Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
IGADI 25 de Setembro de 2018 Martínez Pellitero

Os retos de AMLO: Pobreza e desigualdade en México

A redistribución do ingreso será un dos principais retos para a presidencia de AMLO. Foto: Xinhua News

Se no último artigo relativo a México falamos sobre a gran xanela de oportunidade que se lle abriu á esquerda mexicana coa súa vitoria nas últimas eleccións federais, neste compre recuperaras dúas grandes promesas coas que o próximo presidente Andrés Manuel López Obrador (AMLO) chegou á presidencia e que deberán facer fronte para non decepcionar ás decenas de millóns de persoas que depositaron nel a súa confianza. Por unha parte, loitar contra a corrupción e a impunidade rampante entre a clase política e a oligarquía mexicana, e por outra –a que nos concirne neste artigo-, reverter os grandes niveis de pobreza e desigualdade do país.

Tradicionalmente e dende unha óptica de economía política, se recoñecen dúas vías para reverter as desigualdades sociais e a pobreza. Por unha parte, a vía da distribución (a que se fai mediante asignación primaria dos recursos como o mercado de traballo) e por outra, a vía da redistribución (mediante políticas redistributivas por parte do Estado vía impostos e transferencias). Un exemplo de actuar na primeira vía podería ser unha subida do salario mínimo que obrigase a pagar mais aos traballadores e traballadoras con menos ingresos, mentres que un exemplo de redistribución podemos atopalo en programas do goberno nos que se repartan bonos de comida para a poboación con menos recursos.

As cifras son devastadoras(1). Mais de 50 millóns de persoas (un 43.6% da poboación) vive na pobreza no país mexicano, e case 10 millóns (un 7.6% do total) en situación de extrema pobreza. Atendendo ás cifras oficiais, e a pesar da forte polémica polo recente cambio de metodoloxía na medición destes datos(2), na última década e tralas presidencias de Felipe Calderón e Enrique Peña Nieto, non se conseguiu practicamente ningún avance neste sentido –experimentando incluso certos retrocesos en determinados ámbitos-.

O coeficiente de Gini (de ingresos) do país Mexicano era no 2016 era de 0.49 puntos(3), superior a todos os países que conforman a OCDE(4), non diminuíndo en absoluto nos últimos anos (a pesar das anunciadas reformas “estruturais” de Peña Nieto) e amosando unha tendencia moi preocupante. Ademais, a variación do coeficiente de Gini antes e despois da acción redistributiva do Estado vía transferencias e impostos é mínima (menos de 0,05 puntos), o que índica unha pobrísima actuación dos últimos gobernos neste sentido. Así mesmo, a ratio 80/20 tamén é moi superior ao que ofrece calquera outro país da OCDE, superando os 10.4 puntos, o que significa que o 20% que mais ingresa, recebe mais de dez veces o percibido polo 20% con menores ingresos.

Polo dramática da situación, nos últimos anos están proliferando abundantes estudos sobre a cuestión da pobreza e das desigualdades no país, detallando cifras e estatísticas e ofrecendo recomendacións e posibles solucións para reverter esta traxedia social. No marco da súa campaña IGUALES, Oxfam México elaborou un informe(5) no que se resume cal é a realidade do país: en México,o 1% posúe máis do 43% da riqueza nacional, concentrando en apenas 16 multimillonarios mais de 140.000 millóns de dólares, e son concretamente catro (Carlos Slim, Germán Larrea, Alberto Baillères e Salinas Pliego) os que acumulan case o 10% do PIB nacional.

Unha vez constatada unha realidade social moi complicada, compre poñer foco sobre esa primeira vía de distribución do ingreso nacional da que falamos antes: o mercado de traballo. Observamos que a taxa de desemprego leva anos a niveles considerabelmente baixos. Tras experimentar un certo incremento có shock de 2008 (pasando de 4.9% a 6.7% en poucos meses), esta tivo unha redución paulatina ata volver a niveles moi baixos, acadando un 4.3% no 2016. Non obstante, que exista unha situación de case pleno emprego e uns niveis de paro estrutural moi baixos, mesmo nos períodos de crise, non implican prosperidade no mercado de traballo.

A relación da taxa emprego-poboación é unha das mais baixas dos países desenvolvidos ou en vías de desenvolvemento(6) (un 57% no ano 2017, case 5 puntos por debaixo da media da OCDE), sendo especialmente grande –mais dun 40%- a brecha de xénero en canto a participación laboral. A taxa de informalidade laboral(7) da economía atinxiu, no segundo trimestre de 2018, a atroz cifra de 56.9%(8), polo que atopamos unha superlativa taxa de emprego fora dos marxes legais establecidos con todas as implicacións que isto contrae, tales como a perda de acceso a prestacións, menor produtividade, menores ingresos fiscais ou maior precariedade. Tamén a taxa de subemprego(9), a pesar de descender lixeiramente nos últimos trimestres, segue en niveles practicamente iguais aos de hai unha década (superando o 7% no último trimestre rexistrado de 2018)(10).

E é que se analizamos o mercado de traballo como repartidor primixenio da renda nacional, atopamos que de ningunha maneira se está realizando un reparto equitativo pola vía do emprego asalariado. O reparto do ingreso nacional (do PIB) entre os factores de produción (capital e traballo) é unha distribución extremadamente desigual(11): a partida que inclúe o Excedente Bruto de Explotación (os beneficios empresariais, entre outros) representa entre un 70 e un 75%, mentres que apenas unha cuarta parte é o destinado á remuneración dos traballadores(12), amosando ademais, unha tendencia cara a apertura de esta fenda entre ambos nas últimas décadas. Por establecer unha comparativa, nun país promedio da Unión Europea a distribución atópase moito mais igualada, representando usualmente algo mais de un 50% o destinado a remuneración salarial.

E é que a desigualdade non implica só un mal reparto da riqueza. A desigualdade, principalmente coas súas consecuencias a nivel educativo –desigual aceso aos diferentes niveis educacionais, diferenza de calidade, medios, etc.- , pero tamén como xerador de violencia e inseguridade a partir da marxinación das esferas mais pobres, é o maior obstáculo para acadar esa idea leximitadora das economías de mercado que tanto se persegue eque adoitamos chamar “igualdade de oportunidades”. Ademais, está demostrado que estes dous problemas (desigualdade e pobreza), ademais de ser extremadamente inxustas no social e inclusive no terreo ético e moral, son os maiores freos posibles para o correcto funcionamento da economía.

Por esa razón, a redución das mesmas debería ser algo ansiado e fomentado por todo o espectro político do país, non só dende movementos progresistas como os que recentemente gañaron as eleccións cun discurso rupturista neste campo, senón tamén dende os grupos mais conservadores. Tanto ás dereitas ligadas ao cristianismo (coma o PAN) polos seus propios valores fundacionais, coma os partidos con un ideario de corte mais liberal no económico que ansíen un mellor funcionamento da economía pola vía dos mercados (o que podería representar o PRI) deberían estar a favor de traballar neste sentido.

Sen embargo, atendendo á realidade comentada e tras dous gobernos (precisamente do PAN e do PRI) nos que as desigualdades e a pobreza non deixaron de crecer, semellaba necesario que xurdise un novo actor político cunha vontade real de combater este problema. Por ver estará que AMLO e o seu movemento político Morena sexan capaces de poñer en marcha medidas eficaces para reducir as desorbitadas cifras actuais. Xa son varias as propostas por riba da mesa para actuar pola vía da redistribución, pero se se queren sentar as bases para un cambio da esfera distributiva do país no longo prazo, serán necesarias, ademais, reformas estruturais en todo o relativo ao mercado de traballo e o emprego asalariado.

 


(1) Datos publicados pola CONEVAL (Consejo Nacional de Evolución de la Política de Desarrollo Social) Consultar en: https://coneval.org.mx/Medicion/MP/Paginas/Pobreza_2016.aspx 

(2) Moi discutidos debido ao cambio de metodoloxía do “Instituto Nacional de Estadística y Geografía” (INEGI) de México na medición dos datos:
https://aristeguinoticias.com/0409/mexico/inegi-y-coneval-cucharean-datos-de-pobreza/

(3) Fonte: CEPAL. No seu informe anual “Panorama Social de América Latina 2017”. Cabe destacar tamén que o Coeficiente de Gini para a riqueza era, nese mesmo ano, de 0.79 puntos.

(4) O maior dos 37 membros da OCDE, superior incluso a países coma Chile, Turquía ou Estados Unidos. Sen contar a Colombia que se incorporou neste 2018 e aínda non se dispoñen datos
Fonte: http://www.oecd.org/social/income-distribution-database.htm

(5) “Desigualdad Extrema en México: Concentración del poder económico y político”, a cargo de Gerardo Esquivel, publicado no ano 2015. Link ao documento completo: https://www.oxfammexico.org/sites/default/files/desigualdadextrema_informe.pdf

(6) Fonte: OCDE

(7) O INEGI define a Taxa de informalidade laboral (TIL1) como: o resultado do cociente entre a ocupación informal total con respecto a poboación ocupada total. É dicir, o porcentaxe de ocupados que carecen de protección de seguridade social básica no seu traballo (servicios de saúde).

(8) Niveles moi similares (arredor do 57-58%) aos que se rexistraban hai xa mais de unha década cando Felipe Calderón acadou a presidencia do goberno no ano 2006. Se ben durante a presidencia de Peña Nieto (2012-2018) conseguiuse unha lixeira redución dende o 59.5% do ano 2012 ata ese 56.9% actual. Fonte: INEGI

(9) Son os traballados que declaran ter necesidade e dispoñibilidade para traballar mais horas das que realiza no seu emprego actual.

(10) Fonte: Instituto Nacional de Estadística y Geografía (INEGI).

(11) Fonte: Informe de Oxfam (Páx. 25).

(12) Os salarios en México caeron de media, un 1% anual durante o período 2007-2015, segundo o informe “Perspectivas para el emprego 2016” elaborado pola OCDE.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais