de promoción que certifica a súa validez estatal. Neste sentido, Netanyahu xa adiantou que o concurso de Eurovisión 2019 realizarase en Xerusalén, en clara medida de presión cara Europa para que acepte a “capitalidade histórica” israelí.

A conxunción de intereses entre as administracións Trump e Netanyahu é total e absoluta. O novo embaixador estadounidense en Xerusalén será David Friedman, avogado xudeu ortodoxo que foi asesor de Trump no relativo ás relacións entre EUA e Israel durante a campaña electoral 2016. Por tanto, a designación de Friedman como embaixador en Xerusalen deixa entrever unha aposta estratéxica apoiada e fomentada polo poderoso lobby israelí en Washington.

Desdibuxada a Nakba palestina por parte das administracións Trump e Netanyahu, o panorama albisca un maior estreitamento de relacións entre Washington e agora Xerusalén en Oriente Próximo. O irrestrito apoio de Trump ás controvertidas e incluso mediocres probas presentadas por Netanyahu fai dúas semanas sobre o presunto engano iraniano no cumprimento do acordo nuclear de 2016 certifica esta conxunción de intereses.

Trump avaliou totalmente as cuestionables aseveracións de Netanyahu sobre o estado actual do programa nuclear iraniano, factor que moi seguramente influíu na súa decisión de suspender o acordo nuclear con Teherán, a todas luces observado como un triunfo do lobby sionista e da administración de Netanyahu. O peso do ultranacionalista e sionista ministro de Exteriores israelí Avigdor Lieberman é igualmente significativo neste aspecto.

Por tanto, o encaixe xeoestratéxico de Trump en Oriente Próximo pasa claramente por continuar coa “axenda israelí” de Netanyahu. O elemento chave é o illamento de Irán, unha preocupación estratéxica israelí pero tamén dos outros dous aliados estadounidenses na rexión, sendo estes Arabia Saudita e Exipto, ambos igualmente eclipsados da atención de Obama principalmente por factores derivados dos dereitos humanos e a falta de democratización.

Non sería descartable considerar que o 70º aniversario do Estado de Israel serva como teatro oportuno para dirimir un histórico achegamento diplomático entre Israel e Arabia Saudita, que ven materializándose nos derradeiros meses, cando menos na concreción de intereses xeopolíticos co respecto a Irán e o conflito sirio.

A contención do eixe euroasiático

Por outra banda, Trump e Netanyahu buscan quebrantar o eixe conformado por Rusia, Irán e Turquía, ao que se une colateralmente o movemento islamita libanés Hizbulá. Este eixe circunstancial foi configurado tralo acordo de Sochi de novembro pasado, orientado a focalizar un final do conflito sirio que tramite un escenario de posguerra, de reconstrución e de configuración de esferas de influencia.

O ataque das forzas de defensa israelí a semana pasada contra posicións iranianas ao sur de Siria, particularmente das milicias Al Quds (nome árabe de Xerusalén) pertencentes á Garda Revolucionaria Islámica iraniana (detentora do programa nuclear), así como outros ataques contra posicións do Hizbulá ao sur do Líbano e de Siria, da a entender que o mesmo contou co beneplácito de Trump, de Arabia Saudita e de Exipto, así como serviu de colofón simbólico para Netanyahu á hora de afianzar os seus preceptos de configurar o “Gran Israel”.

Colateralmente, outros escenarios comezan a tensar o panorama rexional. Nos derradeiros días ven emerxendo algunhas friccións diplomáticas con eventual tensión militar entre dous históricos rivais como Grecia e Turquía, ámbolos dous membros da OTAN.

O distanciamento turco co respecto a Europa e á Alianza Atlántica, a deriva autocrática do presidente turco Recep Tayyip Erdogan (contando co apoio dos sectores mais nacionalistas e dereitistas turcos) e a súa aposta decidida a achegarse ao eixe euroasiático de Rusia, China e Irán son factores que persuaden (ou máis ben convencen) a Trump e a Netanyahu da necesidade de acelerar canto antes as súas respectivas directrices unilaterais.

Estas necesidades están contidas na pretensión por exercer un marco de contención cara o eixe “euroasiático” descifrado polo presidente ruso Vladimir Putin xunto a Turquía e Irán, así como con China e Qatar, este último rival estratéxico tanto saudita como exipcio.

Pero o panorama tamén ten claroscuros para os intereses de Trump e Netanyahu. As recentes eleccións lexislativas en Iraq confirman o avance da plataforma xiíta do clérigo Moqtada al Sadr, aliado estratéxico de Teherán no contexto iraniano. É igualmente palpable que Rusia non secundará a EUA na decisión de suspender o acordo nuclear iraniano, tomando en conta os fortes vínculos económicos, enerxéticos e militares existentes entre Moscova e Teherán.

Por outra banda, Europa, cun peso reducido e incapaz de crear un marco de contención ao eixe Trump-Netanyahu, mantén posicións divididas co respecto ao status de Xerusalén como capital histórica israelí. De feito, Teherán busca agora o compromiso europeo para manter o acordo nuclear, que sirva de contrapeso para balancear o evidente desequilibrio causado pola decisión de Trump.

E Palestina? Ausente, esquecida, dividida e silenciada neste 70º aniversario da Nakba e do que está acontecendo en Oriente Próximo. O contexto cifrado polo eixe Trump-Netanyahu augura mais ben a consolidación da idea do “Gran Israel” que busca mergullar a Palestina como entidade histórica. Un cálculo estratéxico no que Palestina non está presente. Triste conmemoración dunha Nakba que só os palestinos atenden ante o compracente silencio internacional.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais