Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Tempos Novos 1 de Outubro de 2018 Ríos

Os BRICS: unha década de expectativas incumpridas?

1070359461.jpg

Os BRICS (plataforma intergobernamental integrada por Brasil, Rusia, India, China, Sudáfrica) cumpriron a súa primeira década. Nesa hora do inevitable balance conflúen dúas perspectivas. Uns, en liña coa visión dos países máis desenvolvidos, insisten na dilución progresiva daquela vivacidade inicial que emerxía en 2009, cos primeiros acenos da crise, como materialización efectiva dunha orde multipolar na que as chamadas economías emerxentes lideradas por China e Rusia establecían un contrapeso xeopolítico ao liderado occidental. Outros, en liña coa ambición manifestada polos países en vías de desenvolvemento, sen negar as dificultades que pesan na súa axenda, acreditan aínda na posibilidade de conformar, a un ritmo realista, outra opción que evite as rixideces do FMI e do Banco Mundial e abra camiño a unha eficaz cooperación Sur-Sur e a unha mellor representación dos seus intereses nunha gobernanza global en transición.

Os BRICS representan ao 40 por cento da poboación mundial e arredor do 25 por cento do PIB global. Sobre esas vigas foise edificando na última década unha asociación marcada tanto pola vontade de xerar espazos de encontro como pola persistencia dunha heteroxeneidade por veces difícil de casar. Aí atopamos serias diferenzas sistémicas, fondas rivalidades xeopolíticas, estruturas económicas complementarias pero con necesidades non sempre coincidentes e ata fondos desequilibrios internos (non esquezamos que entre eles figuran algunhas das sociedades máis pobres e desiguais do mundo). Todo iso fai que ninguén se poida tomar a broma as dúbidas respecto ao futuro desta entente, especialmente cando nos habituamos dende a guerra fría a observar altos niveis de cohesión a partir da defensa de valores e principios que neste caso amosan unha mais que xenerosa diversidade. Pero o mundo está cambiando e outras fórmulas poderían asentar á vista da crise deses mecanismos tradicionais que ata hai pouco semellaban a proba de solidez (o último cumio do G7 foi ben ilustrador desa situación).

O cumio de Johannesburgo

É por iso que un halo de fundado escepticismo acompaña sempre calquera reunión dos BRICS. Desde a súa constitución proliferaron os vaticinios a propósito da perda progresiva de sintonía entre os socios e o seu inminente colapso por unha ou outra razón. Esas perspectivas nin moito menos disipáronse de todo pero, aínda así, os BRICS aí están e como primeiro balance cómpre citar ese incremento do comercio intrabloque da orde do 30 por cento. E non só están senón que paso a paso as súas decisións, quizá non de todo ao ritmo desexado polos máis entusiastas, van tomando corpo consolidando unha realidade alternativa e complementaria á orde coñecida. 

Tal é o caso do cume celebrado en Johannesburgo (Sudáfrica) do 25 ao 27 de xullo que4 acompañou a celebración da súa primeira década. Nela adoptouse o acordo de crear a Asociación para a Nova Revolución Industrial dos BRICS (PartNIR, siglas en inglés), co declarado afán de profundar na cooperación para alcanzar posicións relevantes e ata dominantes nos novos segmentos do desenvolvemento, asociados ao impulso tecnolóxico. Esa implicación debe permitir avances en dous planos cualitativos. Primeiro, na asociación de empresas estratéxicas en sectores chave da nova economía, desbloqueando o amplo potencial da cooperación nesta orde e evitando remitirse á marxinalidade na cuarta revolución industrial. Segundo, o impulso ao investimento intrabloque. O investimento entre os países BRICS é de baixo nivel, en torno ao 6 por cento do investimento total dos BRICS. Son enormes as expectativas de crecemento.

En ambos os dous casos, China verá reforzado o seu liderado. Non deberamos perder de vista que China, xunto con EUA e Alemaña, lideran esa inflexión cualitativa que nos agarda no eido produtivo nos próximos anos. Quen resulte gañador desa competición, fixará as regras e condicionará boa parte da automatización que nos espera no sector das manufacturas. Dos BRICS, China é a mellor situada na nova revolución tecnolóxica e abre posibilidades para un desenvolvemento interconectado e inclusivo entre os seus integrantes.

Quédase pequeno

Os BRICS entoaron neste cume o esperado ton de condena da guerra comercial lanzada por Donald Trump, en boa medida para coutar aquelas expectativas chinesas e doutros terceiros (Alemaña, incluída) de deixar atrás a EUA. Tamén proliferaron as declaracións de fe a propósito da mellora da coordinación naqueles marcos multilaterais que EUA semella querer abandonar. Esa dinámica de converxencia retórica podería verse reforzada co proxecto de BRICS Plus, acordado en 2017 no encontro de Xiamen (Fujian, China). En Johannesburgo participaron como líderes invitados, entre outros, Erdogan (Turquía), Paul Kagame (Ruanda), Joao Lourenço (Angola), Mauricio Macri (Arxentina), Holness (Jamaica e CARICOM) ou Yoweri Museveni (Uganda), explicitando esa vontade de seguir ampliando o “círculo de amigos” no cal figura en axenda tanto o maior uso das respectivas moedas nacionais no comercio -en detrimento do dólar estadounidense- como o aumento da cota de votación dos países en desenvolvemento no seo do FMI.

A conexión con outros países de cada rexión viría a completar un segundo anel en torno aos BRICS incrementando a representatividade e lexitimidade das súas decisións. Ademais dos xa citados, en Sudáfrica houbo presenza relevante de países como Indonesia, Botsuana, Congo, Gabón, Lesoto, Madagascar, Malawi, Mozambique, Namibia, Senegal, Seychelles, Tanzania, Togo, Cimbabue, Zambia ou Exipto, pero tamén de organismos rexionais e globais como a propia ONU, representada polo seu secretario xeral, António Guterres. Pouco significativos, pode ser, pero sumando….

O aguillón das novas críticas aos BRICS ten que ver co hipotético propósito de China de valerse desta plataforma para impulsar as súas ambicións xeopolíticas globais. Certamente, Pequín goza dun peso inocultable ata o punto de case todo dela depender. Os seus erros de cálculo terían efectos desastrosos para os BRICS pero ata agora o certo é que tense mostrado tan incisiva como coidadosa. Iso a pesar da prédica permanente da Iniciativa da Franxa e a Ruta, que non concita a mesmo nivel de empatía entre todos os seus socios, especialmente a India.

Cabe dicir igualmente que os acordos de cumes anteriores non caeron en saco roto e vanse materializando, se ben a desigual ritmo. Antes de final de ano, por exemplo, o Novo Banco de Desenvolvemento terá outra sé propia en territorio brasileiro. É de esperar que a súa dinámica vaia en aumento xa que polo momento só concedeu préstamos por valor de 7.500 millóns de dólares. O Acordo de Reservas de Continxencia, subscrito en 2014, está operativo desde 2016. Pola contra, a axencia de cualificación de riscos, que tantas expectativas espertara, non da arrancado.

En paralelo con esa implementación, o impulso á colaboración económica en torno ás novas tecnoloxías e a coordinación política apuntarían un horizonte de reforzamento dos BRICS. De feito, a ofensiva comercial de EUA pode chegar a ter unha incidencia moi benéfica para a intensificación das relacións económicas entre os BRICS como alternativa á guerra impulsada por Donald Trump para reducir o déficit comercial. Os BRICS gozarán dunha posición privilexiada nesa nova fase que China quer abrir a partires de novembro próximo, ampliando as posibilidades de acceso global ao seu mercado coincidindo co corenta aniversario do inicio da política de reforma e apertura (1978).

Reforzar a voz do bloque, estender a súa influencia, fortalecer a súa narrativa

No cume de Sudáfrica, Xi Jinping deu a entender que China segue crendo nos BRICS e que a próxima década será crucial ante a inminente aceleración dos cambios xeopolíticos. E hai que estar preparados para dar o salto poñendo sordina ás rivalidades entre algúns socios ou encarándoas de xeito integrador. Nesa década por vir, estas economías poderían pasar a representar preto da metade do total global (agora roldarían o 25 por cento). Será difícil seguir subestimando entón o valor dos BRICS se persiste esa vontade de afirmación como contrapeso dunha orde en crise. 

Os 101 puntos da declaración emitida en Johannesburgo abundan nunha visión compartida en materias tan diversas como as relacionadas coa cooperación enerxética, a loita contra o terrorismo, o acordo nuclear con Irán, a desnuclearización da península coreana ou a carreira de armamentos no espazo. Nin todo é economía global ou comercio internacional. Hai, pola contra, tomas de posición que puideran cualificarse aínda de retóricas polo seu escaso percorrido pero que non obstante axudan a identificar os desafíos comúns, aquilatar pareceres e alargar a cooperación política. Co tempo poderían ter consecuencias na condución dos principais asuntos da axenda mundial.

Para China, asociacións como os BRICS non son bloques ou alianzas no sentido tradicional, senón entidades multilaterais que concretan a súa aposta por unha orde multipolar e por un novo tipo de relacións internacionais. Non están baseadas na solidariedade ideolóxica, ausente de xeito evidente. Tampouco nunha adhesión automática como puidese suxerir unha hipotética confesionalidade do signo que for. A súa forza radica na posta en valor dunha heteroxeneidade que foxe do antagonismo e permite o alargamento das esferas de interese compartido. Son alianzas dun tempo por vir. E pronto poderían levar a dianteira fronte a quen insisten en salvar custe o que custe os vellos consensos.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais