Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 20 de Novembro de 2015 VV.AA.

O xihadismo e o reto da seguridade en Asia Central

Unha análise de Martín Boado Carro (estudante en prácticas da USC)

O Daesh supón unha das grandes ameazas a nivel internacional para as grandes potencias mundiais. Ben o sabe Vladimir Putin, quen quere evitar a toda costa outro atentado como o do pasado 31 de outubro. É por iso polo que varios analistas – se cabe, un pouco alarmistas – achegados ao círculo do presidente advirten da inminente ameaza que supón sobre a rexión de Asia Central. A presenza militar rusa en Taxiquistán en xeral e na fronteira Taxiquistán-Afganistán en particular, ven explicada pola crucial necesidade de salvagardar a rexión. Rusia apuntou recentemente a catro dos cinco países centroasiáticos (Taxiquistán, Uzbequistán, Turkmenistán e Kirguistán) como as rexións máis vulnerables á expansión do Daesh na zona. A crecente presenza do grupo terrorista en Afganistán pon en risco as fronteiras con eses países, mentres que Moscova xustifica a súa presenza no territorio como medida para combatelos no exterior e defender a súa seguridade interna.

Porén, o asentamento do Daesh en Afganistán é altamente improbábel. Os talibáns máis Al Qaeda controlan boa parte do país, mentres que a carencia de base social, económica e política sumado á crecente rivalidade entre ambos grupos xihadistas, fan pouco crible un posible asentamento do Daesh neste país a curto prazo. Entón, a que se debe tanto alarmismo das elites rusas? Moscova non se opuxo con fervor ao éxodo masivo da xuventude que ultimamente emprendeu o seu camiño a Siria coa finalidade de combater co Daesh, xa que isto drenou os grupos insurxentes no Norte do Cáucaso. Pese a que a probable volta de xihadistas a territorio ruso poda supoñer unha ameaza a longo prazo, o goberno asume que unha gran cantidade deles non volverán, mentres que outros morrerán no camiño.

O actual contexto non é favorecedor das aspiracións rusas na rexión. O estancamento da economía, a baixada dos prezos do petróleo, as continuas sancións europeas máis a controvertida anexión da península de Crimea, son algunhas das variables explicativas da crecente desconfianza da rexión centroasiática do xigante ruso. Ademais, a nova Unión Económica Eurasiática (UEE), formada por Rusia, Kazajstán, Kirguistán, Armenia e Bielorrusia, é avistada como un desexo de Putin de establecer unha posición política dominante nos espazos ex soviéticos de Asia Central.

Así e todo, China estase a converter nun actor político determinante co seu achegamento aos países eurasiáticos mercé, entre outros, aos proxectos que xiran en torno á revitalización da Ruta da Seda. Pola súa banda, Irán aproveitou os acontecementos para culpar da situación aos seus inimigos no Golfo Pérsico e en Occidente. Por último, no contexto internacional, os EUA semellan ter moito interese na reordenación do mapa de Oriente Medio, mais tralos seus fracasos militares na zona, Rusia é visto como o mellor aliado para salvagardar a seguridade fronte ao xihadismo.

En consecuencia, Rusia amósase como o aliado máis contrastado para dotar de seguridade á zona. Moscova sabe do perigo que suporía para os seus intereses a entrada do Daesh en Asia Central. Por moi improbable que sexa polo de agora, a situación pódese agravar en países como Taxiquistán ou Uzbequistán. A caída do goberno usbeco podería supoñer a irrupción dunha sanguinaria guerra civil, na que organizacións extremistas como o Movemento Islámico de Uzbequistán xogarían un importante rol, similar ao acontecido na guerra civil en Taxiquistán nos noventa. Sen embargo, Putin ve nesta ameaza unha gran oportunidade tamén para acometer operacións estratéxicas na zona que leven consigo un aumento da influencia na rexión centroasiática.

Polo tanto, o papel do Daesh na rexión eurasiática pode non ser visto como unha gran ameaza para a zona; non obstante, podería ser un argumento de peso a modo de ferramenta política usada polas grandes potencias mundiais coa finalidade de favorecer os seus intereses políticos tanto na zona centroasiática como en Oriente Medio. Non obstante, non debe descartarse que a ameaza do Daesh en Asia Central increméntese co paso do tempo, por mais que agora sexa limitada.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais