Distribuir

Distribuir contido
IGADI 24 de Novembro de 2012 Lamoso González

Oportunidades para Galicia no Cumio bilateral España-Brasil

Entre os días 15 e 16 de Novembro tivo lugar na cidade de Cádiz o XXII Cumio Iberoamericano. O principal tema de debate foi a actual situación económica mundial e o principal obxectivo, a busca de fórmulas conxuntas de actuación para saír da crise. Con ese ánimo apelouse á necesidade de empregar fórmulas de crecemento que potencien a actividade económica, premisa sobre a que se basea o modelo anglosaxón, e non centrar unicamente a atención sobre as medidas de austeridade, opción defendida por Alemaña.

Como destacaba o propio monarca español (1), as relacións entre España e América Latina son fundamentais para tratar de superar a crise económica actual, situación que provocou que por primeira vez España deixara de ser o país de referencia. Nesta ocasión o centro de poder desprazouse cara a outra ribeira do Atlántico onde prevén unha taxa de crecemento entre 3,2 e 4% para o próximo ano (2).

Neste cumio participaron 22 países (19 americanos e 3 europeos), pero o grande protagonista, é dicir, o país que actualmente presenta un máximo interese para España é Brasil. Cabe destacar que no ano 2011 (3), o comercio bilateral entre Brasil e España alcanzou a cifra de case 6.200 millóns de euros, representando as exportacións un total de 2.584 millóns de euros e as importacións, 3.607 millóns. O déficit para España supera os mil millóns de euros. Estes datos mantéñense nos primeiros 3 trimestres do 2012 (xaneiro - setembro) onde a balanza comercial segue a representar un saldo negativo para España.(4)

Despois do Cumio Iberoamericano, o 19 de Novembro de 2012, celebrouse unha xuntanza bilateral ao máis alto nivel entre España e Brasil en Madrid. As delegacións incluíron tanto ministros (5) de ambos gobernos como por empresarios. Os temas a tratar foron fundamentalmente económicos e comerciais pero tamén os relativos á emigración, incluíndo o outorgamento de permisos de traballo para españois.

Neste sentido, o goberno brasileiro está a estudar a posibilidade de outorgar visados temporais a profesionais españois, preferentemente especializados en áreas de enxeñaría ou innovación, sectores onde o mercado brasileiro presenta carencias, e tamén o sanitario, xa que Brasil presenta un amplo déficit en número de facultativos.

É de especial interese resaltar que o goberno de Dilma Rousseff está a poñer en marcha un plan dotado con 133.000 millóns de reais brasileiros (máis de 53.000 millóns de euros) a executar, a priori, en 25 anos, pero tendo en conta os dous acontecementos de repercusión mundial que van ter lugar nos próximos anos en Brasil, estimase que a maior parte deses investimentos se implementen no vindeiro lustro (6). A maior parte deste orzamento estará destinado á construción de infraestruturas polo que España mostroulle á Presidenta brasileira o seu profundo interese en colaborar con Brasil na construción de estradas, portos, aeroportos e especialmente un tren de alta velocidade que unirá São Paulo con Río de Janeiro (7). Brasil ten previsto outorgar unhas concesións dotadas con 91 millóns de reais brasileiros no relativo a obras ferroviarias e 42 millóns de reais brasileiros para a modernización das vías xa existentes (8), o que tamén supón un grande incentivo para as empresas.

Grandes empresas españolas como Repsol, Telefónica e o BBVA ou o Santander levan anos implantados en América Latina, polo que o interese nesta ocasión centrouse nas pequenas e medianas empresas (9), as que contan con menos recursos. En concreto, os empresarios demandaban a mitigación de determinadas barreiras arancelarias ou trabas burocráticas que dificultan en grande medida os investimentos no Brasil(10). Outra das aspiracións é que se tomen medidas que favorezan os acordos entre empresas brasileiras e españolas para producir en conxunto. Así, facilitaríase  o acceso a financiamento local a través do Banco Nacional de Desarrollo Económico y Social (BNDES) ou do propio Banco do Brasil.

Por último, destacar que esta xuntanza foi de máximo interese para Galicia. Núñez Feijoo acaba de chegar dunha viaxe por Brasil co ánimo de conseguir contratos para as nosas empresas, fundamentalmente no sector naval. O executivo galego solicitoulle a Rajoy o traslado a Dilma Rousseff do interese que Galicia ten en investir no seu país, sobre todo no que respecta ao sector naval e as infraestruturas. Este interese materialízase a través das diferentes viaxes e das xestións das empresas galegas encamiñadas á consecución de ditas inversións. Precisamente, os datos reunidos pola delegación galega durante a última viaxe de Feijoo a Brasil foron de grande axuda para Rajoy á hora de defender a empresa pública Navantia(11) como a mellor opción para a construción dos barcos brasileiros (12). En concreto, Galicia está a facer un grande esforzo para conseguir o maior número de contratos posibles para o estaleiro de dita empresa en Ferrol.

Outro dos obxectivos do naval galego é Petrobras, a empresa enerxética brasileira que se atopa actualmente inmersa nun plan de ampliación da súa flota de apoio ás plataformas petrolíferas. Neste caso, os acordos pasarían ben pola constitución de sociedades mixtas entre empresas brasileiras e galegas ou ben por conseguir os contratos de construción das unidades que os propios estaleiros brasileiros non sexan capaces de levar a cabo. Estes acordos veranse beneficiados pola recente aprobación dun paquete de incentivos fiscais para a construción naval que, despois de estar bloqueados durante 18 meses, acaba de aprobar a Comisión Europea a través da Dirección Xeral da Competencia como resposta a unha iniciativa do Estado Español (13).

Como conclusión, débese resaltar a importancia destas reunións ao máis alto nivel para que as nosas empresas conten con máis facilidades á hora de conseguir contratos en países tan atractivos para os nosos investimentos como Brasil. Galicia ten un interese especial neste país. Por mor diso, quizais algún representante do noso goberno debera estar presente nestes encontros, defendendo en maior medida os nosos intereses e capacidades. Por outra banda, a recente aprobación do paquete de medidas fiscais máis flexibles para o sector naval eríxese coma una vantaxe comparativa para os estaleiros galegos e españois á hora de competir pola consecución de contratos, cuestión que Brasil poderá ter en conta.

1. Información recollida na versión dixital do diario Elpaís.com o 10 de Novembro de 2012. http://bit.ly/U7KwWq
2. Información recollida na versión dixital do diario Elpaís.com o 15 de Novembro de 2012. http://bit.ly/UskpHS
3. Información recollida na páxina web do ICEX. http://bit.ly/R7vClU
4. Información recollida na páxina web do ICEX. http://bit.ly/UQSEJa
5. Nesta xuntanza estarán presentes o Misitro de Educación brasileiro Aloizio Mercadante e o presidente do BNDES Luciano Coutinho; e pola parte española o homólogo de Educación José Ignacio Wert e o presidente de Telefónica Santiago Fernández Valbuena e nela trataranse temas relativos a educación, infraestructuras e enerxía. Información recollida no diario económico dixital Valor.com.br o 19 de Novembro de 2012. http://bit.ly/S5FWJF
6. Información recollida na versión dixital do diario ElPais.com o 19 de Novembro de 2012. http://bit.ly/S6BuKt
7. Información recollida no diario dixital intereconomía.es o 13 de Novembro de 2012. http://bit.ly/UAjVp6
8. Información recollida no diario dixital Valor.com.br o 18 de Novembro de 2012. http://bit.ly/S5FWJF
9. Información recollida na versión dixital do diario Elpaís.com o 15 de Novembro de 2012. http://bit.ly/UskpHS
10. Información recollida no diario dixital cronista.com o 15 de Novembro de 2012. http://bit.ly/TfhJRR
11. Precisamente Navantia, a través dun proxecto denominado Prosuper, é a empresa que conta con máis probabilidades para a construción de 11 buques para a Armada Brasileira, que terán un valor de 5000 millóns.
12. Información recollida na versión dixital do diario LavozdeGalicia.es o 19 de Novembro de 2012. http://bit.ly/T3QRkh
13. Información recollida na versión dixital do diario LavozdeGalicia.es o 20 de Novembro de 2012. http://bit.ly/Q7wXrw

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais